Djindjic vai gañando a Kostunica

O novo primeiro ministro de Serbia, Zoran Djindjic, mantén un duro pulso co Presidente federal, Vojislav Kostunica. O epicentro da loita pola poder desenvolveuse nas últimas semanas arredor do control da policía serbia. Djindjic conseguiu impor o seu candidato, Dusan Mihajlovic.

Mihajlovic é líder do partido Nova Democracia, integrante da DOS, e máis próximo de Djindjic ca de Kostunica, quen apostaba polo avogado Gradimir Nalic, un independente que se significou polo seu apoio legal aos estudiantes do grupo Otpor (Resistencia) e outras organizacións non gobernamentais. A súa designación foi pactada en decembro, pero agora Djindjic conseguiu evitala, e pasa a controlar a totalidade do ministerio serbio de Interior.

Mentres en Nalic pode observarse unha clara traxectoria de compromiso na defensa dos dereitos humanos, Mihajlovic é outro supervivinte do réxime de Milosevic a quen apoiou a mediados da década dos noventa ata as manifestacións do inverno de 1996-97. Nas filas da policía criticouse a Kostunica por intentar imporlles un musulmán na xefatura.

O avance de Djindjic leva a Kostunica a coquetear cos mandos do Exército federal. O seu comandante en xefe, Nebojsa Pavkovic, reafirmoulle a súa lealdade pois ven nel a única garantía contra unha purga do mando que dende outros segmentos da DOS estase a reclamar con insistencia.

O seguinte escenario do conflicto vai producirse na xefatura das forzas federais da policía, actualmente comandadas por Zoran Zivkovic, próximo tamén a Djindjic. Kostunica planea transferir a polícia de fronteiras, actualmente baixo control do Exército, á policía federal, para forzar unha reestructuración deste corpo e colocar a fieis seus en postos clave. Pavkovic acepta esta proposta coa que se prolongaría o pulso entre os dous líderes.