O artigo corresponde á terceira das catro partes da serie "Ucraína e Rusia: crise no este de Europa" na que se analiza a Crise de Crimea e a Guerra de Donbas

Donbas

Fronte a Crise de Crimea, onde puidemos presenciar unha ocupación dun territorio de xeito “pacífico” e unha anexión a outro país como foi neste caso á Federación Rusa, a cuestión do Donbas é moi diferente. Nun primeiro momento, trala destitución de Yanukovich, as protestas irían en aumento, claramente vinculadas ao apoio social e electoral que o que fora presidente ata ese momento contaba na zona. Estas protestas virán reforzadas pola aparición de figuras que serán erixidas tanto en Donetsk, como en Luhansk como “Gobernadores do pobo”. Estes líderes ademais de guiar e organizar aos manifestantes para ocupar edificios gobernamentais, rematarían por declarar a independencia de ambas provincias por separado, formando as Repúblicas Populares de Donetsk (RPD) e de Luhansk (RPL).

Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Europa
Palabras chave Galicia Rusia internacional
Idiomas Galego

Fronte a Crise de Crimea, onde puidemos presenciar unha ocupación dun territorio de xeito “pacífico” e unha anexión a outro país como foi neste caso á Federación Rusa, a cuestión do Donbas é moi diferente. Nun primeiro momento, trala destitución de Yanukovich, as protestas irían en aumento, claramente vinculadas ao apoio social e electoral que o que fora presidente ata ese momento contaba na zona. Estas protestas virán reforzadas pola aparición de figuras que serán erixidas tanto en Donetsk, como en Luhansk como “Gobernadores do pobo”. Estes líderes ademais de guiar e organizar aos manifestantes para ocupar edificios gobernamentais, rematarían por declarar a independencia de ambas provincias por separado, formando as Repúblicas Populares de Donetsk (RPD) e de Luhansk (RPL).

Á hora de entender o que ocorreu no Donbas é moi relevante prestar atención á realidade que se vivía na rexión, que contaba cun pasado industrial moi relevante. Este pasado industrial convertera este lugar nun foco da propaganda soviética durante a URSS, que promovería a imaxe heróica dos mineiros da zona que proporcionaban carbón ao resto do país. Polo tanto, esta imaxe tan integrada nos habitantes da zona sumada ao proceso de asimilación cultural tamén levado a cabo durante a época soviética, provocaría que a poboación configurara unha identidade moi peculiar. A poboación de Donbas polo tanto, a pesares de ser na súa maioría de etnia ucraína, a maior parte da poboación tiña como lingua nativa o ruso debido a ese proceso de asimilación cultural, contando así cunha marcada identidade soviética.

Neste punto, a propaganda rusa previa e posterior ao Euromaidan xogaría un papel moi importante, configurando e influíndo directamente nunha poboación que non tiña unha cultura étnica moi establecida a pesares de ter por un lado esa maioría étnica ucraína e por outro esa marcada identidade soviética. Isto levaría a que a propaganda rusa calara dun xeito especial na rexión.

Esta propaganda distribuída principalmente polos medios de comunicación tradicionais de propiedade rusa, que consumía a maior parte da poboación da zona debido á proximidade entre países, tería como obxectivo establecer certas narrativas cun obxectivo claro, dividir a poboación e crear confusión. Por un lado, dende Moscú había interese en xerar unha vinculación directa entre a sociedade civil ucraína que demandaba maior transparencia e democracia no movemento do Euromaidan co ultra-nacionalismo ucraíno. Se ben, dentro do movemento do Euromaidan existiron sectores máis radicais, con grupos como o Pravy Sektor, de corte ultra-nacionalista de extrema dereita, estes non suporían unha maioría, dentro dunhas protestas masivas que englobaron a sectores civís de todas as clases

Sen embargo, esta propaganda quedaría centrada nestes sectores co obxectivo de crear confusión na poboación de zonas como Donbas, onde a percepción das protestas do Euromaidan eran totalmente negativas. Estas protestas serán percibidas como unha ameaza á súa forma de vida, á súa lingua e que poñía ademais en perigo os vínculos comerciais e económicos con Rusia, tan importantes na zona. Esta sensación de risco e incluso medo fronte ao Euromaidan faría que a pesares de ser unha zona do país na que os seus habitantes non tiñan ningún tipo de aspiración separatista comezará a existir unha gran división no que ao apoio a un achegamento a UE ou a Rusia se refería.

Ademais destas cuestións relativas á propaganda, cabe destacar a importancia que xogaron actores como as elites e os oligarcas da zona na crise. A rexión de Donbas funcionaba en Ucraína como bastión electoral do Partido das Rexións, sendo o apoio a este maioritario na zona, polo que a saída do mesmo do Goberno suporía unha enorme perda do poder do mesmo. Esa perda de poder suporía un duro golpe para as elites e oligarcas da rexión que mantiñan relación co partido, esta situación provocará que estes sectores vexan o apoio aos manifestantes anti-Maidan, posteriormente separatistas pro-rusos como unha oportunidade de manterse preto do poder. Sería a través destas redes informais como se organizaría a rebelión ao comezo, sospeitase se dende Moscú foron empregadas politicamente figuras de oligarcas rusos para financiar ás milicias ou se estes actuaron por conta propia. Fora dunha forma ou doutra, o interese e o oportunismo destes actores sería clave para financiar militarmente ás milicias sublevadas.

Se volvemos aos eventos ocorridos trala declaración da independencia de ambas Repúblicas Populares, tendo en conta a situación social e política na zona, cabe destacar a entrada dunha figura que cambiaría de xeito rotundo o senso do conflito, o militar veterán ruso, Igor Strelkov. O militar ruso será clave na evolución da crise, xa que chegaría a Donbas liderando unha unidade militar rusa que xa participara no proceso de anexión de Crimea, aterrizando agora en Donbas co obxectivo de apoiar as forzas separatistas e tomar control de edificios clave das autoridades locais. A aparición desta figura vinculada co nacionalismo e co exército ruso levaría ás autoridades ucraínas a vincular a intervención deste grupo cunha intervención militar dirixida por Rusia. Este feito cambiaría, como ben dixen o senso do conflito que pasaría de ter un carácter federalista, mostrado a través das peticións dos líderes separatistas a un conflito pola secesión.

A resposta das autoridades ucraínas ante esta rebelión discerniría en gran medida a esa mostra de non resistencia ocorrida en Crimea. Dende Kiev trataríase de controlar a situación dende o primeiro sen grande éxito, ao comezo da crise lanzaríase unha campaña que denominarían antiterrorista e que tería nulo éxito así como diversas contra-ofensivas. A través destas ofensivas conseguirían retomar o control de cidades como Mariupol, sen embargo, as grandes cidades como Luhansk ou Donetsk seguirán baixo poder separatista. Cabe destacar a Batalla do Aeroporto de Donetsk como un punto clave na crise, posto que o número de baixas efectuadas, a participación de numerosos voluntarios rusos e os efectos da mesma, suporían un antes e un despois, nunha crise que pasaría a transformarse nunha guerra convencional, a Guerra de Donbas.

Ademais de proporcionar apoio loxístico aos separatistas pro-rusos, dende Moscú tomaríase a decisión de despregar un total de 4.000 efectivos na zona para prestar apoio ás tropas separatistas.

A gran escalada do conflito empurraría a que a comezos de setembro de 2014 se firmara o coñecido como Protocolo de Minsk entre representantes da Federación Rusa, de Ucraína, da RPD , da RPL e da Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa, que tería como obxectivo lograr a paz e poñer fin ao conflito, tendo nulo éxito e obrigando un mes despois a firmar un novo Protocolo. Neste novo Protocolo estableceríanse entre outras cuestións, un alto ao fogo, liberación de prisioneiros e unha reforma constitucional en Ucraína que garantizara un status especial ás rexións sublevadas. Desta forma, o acordo era beneficioso para Moscú, xa que lle ofrecería un conflito conxelado en territorio ucraíno, formando tanto a RPD como a RPL parte de Ucraína, o que proporcionaría a Moscú un enganche estratéxico directo dentro do país veciño.

A través desta cuestión entra outra das causas polas que Rusia estaba interesada nun conflito aberto dentro de Ucraína, que non era nin máis nin menos que o posible achegamento de Ucraína á Unión Europea puidera supoñer un achegamento do país eslavo á OTAN. Este medo a perder a influencia directa e a posibilidade de ter tan preto das fronteiras a un membro da Alianza Atlántica fixeron indispensable a participación directa por parte de Moscú no conflito.

Antes de rematar gustaríame aclarar que dende setembro de 2015 e principalmente dende o ano 2016 aproximadamente o conflito entraría nun relativo estado de conxelamento que se vería interrompido por numerosas violacións ao alto ao fogo e numerosos incidentes. Sen embargo o conflito non volvería a escalar a niveis como os do ano 2014, nos que se concentran o maior número de vítimas mortais do conflito.

Hai múltiples episodios destacables e polémicos dentro da Guerra de Donbas que decidín non priorizar neste breve análise do conflito, pero que considero merecen unha mención pola relevancia dun xeito ou outro no propio conflito. Cando falo destes episodios refírome a como o ocorrido co derrubamento do voo comercial de Malasya Airlines MH-17, que provocaría un cruce de acusacións entre Kiev e Moscú trala morte de todo os pasaxeiros máis a tripulación. Por outro lado, hai cuestións a analizar e poñer sobre a mesa, como é a estrutura militar de defensa por parte de Ucraína, coa inclusión de batallóns como o Batallón Azov, acusado pola ONU de ter realizado violacións dos dereitos humanos en numerosas ocasións.

No seguinte e último capítulo da serie, ademais de realizar unha valoración a presente e futuro de ambos casos, reflexionaremos sobre as consecuencias deste conflito e a importancia de continuar estudando e analizando a situación que aínda a día de hoxe se vive en Ucraína.