Os 150 xefes de goberno e presidentes, despois de tres días reunidos no cumio do Milenio, regresaron aos seus países de orixe. Todo foron boas palabras: reducir a pobreza, protexer o medio ambiente e asegurar a paz. Nada máis. O mesmoKofi Annan tivo que pedir feitos e non retórica. Os dirixentes gobernamentais, nomeadamente os europeos, tiñan máis interese en ver como frear a continua suba do prezo dos combustibles, e xa que logo pola reunión dos países productores en Viena, que na longa ladaíña de vagos e aburridos discursos.
A maior reunión de máximos mandatarios da Historia, a pesares dos cinco minutos de intervención para cada dirixente, rematou nun bocexo permanente. A xuntanza convocada por Nacións Unidas non respondeu á entusiasta actitude de Kofi Annan. Os gobernantes estaban máis interesados nos contactos bilaterais que no que se debatía na sala de plenos. Todo foi intercambiar opinións e non resolver nada.
Nin palestinos e israelís, nin hindús e paquistanís avanzaron nos seus respectivos procesos. Indonesia non se comprometeu a desarmar as milicias que volven asolar Timor. As peticións de socorro dos estados africanos non foron escoitadas: nin se tomou unha resolución que recoñeza o seu "dereito ao desenvolvemento" nin se tratou con seriedade a reducción da "débeda externa" que afoga aos países subdesenvolvidos. Séguese afirmando o papel da ONU nas misións de paz ao tempo que Bill Clinton non deixaba aberta nin unha regaña á posibilidade de saldar a débeda de 1.700 millóns de dólares que os EUA teñen con Nacións Unidas, ao tempo que desbotaba tratar a proposta norteamericana da "defensa antimísiles", por ser asunto do seu sucesor. China e Rusia pasaban. Mentres, xunto aos outros tres membros do Consello de Seguridade, facían oídos xordos ás tímidas propostas contra o antidemocrático "dereito de veto" e ignoraban, absolutamente, calquera suxestión que fose no camiño de revitalizar a vella organización.
Nacións Unidas segue coa mesma estructura coa que naceu en 1945. Durante os anos da "guerra fría" estivo limitada pola política de confrontación entre bloques. Só nos anos da distensión deu mostras dunha certa vitalidade sempre limitada polo sistema bipolar. Na década dos noventa foi víctima do predominio norteamericano que a desautorizou, definitivamente, ao empregar a OTAN como pretendida forza de pacificación. O traballo de miles de funcionarios, os esforzos pacificadores, as axudas ao desenvolvemento, as campañas educativas e sanitarias topan sempre coa lousa dunha estructura obsoleta. Cumpre modificala. O mundo global necesita unhas Nacións Unidas democráticas, con capacidade de decisión e de facer cumprir as súas resolucións.
Nos corredores falábase doutros asuntos: relacións comerciais bilaterais e nomeadamente da suba dos derivados do petróleo. Os países desenvolvidos, agás EUA, aproveitaron as tres xornadas neoiorquinas para premer aos productores para que aumenten a oferta para provocar unha caída dos prezos, que acadan cifras similares ás de 1990 (guerra do Golfo) e están próximas ás de 1981 (guerra Irán-Iraq) coa diferencia de que as subas non veñen producidas por conflictos bélicos. Moitos analistas occidentais apuntan que a escalada nos prezos pode xerar unha recesión similar á provocada pola guerra árabe-israeli do Yom Kippur (1973).
As pretensións do presidente venezolano Hugo Chávez de revitalizar a OPEP son contempladas, nomeadamente en medios europeos, como unha seria ameaza. Os estados europeos fináncianse en grande medida do recadado polos impostos sobre carburantes e a permanente debilidade do euro encarece de xeito constante o prezo do barril.
A OPEP está dividida en dous grupos. O liderado por Arabia Saudita (Emiratos Árabes, Qatar e Kuwait) partidario de aumentar a producción e ceder ás presións occidentais fronte ao encabezado por Venezuela (Irán, Iraq, Libia e Alxeria) dispostos a demostrar a fortaleza da OPEP e a non ceder ás presións. A decisión final de aumentar en .000 barrís a producción é de compromiso, xa que se superan os .000 que defendían os partidarios de conter a producción e non se chega ao millón que propoñía Arabia Saudita. En todo caso o aumento real será duns 100.000 pois o resto estaba no mercado dende xullo, cando 10 membros da OPEP pactaran, pola súa conta, un aumento da producción.