Desnortes

 
As novas corporacións que teñen en todo o exterior retos e desafíos de gran envergadura para asimilar as novas tendencias do local, en especial aquelas que o articulan en función do global. E en Galicia queda moito por facer nese campo e non somentes no eido da cooperación internacional ao desenvolvemento. Basta comprobar o desnorte existente en materia de irmandades ou a nula presenza nas redes internacionais do municipalismo. Local e global non rivalizan, senón que se complementan. (Foto: "Os irmanamentos en Galicia. A ruta local do internacional", de María del Mar Gómez, libro da colección Texturas Internacionais, editado polo Igadi).
 

A implicación do poder local na cooperación internacional non é só un problema de destinar maiores recursos e de abordala como unha política pública máis, senón, sobre todo, de concepcións. O compromiso cooperante pérdese nun mar de contradicións. A primeira consiste en esixirlle o máximo de visibilidade a unha actuación que, no fondo, só aspira a facer algo, habitualmente modesto, polos máis necesitados dos países do Sur. Esa obsesión polo protagonismo resulta desproporcionada non só en función dos medios atribuídos a esta finalidade, senón das motivacións que deberían animar estas iniciativas. A febleza de ideario que deixa transcender esa consideración como filón de boa imaxe, leva a confundir cooperar con axudar, acompañar procesos con entregar diñeiro, e desenvolvemento con doazóns, transformando a loita contra a pobreza no mundo nun exercicio de caridade con escasas perspectivas.

Se a cidadanía asume en certo grao que as nosas institucións se impliquen neste tema, o que nos debería preocupar a todos é lograr o máximo de eficiencia posible, é dicir, garantir o equilibrio entre os obxectivos a lograr no seo das comunidades coas que se coopera tanto en termos de benestar como de consolidación democrática, e o fomento, aquí, da simpatía con estes impulsos a partir dunha maior comprensión e transparencia dese labor. A maiores, debería evitarse converter a cooperación nun campo a dominar por alguén senón a compartir por todos. En suma, hai que tomar partido pola cooperación, pero non facela partidista pois, aínda a sabendas de que a intensidade do compromiso de cada forza política é diferente, córrese o risco de destruír as bases mínimas dun consenso necesario.

A ese poder local que estes días fai balance, quédanlle aínda por diante varios exercicios. Este podería ser un dos sinais de modernización ética destas novas corporacións que teñen en todo o exterior retos e desafíos de gran envergadura para asimilar as novas tendencias do local, en especial aquelas que o articulan en función do global. E en Galicia queda moito por facer nese campo e non somentes no eido da cooperación internacional ao desenvolvemento. Basta comprobar o desnorte existente en materia de irmandades ou a nula presenza nas redes internacionais do municipalismo. Local e global non rivalizan, senón que se complementan. Fagámolo ben. E pensando máis nos cómplices ca nos protagonistas.