O anuncio da saída de Venezuela do FMI e do Banco Mundial, xunto á serie de medidas adoptadas polo presidente Hugo Chávez, principalmente en materia petroleira, definen o sentido real da orientación ideolóxica e xeopolítica de Venezuela, encamiñada cara o "Socialismo do século XXI".
Romper drasticamente cun FMI e un Banco Mundial sumidos nunha crise política supón virar radicalmente a orientación económica e financeira que percorría Venezuela desde mediados dos anos oitenta ata a confirmación de Chávez no poder.
En 2007, as posibilidades para confirmar esta ruptura aumentan favorablemente para Chávez: en marzo pasado, Venezuela liquidou definitivamente a débeda que mantiña con estes organismos ata 2012, grazas aos elevados ingresos no fisco venezolano produto dos ingresos petroleiros, co cal aumentaba a marxe de manobra para Chávez.
Neste sentido, Chávez ofrece no seu discurso a necesidade de variar esta orientación das medidas neoliberais dos anteriores gobernos, sometidos a uns organismos "lacaios do imperialismo estadounidense" cara unha definición "autónoma e independente", plasmada no seu modelo "socialista bolivariano".
En materia petroleira, o simbólico acto de control definitivo por parte da empresa estatal PDVSA dos campos petroleiros anteriormente explotados polas multinacionais, realizado o pasado 1 de maio, confirma a finalización do proceso de "apertura petroleira" iniciado por Venezuela en 1995, e que permitiu o regreso das multinacionais enerxéticas ao país suramericano e caribeño.
Estes dous eventos ocorren dous días despois da celebración en Venezuela do cumio do ALBA, o proxecto continental impulsado por Chávez para opoñerse ao ALCA defendido por Washington, o cal confirma os eixes xeopolíticos que se están formando en América Latina.
O cumio do ALBA consolidou a esta alternativa como un posible modelo de desenvolvemento e integración autóctono, que xa conta con seis membros permanentes (Venezuela, Cuba, Bolivia, Ecuador, Nicaragua e Haití) e seis observadores. O eixe do ALBA adopta con entusiasmo este modelo "socialista bolivariano" de Chávez.
Con estes elementos, Chávez acelera radicalmente os cambios destinados a "construír o socialismo" en Venezuela. A conformación dun partido único que o sustente supón un factor esencial, aínda que provisto de diversas tensións políticas internas, que dará paso a un novo modelo político que permita consolidar o "poder participativo e popular", rematando coas estruturas administrativas e políticas anteriormente existentes.
Por outra banda, existe unha forte presión oficial cara os medios de comunicación, que terá unha proba de fogo o próximo 29 de maio, cando remate a concesión oficial da canle de televisión Radio Caracas Televisión, denunciado por Chávez como un "ente conspirativo e golpista".
A Organización de Estados Americanos, OEA, e diversos organismos de defensa da liberdade de expresión e dereitos humanos, critican a decisión oficial venezolana de pechar a RCTV. Este escenario leva a unha confrontación verbal entre Chávez e a OEA, incluso especulándose coa posible saída venezolana do organismo hemisférico.
Con estas decisións e medidas, Chávez confirma efectivamente a orientación da súa revolución para os próximos anos. Do FMI ao ALBA existe unha senda que determina os diversos e conflitivos camiños polos que Venezuela transitou e que aínda está por transitar.
