20060309 rowa irfaiyyah309

Día da muller palestina

 Rowa Irfaiyyah, clic para aumentar
Un claro exemplo de opresión é Rowa Irfaiyyah, unha hebronita de 25 anos que se declara apátrida sentimental. Afirma que ten un conflito de identidade que provoca que se sinta coma unha extraterrestre no seu propio país, "unha refuxiada emocional" na súa propia terra natal. E é que Rowa tivo que abandonar Hebrón por negarse a rexeitar a súa liberdade, provocando, daquela, o rexeitamento dos seus máis achegados. (Foto: Rowa Irfaiyyah. ©Moncho Iglesias Míguez 09/03/2006).
 

Os turbulentos sucesos que marcaron a historia de Palestina durante o século XX imprimiron unha importante responsabilidade na muller palestina, garda dunha sociedade magoada debido a sucesivas ocupacións e ataques de dominación estranxeira. A agonía desta sociedade continuamente maltratada descansou nas costas da sensible, xenerosa e loitadora muller, que soubo curar as feridas provocadas en todas as frontes.

Con todo, a pesar de seren as mulleres un compoñente activista esencial na loita pola causa palestina, tiveron que afrontar liortas internas que imposibilitaron, e aínda imposibilitan, a súa total liberdade de expresión. Ás barreiras formadas polo conflito palestino-israelí, hai que sumar os retos resultantes dunha sociedade patriarcal que veda o acceso da muller a moitos terreos. Así, a muller aínda non foi quen de xogar un papel fundamental nos procesos decisivos da nación e non acadou máis que un aceso limitado tanto no ámbito gobernamental coma no mercado laboral.

É por estas razóns que o día internacional da muller, en Palestina, está cuberto por burkas de difícil visibilidade que outorgan un maior protagonismo a esas vestimentas que ocupan e preocupan a diario. Neste sentido, as propostas de marchas en defensa da igualdade de dereitos entre persoas de sexo contrario, aquí se traducen en longas colas de espera para intentar pasar un punto de control militar entre poboacións. Malia estas pexas, diversos actos en universidades e centros culturais, como o "Festival de Cine de Mulleres Pioneiras" que, por medio de varios documentais, amosa a vida e obra de importantes figuras do movemento feminista árabe, serven para aplaudir a labor da muller traballadora.

Un claro exemplo de opresión é Rowa Irfaiyyah, unha hebronita de 25 anos que se declara apátrida sentimental. Afirma que ten un conflito de identidade que provoca que se sinta coma unha extraterrestre no seu propio país, "unha refuxiada emocional" na súa propia terra natal. E é que Rowa tivo que abandonar Hebrón por negarse a rexeitar a súa liberdade, provocando, daquela, o rexeitamento dos seus máis achegados.

 Rowa Irfaiyyah, clic para aumentar
Ser feminista, ou mullerista, como prefire definirse Rowa Irfaiyyah, en Palestina, non é o mesmo que noutros lugares. Deste xeito, ela mesma tivo que sufrir o desprezo da sociedade de Hebrón polo seu carácter de rebeldía contra normas establecidas que non comparte e que, moitas das veces, fan que se sinta "violada visualmente". Así, o pai chegou a ameazala un día porque se negaba a usar o veo: "ou cobres o pelo para ir á universidade ou quedas na casa", berroulle nunha ocasión. (Foto: Rowa Irfaiyyah. ©Moncho Iglesias Míguez 09/03/2006).
 

Citando á escritora Alice Walker, Rowa descríbese como mullerista máis que como feminista. E defende a súa postura baseándose na idea de que a igualdade entre homes e mulleres é imposible; aínda máis, non debería procurarse tal. Esa suposta paridade veríase reflectida na perda de feminidade por parte da muller, e ela non está disposta a masculinizarse polo mero feito de recibir os mesmos dereitos que un home. Así, Rowa mantén que esa igualdade que intenta acadar é unha igualdade de dereitos. Para iso, sen desbotar a parte masculina que toda muller ten, cre que as dúas faccións deberían interactuar, coma o "yin" e o "yan". É por isto que non só admita que un home lle abra a porta para entrar nalgún lugar, ou amose qué é un cabaleiro tradicional, senón que esixe ese comportamento.

Ser feminista, ou mullerista, como prefire definirse Rowa, en Palestina, non é o mesmo que noutros lugares. Deste xeito, ela mesma tivo que sufrir o desprezo da sociedade de Hebrón polo seu carácter de rebeldía contra normas establecidas que non comparte e que, moitas das veces, fan que se sinta "violada visualmente". Así, o pai chegou a ameazala un día porque se negaba a usar o veo: "ou cobres o pelo para ir á universidade ou quedas na casa", berroulle nunha ocasión. Rowa accedeu naquel momento, aínda que confesa que ao saír da casa descubriu a súa melena, nun dos primeiros actos de rebeldía mullerista e é que, sostén, o pai non tiña ningunha razón para obrigala a vestir de ningunha forma. Son as mulleres relixiosas as que tapan o seu cabelo, pero o pai xamais lle pediu que rezase "un dos cinco piares do islam", e o feito de obrigala a cubrirse era para evitar as lerias da veciñanza, remisa a aceptar sublevacións dese tipo.

 Rowa Irfaiyyah, clic para aumentar
Agora Rowa traballa na universidade de Hebrón e vive en Belén, onde ten maior liberdade. Emporiso, afirma que para ser parte da sociedade na que vive hai que ser hipócrita para non acabar esmagado. Hai unha idea preconcibida do que unha muller tería que ser, e resulta complicado aceptar unha muller sen estar encaixada dentro dun marco determinado. Edúcase á muller para ser esposa e ter fillos e, aínda que estea admitido que poda ser algo máis, primeiro ten que casar e cumprir coas obrigacións do matrimonio. (Foto: Rowa Irfaiyyah. ©Moncho Iglesias Míguez 09/03/2006).
 

Na actualidade Rowa non ten ningún tipo de relación coa súa familia. Hai preto de dous anos que non fala co pai, a quen chegou a enfrontarse dicíndolle que podía matala se quería, pero non ía pechala en ningures. A relación co resto de membros da familia é nula, aínda que hai uns días viu a un dos seus irmáns, con quen apenas cruzou unha mirada e de quen comenta que "é avogado, por irónico que pareza, posto que non ten nin idea de dereitos humanos".

Agora Rowa traballa na universidade de Hebrón e vive en Belén, onde ten maior liberdade. Emporiso, afirma que para ser parte da sociedade na que vive hai que ser hipócrita para non acabar esmagado. Hai unha idea preconcibida do que unha muller tería que ser, e resulta complicado aceptar unha muller sen estar encaixada dentro dun marco determinado. Edúcase á muller para ser esposa e ter fillos e, aínda que estea admitido que poda ser algo máis, primeiro ten que casar e cumprir coas obrigacións do matrimonio.

Datos non reflectidos en ningures demostran que a violencia de xénero é un problema que afecta á sociedade palestina e que, dende a segunda intifada veu en aumento. Sobre estes datos, Rowa declara que a situación é similar á da África do apartheid, onde a clase oprimida non se pode revelar contra o poder dominante e descarga a súa ira contra a parte máis achegada e débil.

O novo goberno manexa, dentro das súas propostas de traballo, non só a defensa da liberdade do estado palestino, senón tamén apoio ás partes máis necesitadas da sociedade. Se isto se consegue, daquela, quizais se poda falar de manifestacións en prol da muller traballadora en vindeiros anos, e non de fileiras de mulleres esperando a súa quenda para poder moverse dun lugar a outro.