Desvarío en Miami

¿Estamos perante o principio do fin do conflicto ideolóxico que enfronta a Estados Unidos e a Cuba dende hai coarenta anos? ¿Basearanse as relacións bilaterais na construcción progresiva dun marco mínimo de intereses comúns nucleados arredor do imperio da lei? Sen medo a esaxerar, resulta inevitable unha lectura política do rescate de Elián González. O asunto non porá fin a tan peculiar guerra "fría" caribeña, pero pode abrir perspectivas reais para que se produza un cambio nas relacións entre Washington e La Habana. Son moitos os inimigos da normalización, moitos os que na illa e no continente están acomodados na actual situación, pero sen dúbida a fenda está aí e só falta comprobar se haberá ou non atrevemento mutuo para explorala. E tamén se haberá ocasión, pois é unha incógnita cómo afectará o rescate ás expectativas do candidato demócrata Al Gore, pero está por ver que a coherencia demostrada polas autoridades de inmigración ante o desvarío fanático e mesiánico dos cubanos máis radicais lle resulte negativa. Sería esaxerado identificar a "Pequeña Habana" coas comunidades hispanas de Norteamérica.

A aproximación estadounidense ás teses cubanas descansa na falta de entendemento co poderoso lobby cubano de Miami e a Fundación Nacional Cubano-Americana. O exilio cometeu un erro de cálculo importante e non lle resultará doado recompor a súa unidade interna e a súa influencia. A perda de simpatía entre a opinión pública norteamericana, favorecida por esa imaxe de radicalismo e intransixencia que os sitúaba por riba e á marxe da lei, pero sobre todo a severa fractura experimentada na súa relación coa Casa Branca, poden propiciar unha ocasión histórica para que sexa a propia Administración quen elabore, por sí mesma, unha política para Cuba sen a mediatización do exilio ou apoiándose nos sectores máis dialogantes. Fidel, pola súa banda, serviuse do caso Elián para cohesionar á sociedade cubana arredor do seu proxecto de resistencia. Onte mesmo celebrabanse na illa eleccións municipais. As urnas, custodiadas por trescentos mil nenos, evidenciarán unha vez máis o respaldo con que conta o réxime. O rescate sitúa agora este dramático culebrón na súa recta final. A rutina e as súas insatisfaccións espreitan a Cuba. En nada lle prexudicaría un xesto conciliador.

Cómpre significar, por último, que todo cubano debe ter plena liberdade para saír do seu país e tamén debería tela para entrar en Estados Unidos. Lexítimas aspiracións ambas as dúas, pero ás veces tanto ou máis difícil de materializar a segunda que a primeira.