Artigo orixinalmente publicado no Nós Diario, 10 de outubro do 2023

Ecos da Guerra Fría: Estados Unidos avisa dunha posible aproximación entre a Federación rusa e Corea do Norte

Discusións dentro do Subcomité de Relacións Exteriores para Asia e o Pacífico do Senado estadounidense parecen sinalar que está a producirse un achegamento nas relacións entre Corea do Norte e Rusia, dous países profundamente revisionistas do orde internacional.
Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Rusia Península Coreana
Palabras chave Rusia Corea do Norte

As alarmas saltaban cando Victor Cha, membro do internacionalmente recoñecido think tank Centro de Estudios Internacionais e Estratéxicos —CSIS, polas súas siglas en inglés— e responsable da área de Asia, declaraba ante o Senado de Estados Unidos acerca destes preocupantes acontecementos, así como sobre o futuro das relacións entre EE.UU., Xapón e Corea do Sur.

A pregunta que cabe facerse aquí é a seguinte: se as dinámicas de poder, competición e seguridade levan sendo as mesmas dende mediados do século pasado, que hai de novo neste asunto?

Non é preciso desprazarse ás antípodas para atopar a resposta a este interrogante. Moi pola contra, basta con mirar ó leste, onde a guerra entre Rusia e Ucraína está a ter lugar dende o ano pasado. En efecto, este conflito podería gardar relación co fortalecemento do vínculo Moscú-Pyongyang. O réxime totalitario de Corea do Norte estaría a —presuntamente— enviar municións e armamento vía ferrocarril a Rusia, o que lle daría á primeira certo peso negociador. A cambio da súa asistencia no esforzo bélico, o réxime de Kim Jong-un podería obter considerables beneficios.

Aquí tamén habería lugar para a crítica contra os Estados Unidos, xa que o fracaso da actual administración Biden, así como das que a precederon, en negociar co mandatario norcoreano para promover o desarmamento terá agora as súas propias consecuencias.

A máis recente visita do líder norcoreano a Rusia tivo lugar o pasado mes de setembro. Hai que remontarse ao ano 2019 para atopar de novo a Kim Jong-un no país veciño. Cabe destacar que, en ambas ocasións, a temática das viaxes foi moi evidente: centros industriais de defensa e instalacións de investigación espacial, lugares onde autoridades norcoreanas de alto nivel teríanse posto en contacto con diversas pezas de armamento estratéxico ruso.

En tempos non moi afastados, o panorama estratéxico no este de Asia tense complicado a marchas forzadas. A incerta situación de Taiwán, as actuacións de China cada vez máis asertivas tanto no Mar Meridional coma no Mar do Leste, a invasión de Ucraína por parte de Rusia, a constante ameaza de Corea do Norte e o seu programa de mísiles intercontinentais, a carreira espacial… En definitiva, parece obvio que existen moitos e moi variados elementos promotores da des estabilización neste curruncho do mundo.

A relación entre Estados Unidos, Xapón e Corea do Sur é de natureza estratéxica. Dende finais do conflito de Corea (1950‒1953), este eixe serviu como unha barreira de contención durante as décadas da guerra fría, e como pivote para promocionar a democracia e a estabilidade en tempos posteriores. Considerouse durante anos que o réxime ditatorial de Corea do Norte era a principal ameaza para a seguridade da rexión. Porén, o auxe da República Popular China e as máis recentes accións de Rusia baixo o mandato de Vladimir Putin teñen cambiado esta percepción.

Dende algúns anos atrás, as relacións entre Seúl e Tokio non gozan do seu mellor momento. Esta debilitación do vínculo entre aliados estratéxicos podería implicar maiores dificultades á hora de cooperar para manter a arquitectura de seguridade na rexión. Sobra dicir que Estados Unidos ten unha grande interese na evolución destes feitos, posto que ambos países asiáticos son pezas clave da contención non só do réxime de Corea do Norte, senón do seu principal rival estratéxico: Beijing.

Novos desenvolvementos en relación cos acordos de Camp David levados a cabo en agosto deste ano semellan ser o primeiro paso para reconducir as relacións a nivel trilateral —polo menos, no que concirne á seguridade—. Os tres países comprometéronse a manter as cadeas de subministro, loitar contra a desinformación e mellorar a coordinación na prestación de apoio.

A hiperconexión do mundo actual garda tanto as súas vantaxes como inconvenientes. De forma (in)esperada, o contido deste artigo é só un exemplo máis da natureza da sociedade internacional do presente.