200512tabare vazquez e nestor kirchner

Dilema uruguaio: EEUU ou Mercosur

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego
 Tabaré Vázquez e Néstor Kirchner, clic para aumentar
Dende que comezou o 2006, o Mercado Común do Sur ten sido sacudido por múltiples descargas de alto voltaxe, que teñen electrizada, polarizada e convulsionada a diplomacia da rexión. (Na foto, Tabaré Vázquez (á esquerda) e Néstor Kirchner na Cimeira do Mercosur en decembro de 2005).
 

"Se Uruguai negocia un TLC (Tratado de Libre Comercio) con EEUU, tería que abandonar o Mercosur". Estas contundentes declaracións do chanceler brasileiro, Celso Amorim, expresan a escalada de tensións que están a vivir os socios do Mercosur.

Dende que comezou o 2006, o Mercado Común do Sur foi sacudido por múltiples descargas de alta voltaxe, que teñen electrizada, polarizada e convulsionada a rexión. A construción de factorías de celulosa na fronteira uruguaio-arxentina, a reactivación da obsoleta central nuclear de Atucha II en Arxentina, o laio amargo de Uruguai e Paraguai por sentirse ninguneados neste Mercosur profundamente asimétrico, ou as loubanzas de Astori, Ministro de Economía uruguaio, sobre as virtudes que tería un Tratado de Libre Comercio con EEUU, teñen disparado todos os dispositivos diplomáticos, para tentar estabilizar as "eléctricas" relacións diplomáticas zonais.

Mais, ¿que aconteceu para que Kirchner veña a recoñecer que hai tempo que non fala con Tabaré Vázquez?

Primeiro foi o tema das plantas celulosas que a finlandesa Botnia e a maioritaria galega Ence, coa anuencia dos sucesivos gobernos charrúas, están a construír nas beiras do Rio Uruguai, na fronteira con Arxentina, levantando aireadas protestas dos veciños.

As discrepancias bilaterais chegaron ata as máis altas instancias políticas. Kirchner declarara que Tabaré se equivocaba e o Presidente uruguaio retrucou: "Somos un país libre, democrático, soberano e independente. Non vamos permitir que ninguén de fóra veña a marcarnos a cancha delimitando as liñas do que temos que facer". Máis alá foi o Presidente da Comisión Permanente do Mercosur e senador frenteamplista, Jorge Saravia, compañeiro de bancada de Eleuterio Fernández Huídobro, quen ven de visitar Galicia convidado pola Fundación Galiza Sempre, e compañeiro tamén de partido no MPP (Movemento de Participación Popular, herdeiro dos guerrilleiros tupamaros): "Arxentina nos acusa de violentar normas ambientais do Mercosur coas papeleiras, cando eles están armando un novo Chernobyl que pode afectarnos moito máis". Refírese Saravia á central nuclear Atucha II que está localizada ao norte de Bos Aires, en Lima, ao pé do río Paraná, xemelga de Atucha I. Catalogada como unha das centrais con maiores problemas de funcionamento en América Latina, xera na actualidade 357 megavatios, algo menos da metade dos 745 megavatios que esperan produza Atucha II, un proxecto de 1980, asinado durante a ditadura militar, completamente obsoleto, con dificultade para fornecer os insumos, xa que a empresa coa que se asinou o contrato, a Siemens, deixou de traballar hai anos na liña de reactores nucleares. Asemade, os compoñentes almacenados nos depósitos arxentinos están vetustos.

Para defender as factorías celulosas, os 2.800 postos de traballo que se poden xerar ou o investimento de 1.800 millóns de dólares, a esquerda uruguaia sacou da vitrina aos respectábeis próceres do frenteamplismo, como o fundador "Liber Seregni", quen xa prometera " o Frente Amplo impulsará a industria madeireira nacional".

Máis tarde viría o tema das asimetrías rexionais e os desequilibrios comerciais, nos que Uruguai e Paraguai, séntense empequenecidos, diante do eixe Buenos Aires-Brasilia, que agora se estende ata Caracas.

Neste contexto de desconfianzas riopratenses, EEUU tense aproximado a Uruguai, nun intento de dividir o Mercosur. Thomas Shannon, Subsecretario de Estado para Asuntos do Hemisferio Occidental da Casa Branca, está a ofertar múltiples tratados de libre comercio con países como Perú, Colombia, Ecuador, Paraguai, de Centroamérica… Mesmo Evo Morales ten una proposta enriba da súa mesa no Palacio Queimado.

A Administración estadounidense ten avaliado como inviable un ALCA no actual mapa político latinoamericano. Para contrarrestar os robustecidos eixes zonais Buenos Aires-Brasilia-Caracas-La Paz…, nos que Hugo Chávez está adquirindo un progresivo protagonismo, EEUU dispón unha manchea de tratados bilaterais ou rexionais, que manteñan activas estreitas relacións coa superpotencia do norte.

Ninguén quere un curtocircuíto. Todos semellan preocupados pola intensidade dos intensos calambrazos que sentiron no corpo e albíscanse recentes signos de distensión que eviten o colapso.

No conflito das celulosas, as propostas dos medioambientalistas arxentinos teñen ido rebaixando os niveis de esixencia. Primeiro pediuse a paralización do proxecto, despois a adopción unilateral uruguaia de tecnoloxía TCF (Totalmente Libre de Cloro) que encarece un 20% o custe final do proxecto, logo propúñase o traslado de Ence e Botnia uns 40 km máis ao sur do mesmo río Uruguai, a continuación insinuaríase un pacto bilateral polo que, se Uruguai asumía tecnoloxía TCF, entón Arxentina comprometíase a obrigar as súas catro celulosas a adoptar, nun prazo de cinco anos, a mesma tecnoloxía.

Cando o activista e líder da cruzada anti Ence-Botnia, o gobernador de Entre Rios, Jorge Busti, recibiu unha chamada do seu amigo Kirchner, na que o presidente lle pedía: "Jorge, deixa o asunto das papeleiras en mans de Taiana (Ministro de Exteriores), que dese tema vamos ocuparnos nós", decatouse que a Casa Rosada ía deixar de ser un aliado incondicional na causa; percepción que confirmou cando viu na TV ao seu Presidente asegurando que non se debían alentar expectativas xenófobas nacionalistas.

No dilema entre as dúas noivas que pretenden a Uruguai: Mercosur e EEUU, tamén aparecen vestixios de maior tranquilidade diplomática. Nos albores do novo ano, esporeado polo conflito das papeleiras, o máis liberal dos ministros uruguaios, o que detenta a carteira de economía, Danilo Astori, manifestara: "Estamos máis preto de EEUU que do eixe Arxentina-Brasil… Un tratado de libre comercio con EEUU non só potencia as posibilidades de investimento, senón que xera importantes incrementos de actividade económica… identifícome moito máis cos instrumentos do goberno chileno que cos do arxentino".

O chanceler Gargano, menos categórico, referiuse ao tema con maior suspense "Se EEUU nos elimina da lista de taxas 300 produtos sensíbeis como a carne ou a la e os deixa en arancel cero. ¿Como non vou querer un TLC con EEUU, un mercado xigantesco?". As palabras do Ministro de Exteriores Uruguaio, transmitían a improbabilidade de tan xenerosa cesión norteamericana, proclive sempre a defender a súa propia agricultura, e arrefriaba as expectativas do acordo bilateral.

Kirchner debeu ler entre liñas, porque axiña retrucou: "Non podemos ser xendarmes, hai que ser flexíbeis e entender a situación de cada país".

Por máis que aseguren que están saíndo da crise e non poden exercer de Alemaña no Mercado Común do Sur, Brasil e Arxentina teñen que entender que non poden marxinar permanentemente aos aliados naturais e que as asimetrías son reais.

En definitiva, deben comprender algo tan simple como o que declarou Evo Morales tras a súa xira pre-presidencial: "…Logo de visitar moitos países e gobernantes, cheguei á conclusión de que a principal tarefa que debe desempeñar un Presidente é facer bos negocios para o seu país".

Todos os presidentes están no seu dereito de procurar este obxectivo. Todos, independentemente do tamaño do país e das súas contradicións.