Ecuador: a victoria de Lucio Gutiérrez

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

A victoria de Lucio Gutiérrez Borbua, cun 54,52% dos votos en segunda volta, nas eleccións presidencias de Ecuador certifican o éxito da alianza política (Sociedad Patriotica-Pachakutik) establecida hai dous anos, con motivo do golpe contra Mahuad, entre militares e indíxenas. A explicación da confluencia entre o indíxena, o social e o militar ten que ver, segundo Edie Sánchez -director da campaña electoral de Gutiérrez- co sector progresista nacido nas Forzas Armadas nos anos 70 cando, auspiciado polos Estados Unidos, o Exército tomou maior contacto coa poboación para evita-la penetración de movementos subversivos. A estratexia tivo, pola contra, o efecto de desenvolver a conciencia social entre os militares.

O que non se acadou pola via insurreccional, conseguise agora pola democrática: a representación da poboación indíxena, marxinada cultural e economicamente polas elites político-institucionais brancas aferradas ao poder. Pachakutik, fronte electoral da poderosa CONAIE (Confederación de Nacionalidades Indíxenas do Ecuador), goberna en 27 municipios de 17 provincias e en cinco prefecturas e aporta 11 deputados aos 6 acadados pola Sociedade Patriótica, o que coloca a alianza gobernamental como a segunda forza do Congreso.

A saída adiante da fonda reforma política e estatal anunciada por Gutiérrez será complicada, xa que o novo presidente terá que negociar cun atomizado Congreso no que, contrastando vivamente co sucedido nas presidenciais, o Partido Social Cristiano (PSC), o PRE e ID, os partidos dominantes tradicionais, acadaron as bancadas mais nutridas.

Non sentaron nada ben no movemento indíxena as primeiras declaracións do presidente Gutiérrez ao afirmar que a área económica do novo Goberno estará reservada a empresarios e banqueiros "honestos", e a área social, aos movementos sociais."Non compartimos o criterio tradicional de que a economía vai por unha banda e o social por outra.A nosa intención é que se dean a man", replicou Nina Pacari, deputada de Pachakutik. Para tranquilizar os socios do MUPP-NP (Movimiento Unidad Plurinacional Pachakutik- Nuevo Pais) a raiz da súa viraxe cara o centro coa intención de pechar un goberno de converxencia nacional con forte presencia empresarial, Gutiérrez asegura que non aplicará un paquetazo, é dicir, novas medidas de axuste traumáticas da economía, porque, efectivamente, "os ecuatorianos non resisten máis".

Durante a campaña Gutiérrez viaxou a Estados Unidos para entrevistarse con empresarios, banqueiros e representantes do FMI (o país vive pendente dun novo creto de 240 millóns de dólares), aos que tranquilizou coa promesa de mante-la dolarizacion e coida-la austeridade fiscal, algo difícil de conciliar coa intención de reduci-la pobreza do pais, priorizando o investimento en educación e saúde.

Se os movementos sociais indíxenas, principal base popular que aupou a Gutiérrez, poden chegar a ser un socio de goberno incómodo, o Movemento Popular Democrático (MPD), esquerda de tendencia marxista, será, probablemente, a primeira víctima dunha política (despolitizada e despartidizada, en verbas de Gutiérrez) "realista" por parte do novo goberno, isto é, a adopción dunhas medidas que non cuestionen a orde neoliberal vixente máis alá do estrictamente necesario.