Dúas sesións, dúas axendas

O parlamentarismo chinés ten nas sesións que cada marzo reúnense en Beijing un referente inescusable. As “multitudinarias” Asemblea Popular Nacional e Conferencia Consultiva Política, que culminan unha singular pirámide bicameral que arrinca do nivel de base territorial, realizan senllos exercicios de sínteses dos principais problemas que resumen a axenda chinesa e ofrecen unha radiografía do momento do país a case todos os niveis. 

Apartados xeográficos China e o mundo chinés
Idiomas Galego

O parlamentarismo chinés ten nas sesións que cada marzo reúnense en Beijing un referente inescusable. As “multitudinarias” Asemblea Popular Nacional e Conferencia Consultiva Política, que culminan unha singular pirámide bicameral que arrinca do nivel de base territorial, realizan senllos exercicios de sínteses dos principais problemas que resumen a axenda chinesa e ofrecen unha radiografía do momento do país a case todos os niveis. 

Na edición deste ano tamén destacaron dúas axendas. Na primeira cabo mencionar a reestruturación económica, o crecemento, o medio ambiente, a loita contra a pobreza, etc., vectores que conflúen no aprobado XIII Plan Quinquenal, clave para construír esa sociedade acomodada que foi sinalada como bandeira da reforma nos seus inicios. Tamén aquí houbo mencións a unha diplomacia chinesa a cada paso máis presente pero sen afán, asegúrase, de subverter a orde vixente comandada por Occidente. O pacifismo deste proceso, desmentido por algúns á vista do incremento das ambicións nos mares arredor de China, está fóra de toda dúbida, díxose nas asembleas.

Na segunda axenda impera outra atmosfera, moi condicionada por outro debate complementario caracterizado, sobre todo, polo que non se di abertamente pero que planea sobre as cabezas dos xestores da maquinaria burocrática chinesa. 

A percepción de que o actual momento en China entraña certo perigo vén determinada non só polos datos económicos senón, sobre todo, polos chamamentos a secundar cos ollos pechados as políticas oficiais e á súa valedor principal, Xi Jinping. Non é momento de dúbidas senón de blindar o Partido converténdoo nunha maquinaria a punto para executar as reformas aprobadas. Neste contexto, esperar unha certa autonomía parlamentaria, continuamente reivindicada e continuamente deixada de lado, é moito pedir, xa falemos de libre expresión dos puntos de vista ou de exercicio de control da actuación do poder xa que calquera expresión discrepante pode ser cualificada de “indebida”. A demanda de absoluta lealdade recorda á obediencia cega doutro tempo e si calquera comentario que non concorda coas liñas, os principios e as políticas do partido, xa sexa en Internet ou outros medios, non está permitido, o risco de interpretar este mandato como un abuso da súa propia posición é plausible.

O temor á inestabilidade política, produto dun crecemento insuficiente e duns axustes que poden ter un severo impacto social, axita o PCCh, a medio camiño entre a súa condición de ariete do cambio e garante da presunta infalibilidade do seu secretario xeral.

Esa redución das canles internas para discutir sobre a política do partido completada co chamamento a “abandeirar a postura política correcta”, a invocación de que non se pode dubidar do liderado do partido en ningún momento e baixo ningunha circunstancia, pode non ser o máis aconsellable en momentos como as actuais, cando a gravidade e urxencia dos problemas a atender requiren unha discusión profunda, ao cabo enriquecedora. 

Apostar pola blindaxe baixo sete chaves das teses apadriñadas polo secretario xeral pode non só conducir a un renovado culto á personalidade senón, sobre todo, a unha primeira morte da institucionalidade plasmada nas últimas décadas e que representou sempre un activo de incalculable valor do PCCh que lle permitiu resolver problemas decisivos da súa política interna.

A preocupación que China transmítenos non se limita, pois, ás vicisitudes da súa economía senón tamén ao xiro da súa política interna. A primeira ten unha guía visible no XIII Plan Quinquenal. A segunda transita polo lado invisible das cábalas e conxecturas derivadas dunha opacidade á alza.