Enclavado no Corno de África, probablemente a característica principal que define a Somalia é a dun “Estado-fracasado”, categoría política occidental que identifica aos países con escasa ou nula capacidade para manter e garantir un mínimo de gobernabilidade e estabilidade política e territorial.
Cunha poboación de pouco mais de 9 millóns de habitantes, Somalia é noticia nos últimos tempos debido á proliferación da actividade de diversos grupos dedicados á piratería no Océano Índico e no Golfo de Adén, elemento que acrecentou a percepción exterior dun “país paria”, dominado por unha diversidade de milicias e faccións armadas afastadas dunha autoridade centralizada desde a capital Modadiscio.
Caos interno e islamismo radical
Ex colonia italiana e británica independente desde 1960, Somalia ilustra un foco constante de guerras civís acaecidas desde 1991 entre unha multitude de clans tribais e políticos, afectando seriamente a súa integridade territorial e, por conseguinte, a súa estabilidade sociopolítica nun país sumamente economicamente pobre, dependente dos seus recursos pesqueiros pero con importantes xacementos de petróleo, gas natural e minerais.
O réxime de corte socialista e prosoviético instaurado por Siad Barre tralo golpe militar de 1969 configurou un mínimo de estabilidade política que derrubouse progresivamente coa súa caída en 1991. Dende entón, Somalia transita por unha prolongada etapa de inestabilidade, caos e anarquía política, que levou incluso á práctica secesión territorial da república de Puntlandia, ao norte do país (precisamente o territorio que alberga a maior actividade da piratería nos últimos anos), así como doutros territorios como Somaliland e Jubaland,.
Paralelamente, a rivalidade coa veciña Etiopía, Quenia e Eritrea, deu paso a constantes invasións militares dos exércitos destes países, especialmente no caso etíope, como ocorreu recentemente en 2006, que colocaron a Somalia como unha especie de laboratorio experimental dos conflitos rexionais no Corno de África.
Cumpre tamén considerar a presenza desde 1991 de milicias armadas islamitas, actual e aparentemente agrupadas na Unión dos Tribunais Islámicos (UTI), que constantemente ameazan a autoridade do débil Goberno Federal Transitorio (GFT) instaurado en Mogadiscio en 2004, con apoio e recoñecemento occidental. Como aparente foco do “islamismo radical” no Corno de África, Somalia foi inmediatamente identificado por EEUU como presunto albergue do terrorismo islamita afiliado á rede de Al Qaeda, razón que motivou a Washington en 1993 a realizar unha fracasada invasión militar de Somalia.
A piratería somalí
A caótica situación interna, que provoca o drama humano dos desprazados e refuxiados dos conflitos internos, xunto á falta dunha autoridade central estable e viable e a proliferación de faccións armadas que controlan diversos territorios e a pobreza socioeconómica, configuran un panorama proclive á manifestación de actividades como a piratería nas augas da plataforma continental somalí no Océano Índico e no Golfo de Adén.
Os piratas, con principal centro de operacións na poboación e Eyl, en Puntlandia e unha notable utilización de tecnoloxía de armamentos, móbiles celulares e identificación satelital, utilizan esta actividade como un evidente mecanismo de prestixio social entre os seus propios clans, así como elemento para saír de situacións de pobreza, con claro coñecemento de non existir unha lexislación pública internacional que permita actuar legalmente con efectividade ante piratería marítima. Os eficaces medios con que contan para realizar a piratería da a entender un posible e activo tráfico de armamentos e contrabando de tecnoloxía no Golfo de Adén.
Segundo estimacións da International Maritime Boureau, os piratas somalís obtiveron ganancias de aproximadamente US$ 100 millóns en 2008, básicamente utilizados no reparto do botín, o suborno aos oficiais locais e a compra de armamento e tecnoloxía para as súas actividades.
Paralelamente, entre a diversidade da piratería somalí, conformouse un grupo denominado “Grada Costeira Voluntaria de Somalia”, lexitimando as súas actividades como mecanismo de defensa para os seus caladoiros pesqueiros, acusando ás compañías e países occidentais da presunta “explotación indiscriminada e ilegal” dos seus recursos pesqueiros. Un factor que incrementa aínda máis a complexidade política e de seguridade á hora de abordar o problema da denominada “piratería somalí”.