Do “espíritu de Biarritz” a Niza

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Biarritz foi o escenario dun consello informal que aínda está dando que falar. Así, o Parlamento Europeo tivo a oportunidade de coñecer os avances da Presidencia francesa da man do Ministro MOSCOVICI na súa intervención ante o pleno durante a sesión en Estrasburgo.

En Biarritz naceu o “espíritu de Biarritz” que se refire á vontade, que se presume “boa”, que teñen os xefes de estado e de goberno, de chegar a un tratado ambicioso en Niza.

O camiño, ata a data, non resultou nin fácil nin cómodo e tampouco sé prevén moitas melloras. Sen embargo, algo é algo e a mera constatación de tal “boa vontade” vendese xa como un logro.

De todas formas as cousas non van tan mal. É dicir, avanzouse positivamente en temas cando menos espiñentos. Así, houbo un amplo acordo en máis da metade dos puntos aos que l Presidencia propuso aplicar a maioría cualificada, aínda que quedan temas de arduo encaixe (asilo, visados e inmigración, materia fiscal, rexímenes de seguridade social, non discriminación e medio ambiente).

“Todos os Estados membros”, asegura a Presidencia francesa, están dacordo na necesidade de dar flexibilidade á que se prevé flexible por definición cooperación reforzada, se ben é certo que a poucos lles gusta imaxinar xa non unha Europa “á carta” senón un “self-service” como dixo GIL ROBLES. Pola súa banda, o Parlamento Europeo pronunciouse a favor do desenvolvemento das cooperacións reforzadas, considerando ao mesmo tempo “indispensable” o mantemento do marco institucional único.

En canto á ponderación de votos tamén existe un acordo xeralizado sobre o fondo, é dicir, a necesidade de afortalar á Comisión Europea pero aínda non se sabe moi ben a forma. En primeiro lugar o número de comisarios: uns Estados promoven un teito definitivo, cunha rotación equitativa entre Estados membros, mentres que outros defenden a fórmula dun comisario por Estado. En segundo lugar, a forma de votar: a través dunha ponderación simple ou coa dobre maioría simple ou ponderada.

Isto en canto ao que se deu en chamar “flecos de Amsterdam”, é dicir, cuestións que xa se deberan deixar resoltas en 1996 pero que o euro dificultou ata deixalas sen solución. Pero o propio proceso de integración reabriu o vello tema da constitución europea e con él, o da necesidade dun compendio de dereitos fundamentais no ámbito comunitario. Daí os traballos, xa concluídos, da Convención para a elaboración da Carta Europea de Dereitos Fundamentais.

En relación con ela, o Sr. MOSCOVICI informou á Cámara de que o Consello amosábase unánime á hora de valorar a calidade do texto que se proclamaría “solemnemente” en Niza, deixando para máis tarde a súa incorporación nos tratados xa que “a maioría dos Estados membros non estaban aínda listos”. Como dixo Enrique BARÓN, gardándoa “no caixón para mellores tempos”.

… Entón, chegará o ánimo do “espíritu de Biarritz” ata Niza? Polo pronto, deberá facer fronte ao conato de hostilidade que se agarda entre países grandes e países pequenos, hostilidade que quere reducirse pola trascendencia histórica das decisións que se pretenden adoptar de cara á ampliación. Dun xeito ou doutro, e tendo en conta que sempre houbo máis ou menos intereses encontrados entre os membros da Unión Europea, a razón da hostilidade entre grandes e pequenos non é banal: trátase do equilibrio de poder entre os membros, tanto no Consello como na Comisión, aínda que ésta, en teoría, é unha institución supranacional que se move única e exclusivamente por intereses comunitarios.

Tamén é criticable que esa boa vontade non sexa compartida polo público europeo e xa non tanto polo tradicional desinterese a respecto dos asuntos que trascenden as fronteiras nacionais, senón pola falla de transparencia que sempre se lle botou en cara ao proceso comunitario de toma de decisión (déficit democrático). Aínda que soamente fose por isto, sería positiva unha constitución europea: para facer accesible, aínda que sexa psicolóxicamente, un proceso que se desenvolveu de arriba cara abaixo e que, incluso hoxe, manten xeralizada tal dinámica.

Sen embargo, se hai algo claro é que Niza non proclamará unha constitución europea. Tratará iso sí de preparar tanto aos Estados membros como á propia Unión Europea para afrontar o triple reto da fin de século: en primeiro lugar, o reto dunha ampliación que primeiro se animou e agora se teme; en segundo lugar, o reto dunha reforma institucional a todas luces necesaria, e, en terceiro lugar, o reto da democracia ou da confianza cidadá cara a aínda descoñecida Unión Europea.

Por todo isto, os Estados membros tamén deberían preparar aos seus cidadáns de cara a facer fronte a estos retos porque, ao fin e ao cabo, trátase de “continuar o proceso de creación dunha unión cada vez máis estreita entre os pobos de Europa”…