Dous procesos de paz

O 98 deixounos dúas ilusións abertas: o tratado de Stormont ou "acordo de venres santo" no Ulster ou Irlanda do Norte e a tregua decidida por ETA en Euskadi sur ou País Vasco español. O 99 semella empeñado en devolvernos á dura realidade.

Xa temos sinalado en diversas ocasións que os dous conflictos son ben diferentes tanto na xénese, coma no seu desenvolvemento e xa que logo nas solucións acaidas aos mesmos. Mais dito isto tamén cumpre ter en conta certas semellanzas, nomeadamente o permanente e desacougante emprego da violencia como instrumento político e a cuestión territorial.

Compre comezar a preguntármonos por canto tempo a Unión Europea poderá seguir mirando para outro lado, considerando o conflicto vasco e irlandés como un problema interno de estados coma se estes non tivesen cedido á UE gran parte da sua soberanía, mesmo aquela máis querida polos estados-nación: a moeda. Moito máis cando esta, impulsada polo motor alemán, ten posto rumbo cara a ampliación ao Leste e pretende, en boa lóxica, intervir na busca de solucións ao contencioso do Kosovo, consolidar o protectorado en Bosnia e impedir que a crise rusa derive cara unha situación incontrolable.

A cuestión norirlandesa é hoxe a máis preocupante, non só por ser xa bastante o tempo transcorrido dende o alto ao fogo do IRA (agosto do 94) senón tamén porque os prazos establecidos en Stormont están a piques de cumprirse (marzo) sen que os acordos teñan tomado corpo. A RUC "policía" segue practicamente igual, a formación dun goberno coa presencia do Sinn Fein semella case imposible e a violencia ten retornado ao xeito de malleiras ou tiros nas pernas aos barrios protestantes e católicos.

Os principais responsables téñeno ben difícil. O líder unionista Trimble non dou rematado coa violencia dos grupos armados protestantes e comprometeuse en exceso esixindo a entrega de armas ao IRA; ceder sen conseguir este obxectivo sería aproveitado polos grupos contrarios ao acordo de venres santo con Ian Paisley ao fronte para acusar a Trimble e ao seu partido de traidor. Adams ve como as pedras no camiño postas polos unionistas provocan o desanimo entre os republicanos onde aumentan as críticas ao asinado en Stormont e o IRA non da imposto os seus criterios a todos os membros e practicamente está fraccionado en tres: histórico, continuidade e autentico "que controla parte do arsenal militar". A situación nos barrios católicos ten dexenerado nos últimos tempos e a violencia das malleiras e tiros nas pernas ameaza con converterse nunha guerra civil "lembremos que outro Tratado, o de Londres do 5 de decembro de 1921, que recoñecía a partición de Irlanda provocou a división entre os republicanos e desencadeou unha terrible guerra civil entre as fraccións encabezadas por Collins e De Valera respectivamente.

O proceso de paz está estancado e seriamente ameazado. Só a presión internacional "sábeno ben tanto o "premier" británico Anthony Blair como o "taioseach" irlandés Bertie Arhen que teñen solicitado a Clinton unha nova intervención e o regreso de George Mitchell como intermediario" e a vontade da decidida ministra Mowlan semellan quen de darlle novo pulo.

O contencioso vasco está aínda mais atrasado polo escaso tempo transcorrido dende a tregua, pola nula proxección internacional, así como pola actitude do goberno español "ben distinta da do británico" amparado polo francés que observa como a paralización das accións de ETA está a producir un aumento das reivindicacións nacionalistas no País Vasco francés e a irresponsabilidade dun deslexitimado PSOE "lembremos a Vera e Barrionuevo" empeñado en empregar a "cuestión do norte" como forma de desgaste electoral do goberno de Madrid. Pola contra a ausencia dunha división "sectaria" na sociedade vasca permite albergar máis esperanzas que no caso irlandés. Esperemos que ninguén caia na tentación de introducir interesadamente este fraccionamento para non ter que facer concesións políticas.