Despois de Strauss-Kahn

Apartados xeográficos Outros ARQUIVO
Idiomas Galego

Non serei eu quen defenda a Strauss-Kahn, que para iso xa está o filósofo francés Bernard-Henri Lévy. Con todo, digámolo tamén, a súa crítica feroz ao sistema xudicial americano, en canto que humillante para un acusado non condenado, ao que ademais se lle impón demostrar que non son certas as acusacións da denunciante, invertendo a carga da proba, merece ser tida moi en conta, maiormente se nos dá del unha imaxe preconcibida e falseada.

Pero, se queremos ser xustos, tampouco hai que esquecer que a política de Strauss-Kahn e o seu economista xefe, Olivier Blanchard, para Europa e para os países en apuros, se foi afastando todo o que lle foi posible do pensamento económico ultraliberal, feito moi positivo pero que, agora, nas circunstancias actuais, tendemos a esquecer.

Seguro que se en diante se impoñen os ultraliberais –e ben que están ao axexo para facelo sen miramentos, “sin complejos”, que diría JoseMari- estaremos recuando a uns tempos que non desexariamos. E esa posibilidade existe. Os pequenos cambios introducidos por Strauss-Kahn, defensor da regulación da actividade financeira, non son ben vistos no mundo “neocón”.

Por suposto que o seu cargo é apetecido en todo o mundo, como proba o feito de que a prensa dea unha atención moi especial á posibilidade real de que o sucesor non sexa europeo e que se quebre así o acordo que sempre se mantivo de que fose europeo o director xerente do FMI. Non tardaremos en sabelo.

Todo semella sinalar que a francesa Christine Lagarde, de moi semellante criterio reformista, está moi ben situada para ser a sucesora de Strauss-Kahn,. Pero hai outras moitas posibilidades, ou candidatos. En Europa parece que se teme que un novo cumio no FMI poida supoñer unha volta ao pasado que inflúa negativamente nos créditos a Europa. O cambio non é indiferente, nin moito menos, xa que, como dicimos, pode ser a peor.