Dobre aniversario no Tíbet

 Palacio de Potala, en Lhasa; clic para aumentar
Nos últimos anos, eludindo afondar sinceramente na autonomía, Pequín alenta no Tíbet unha política baseada no fomento do progreso económico e no recoñecemento dunha diversidade cultural e relixiosa que pretende orientar cara o negocio turístico, pero privando esas diferenzas de calquera significación política. [Foto: Palacio de Potala, en Lhasa (Tíbet)].
 

Nas vésperas do dobre aniversario que conmemora a fuxida do Dalai Lama cara a India (1959) e dos disturbios que en 2008 a piques estiveron de estragar os Xogos Olímpicos de Pequín, China ven de publicar un novo Libro Branco sobre o Tíbet no que, en esencia, acusa aos gobernos occidentais de alentar a inestabilidade na zona e de zoscar as divisións co obxectivo de trabar a emerxencia do xigante oriental, frear o seu desenvolvemento económico e demonizar a súa política.

Sen lugar a dúbidas, a eliminación do réxime feudal vixente no Tíbet e o proceso modernizador subseguinte son feitos que cómpre valorar positivamente. No seu debe cómpre reseñar os traumáticos episodios vividos durante a Revolución Cultural, se ben estas calamidades afectaron ao conxunto do pobo chinés. Tamén cabe recoñecer a estrañeza que supón o aplauso que concitan as reivindicacións a prol do Tíbet en dignatarios e persoalidades escasamente proclives a apoiar movementos de corte nacionalista e moito menos secesionista. Non obstante, tamén débese salientar que a política chinesa a propósito do Tíbet e, en xeral, en materia de nacionalidades minoritarias adoece de graves taras, solapadas entre a represión e a propaganda.

Nos últimos anos, eludindo afondar sinceramente na autonomía, Pequín alenta no Tíbet unha política baseada no fomento do progreso económico e no recoñecemento dunha diversidade cultural e relixiosa que pretende orientar cara o negocio turístico, pero privando esas diferenzas de calquera significación política. Estas novas tendencias e a modernización das infraestruturas están a beneficiar, en primeiro lugar, a nacionalidades diferentes da tibetana en virtude dos procesos de inmigración activa a estas zonas. Os tibetanos seguen no seu mundo de pastoreo e rezos, o que mellor conserva a súa identidade, toda unha coiraza aparentemente impenetrable pero que podería ir cedendo en significación por mor do simple expansionismo demográfico, cada vez máis acusado.