20080330 basora milicianos muqtada al sadr 02

E agora Basora

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego
 Milicianos de as-Sáder en Basora, clic para aumentar
Al-Maliki cometeu a inxenuidade de ir a Basora en persoa para supervisar o asalto ás forzas de as-Sáder, asistindo a unha forte derrota das súas tropas "asesoradas" polo invasor. Consecuencias obvias: desprestixio dos EEUU e de al-Maliki, así como máis forte asentamento de as-Sáder. (Foto: Milicianos de as-Sáder na cidade de Basora o 30 de marzo de 2008).
 

Non o di a prensa "occidental" por máis que é un feito que non se pode poñer en dúbida: en Basora vén de se producir unha gran derrota de EEUU e do exército de al-Maliki. Unha triple derrota, pois foi de orde militar e tamén, e diría que por enriba de todo, moral e política.

Como se lembrará "esta noticia si que a deu a prensa" al-Maliki deu un ultimato ás forzas de Muqtada as-Sáder, que impoñían a súa lei en Basora e que apoian a petición de que as forzas de ocupación se vaian e que están moi próximas ás autoridades iranias. É sabido que non hai ningún obxectivo que o Exército do Mahdi non controle ou non poida atacar cando lle pete.

E al-Maliki cometeu a inxenuidade de ir a Basora en persoa para supervisar o asalto ás forzas de as-Sáder, asistindo a unha forte derrota das súas tropas "asesoradas" polo invasor. Consecuencias obvias: desprestixio dos EEUU e de al-Maliki, así como máis forte asentamento de as-Sáder.

O ministro de Defensa recoñeceu que os seus soldados "foron sorprendidos pola ferocidade á resistencia dos milicianos". E que dirá Bush despois de ter asegurado, tan campanudo como el adoita, que "eu diría que este é un momento decisivo na historia do Iraq libre"?

En termos políticos, a derrota si que é humillante: a tregua que se conseguiu foi cociñada en Irán, e á cidade santa irania de Qom acudiu Hai al-Ameri, comandante en xefe da Badr e alto membro do Consello Supremo Islámico do Iraq, para negociar a tregua con as-Sáder . A mediación de Irán neses acordos é unha vergonza da que se procura non falar.