Disuasión iraniana

Apartados xeográficos Oriente Medio
Idiomas Galego

A prolongación durante dez días de exercicios navais militares, con ensaios misilísticos incluídos, levados a cabo por Irán no estratéxico Estreito de Ormuz, punto de enclave entre o Golfo Pérsico e o Golfo de Omán e por onde transita máis do 30% do transporte petroleiro mundial, non pode supor máis cun exercicio de disuasión e persuasión enviado por Teherán cara o presidente estadounidense Barack Obama e a Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA), en vésperas de posibles sancións internacionais contra as exportacións do cru iraniano.

Deste modo, Teherán estende este pulso ante a aparente paralización das súas negociacións nucleares coa AIEA, auspiciadas polo denominado Grupo dos Seis conformado polos cincos membros do Consello de Seguridade da ONU (EUA, Francia, Gran Bretaña, Rusia e China) mais Alemaña. A ONU xa advertiu da próxima apertura dun marco de sanciones contra os países que compraran cru iraniano, un escenario que afecta seriamente á alicaída economía iraniana, sacudida polas sancións impostas pola AIEA no curso do 2010.

Paralelamente, o anuncio oficial en Teherán sobre o eventual peche do Estreito de Ormuz xa manifestou unha inmediata reacción por parte de Washington, advertindo de “non tolerar” esta media. EUA mantén a súa estratéxica V Flota nas augas deste Estreito e do Golfo Pérsico, unha realidade que intensificaría o factor militar desta crise. Paralelamente, o eventual peche deste estreito dispararía os prezos internacionais do cru, un aspecto aínda mais sensible nunha conxuntura de crise económica global.

Teherán calcula estratexicamente cada paso desta crise, con especial énfase na reacción por parte dun presidente Obama cada vez mais focalizado na busca da súa reelección en novembro próximo. Sen sepultar a súa oferta de retornar ás negociacións coa AIEA, os exercicios militares iranianos disuaden a Occidente sobre a intensificación dunha crise que xa levou a comezos de decembro pasado a un importante conflito diplomático entre Teherán, Washington e Londres, tralo derrube en territorio iraniano dun avión espía estadounidense non tripulado e os ataques contra a embaixada británica no país persa.

Alén da retórica e dos exercicios militares, resulta pouco probable que Teherán cumpra a cabalidade as súas advertencias de peche do estreito de Ormuz, co cal intensificaría unha crise que podería resultar incontrolable e contraproducente. A súa mensaxe semella mais ben na necesidade de persuadir a Occidente a tomar en serio a potencialidade do programa nuclear iraniano, especialmente ante a actual conxuntura de focalizar a atención cara Corea do Norte trala recente morte do seu líder Kim Il Jong e as incertezas ante a sucesión nas mans do seu fillo Kim Jong-un.

A implicación chinesa e, en menor medida, dunha Rusia actualmente convulsionada polas protestas políticas, contribuiría na resolución desta crise aberta no Estreito de Ormuz. Pero crises como estas seguramente se reproducirán a mediano prazo, toda vez EUA non aborde unha óptica diferente que non sexa intensificar o seu cerco contra Irán, contando co obvio beneplácito israelí.