Despois de Yassin

O asasinato de Ahmed Yassin, líder espiritual de Hamas, con tres mísiles lanzados dende un helicóptero israelí, matando a outras catro persoas e ferindo a outras doce, é revelador da extrema desigualdade de medios con que operan os actores en conflicto e da lóxica suicida que anuncia unha nova espiral de violencia en Oriente Medio e probablemente tamén en calquera parte do mundo onde poidan ser identificados e atacados intereses xudeus.

Unha vez mais, Ariel Sharon trata de influír na evolución desta interminable guerra aberta apostando pola aplicación de medidas de naturaleza estrictamente militar. A execución extraxudicial, terrorismo de estado puro e duro, non puido ser condenada no Consello de Seguridade de Nacións Unidas polo veto estadounidense, respaldando a intransixencia do gabinete israelí e a súa política de terra queimada, aínda a sabendas de que iso implica a liquidación de toda esperanza de arranxo político. ¿Quen se lembra xa da Folla de Ruta? ¿do Plan de Paz de Xenebra?

O asasinato de Yassin, como o asedio prolongado de Arafat ou a construcción do muro de separación "cun custo estimado de 20 millóns de dólares-, son evidencias contundentes dos retrocesos experimentados no entendemento entre palestinos e israelís, pese a que os avances foran anunciados como unha das positivas consecuencias da liquidación de Saddam en Iraq. Todo so pretexto da seguridade, obsesión reducida á adopción de medidas de corte policial ou militar que dificilmente poden aliviar a presión existente na zona. Os ataques propiciarán mais atentados suicidas contra obxectivos israelís e esa espiral incrementará o apoio popular das forzas radicais existentes a un e outro lado, expulsando á periferia aos partidarios dun acordo.

Poida que Sharon persiga a reducción de riscos en Gaza, agora que xa anunciou a enganosa retirada das súas tropas, ou substituír a "inoperancia" das autoridades palestinas na loita contra as organizacións armadas que non controla, optando pola eliminación física das súas cabezas mais visibles; pero con independencia da reacción de Hamas, o propio Arafat corre o serio risco de verse deslexitimado por unha sociedade que acumula odio cada día que pasa e radicaliza inevitablemente as súas aspiracións.

Paradoxalmente, Ariel Sharon pode verse obrigado a dimitir, non pola presión cidadá ou internacional ante unha política execrable, senón por un escándalo de corrupción. É coma cando lemos que boa parte da sociedade norteamericana rexeita a Bush porque a súa política supón a morte de soldados estadounidenses. Os demais non contan, nin recibirán honores.

Pese a todo, de maior calado que o asasinato de Yassin é a construcción do muro. Se a comunidade internacional, incluída a pusilánime Unión Europea, permite que esta barreira sexa completada, converterá calquera proxecto dun estado palestino nunha simple broma. A parte xa construída do valado, unha cuarta parte máis ou menos do total, discorre bastante apartada da Liña Verde, que separa Israel de Cisxordania e penetra profundamente no territorio desta última, anexionándoo de feito a Israel. En paralelo, a actividade de ampliación dos asentamentos continúa sen descanso en Cisxordania. Sharon, pola súa banda, declara cinicamente que non pode atopar ningún interlocutor co que falar das súas "ideas" dun miniestado palestino. É doado afirmar que nunca o atopará.

É hora de iniciar outro tempo, outra política, con outros actores. Bush, Sharon e outros coma eles precisan sempre da guerra, da obsesión pola seguridade para sobrevivir politicamente. Pero os palestinos "ou os chechenos ou os iraquís" nunca serán derrotados de todo militarmente. Despois do asasinato de Yassin é o momento de lembrar que soamente un acordo político pode poñer fin ao conflicto.