Echelon, espionaxe de 3ª xeración

Apartados xeográficos Outros ARQUIVO
Idiomas Galego

Abafado por tanta comprensión cara á negativa dos EEUU a asinar o protocolo de Kioto, cara ao escudo antimísiles, á pena de morte…George W. Bush ofreceu a rede de espionaxe Echelon para loitar contra de ETA. En febreiro do 2000 o Parlamento Europeo destapaba o escándalo desta rede de espionaxe destinada a desencriptar e violar o correo electrónico e o fax a nivel mundial. Baixo pretexto de controlar a seguridade das comunicacións, estase a realizar espionaxe industrial e económico en favor da empresas anglosaxonas.

O Parlamento Europeo fixo público o 23 de febreiro un informe que destapa a existencia dunha rede de espionaxe a escala mundial, alcumada Echelon. A partir deste informe acumuláronse rexistros sobre a implicación da National segurity Agency (NSA) e da CI,A no manexo dos fíos da rede.

Os datos feitos públicos na Comisión das liberdades e dos Dereitos do Cidadán no seminario "A Unión Europea e a protección de datos" ,confirman as sospeitas contidas nun primeiro dosier elaborado polo Scientific and Tecnological Option Assement (STOA) en setembro de 1998 para a Fundación Omega de Manchester, baixo o suxerinte título " Avaliación das técnicas de control político".

Os portavoces das entidades acusadas, postos á defensiva, esgrimen a necesidade de procurar, preventivamente, a seguridade nas comunicacións internacionais:Teléfonos, télex, fax,correos electrónicos… máis, para maior desconcerto, teiman en asegurar que entre os seus obxectivos está o de protexer as conversas públicas, privadas e comerciais…, dos posibeis intrusos.

O escándalo, que pasou case desapercibido en España , e profusamente documentado no xornal Le Monde, foi monumental en Europa durante primeiro trimestre do 2000. Na maioría dos estados da Unión, percibiuse un grande malestar ao sentirse espiados polos EEUU, coa intención de dispor de información privilexiada do comercio transoceánico, nos avances en innovación tecnolóxica das empresas, así como información comercial destinada a bloquear os acordos das empresas europeas ,en pugna no mercado mundial, con empresas do ámbito anglosaxón.

Descubriuse un mesto sistema de escoitas con centros de recepción nos EE UU, o Reino Unido, Canadá, Nova Celandia e Australia. A sorpresa foi dobre ao comprobar como un estado membro da Unión, utilizou a súa relación privilexiada cos EEUU, para manobrar contra da UE.

O entramado complétase cunha Oficina de Intelixencia e Ligazóns (OLI), que unha vez analisados os datos e procesados, envía a información aos grandes grupos industriais americanos: Boeing, Lockheed, Loral, TRW u Raytheon, empresas que teñen participado no deseño dos satélites espías Orion, Mentor e Trumpet destinados a seguir tanto as conversas dos teléfonos móbiles coma dos fixos.

A indignación e preocupación dos espreitados fixo que se proferisen en duros termos de condena. "Se se confirma a súa existencia, constitúe un ataque intolerábel contra das liberdades individuais e a seguridade dos estados".

A posta a disposición de España do sistema de espionaxe "Echelon", feita por Bush, é a confirmación, dende á máis alta instancia, da súa vixencia. Aínda aseguren que só vai ser utilizada esta tecnoloxía para descifrar as mensaxes da banda terrorista, para interferir as súas comunicacións ou para interpretar as claves dos ordenadores dos activistas etarras…, está claro que esta tecnoloxía tamén é válida para operacións como as descritas no informe do Parlamento Europeo.

A chegada das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación)mudou as relacións comerciais e políticas do mundo. Echelon é o gran salto cara unha nova xeración de espías que non precisan moverse da casa para seren os máis e mellor informados.