Tres días antes das esperadas eleccións do 28-M, Fujimori e Chávez quedaban outra volta unidos por unha teimuda historia que se empeña en ligar a personaxes tan antiteticamente coincidentes.Os dous atravesan por indisimulados apuros, un pola desastrosa calificación colleitada en prácticas democráticas e outro por mor do suspenso en eficacia económica, que paseniñamente lle resta popularidade.
O Tribunal Supremo de Xustiza venezolano considerou que o audaz e innovador proceso de eleccións informatizadas, que se ía por en práctica para dixerir as complexísimas megaeleccións policéfalas, ( Presidente, Parlamento Venezolano, Gobernadores dos Estados, Deputados dos Estados, Parlamento Latinoamericano, Parlamento Andino, Áreas Metropolitanas…), aínda non estaba o suficientemente maduro como para garantir o correcto funcionamento do proceso de datos.
Esta decisión prexudica electoralmente ao actual mandatario, a quen as sondaxes de outorgaban entre 15 e 20 puntos de vantaxes, pero reforza o estado de dereito, acrecenta a credibilidade do ex-golpista e recibe os parabéns dos observadores internacionais.
O mesmo día en Lima tres dos cinco membros do Xurado Nacional de Eleccións, deron o "Nihil Obstat" á farsa electoral con monocandidato do día 28-M, ante a perplexidade xeneralizada.
Perú e Venezuela deixaban en carne viva a fraxilidade democrática de Latinoamérica, personalizada no binomio Chávez-Fujimori.
Ambos os dous están posesos polo don da arrogancia, son exemplares puros do populismo, foron primeiros actores en sendos golpes militares, dinamitaron os mapas electorais e volatilizaron os partidos tradicionais. Un e outro chegaron ao poder montados nunha xigantesca onda de descontento popular e están presos do seu egocentrismo.
Demasiadas coincidencias para personaxes tan diverxentes. Moi pouco ten que ver o calculador, pausado e frío "Chino", co típico producto caribeño en permanente e precipitada erupción dialéctica, que lle fai gañar inimigos a eito.
Pero mentres Fujimori non se achega ás urnas máis que por pura estética democrática, Chávez presenta unha adicción que provoca fartura social. Tres eleccións nun ano e medio, para elixir un Presidente, refrendrar unha nova constitución ou para renovar todos os cargos electos. ¡Nada menos!
Se o Fujimori non se aparta unha migalla dos férreos camiños do neoliberismo máis cru, o Chávez circula por vías máis próximas as teses do esquerdismo, nas que o social prima sobre a rendibilidade.
Mentres no Perú os medios de comunicación son meros mecanismos de perversión democrática ao servicio do oficialismo con épicas excepcións honrosas; Chávez nada contra da marea mediática, aínda que reciba o robusto impulso dos medios públicos que controla e manipula. Por certo, un imperdoable pecado no que fraquean outros moitos gobernos.
Tampouco son cotexables as torturas e mortes que executa o eficaz SIN (Servicio de Intelixencia Nacional) peruano, do temible Vladimiro Montesinos; coas ameazas e coaccións que perpetran os fogosos seguidores do militar bolivariano.
O espectro de Leonor da Rosa, unha moza de 34 anos, antiga axente do SIE (Servicio de Intelixencia do Exército) violada e torturada, paséase coas secuelas da súa paraplexía, como símbolo da resistencia. Soporta o amedrentamento dos seus ex-compañeiros que aínda a seguen a ameazar en Suecia e non se cega co espellismo dun cheque en branco a cambio dunha falsa carta de agradecemento ao "Chino".
Venezuela non é Perú, nin Chávez, Fujimori, mesmo para os que fuximos da senda cambiante dos guías populistas.