24 días de prazo é o tempo que o goberno español concede aos ecuatorianos que residen ilegalmente para decidírense a abandonar o seu calvario de acá, este purgatorio de inmigración marxinal, e acollerse ás viaxes de balde, previo estudio personalizado, con destino ao inferno de acolá. No outro lado o océano engrosarán listas da probreza na que xa están o 80% da poboación. No Ecuador, o PNB por habitante, divide por 10 a riqueza media que se posúe no estado español, estimada nuns 14.000 dólares e a esperanza de vida engole unha década.
A permanente convulsión do país non deixa lugar a esperanza. Tres persoas mortas e nove feridos, no día de onte, son a última páxina escrita dunha historia que leva camiño de traxedia repetida. A sociedade consolida progresivamente a súa fragmentación entre indíxenas e mestizos, civís e militares, intereses do interior e presións externas. corruptos e estafados, pequenas oligarquías e masas crecentes de desherdados…
O país vive inmerso na enésima mobilización indíxena. 11.500 anos contemplan a vagaxe histórica das doce étnias que se comunican en quechua.Nos últimos 500 anos de encontrón coa civilización occidental só adquiriron certo protagonismo nas últimas décadas a golpe de reivindicación colectiva. Tanta frustración acumulada son a orixe do seu hermetismo e desconfianza permanente. A última traizón tivo lugar hai un ano e un mes, cando 10.000 indíxenas tomaron Quito esporeados pola peor crise económica do século, coa intención de derrocar ao Presidente Jamil Mahuad. A ledicia rebordou o 21 de xaneiro pola consecución do obxectivo marcado, ledicia agrandada cando, por primeira vez na historia, o indixenismo adquiría protagonismo no goberno ecuatoriano. Durante 200 históricos minutos o Líder da CONAIE (Coordenadora Nacional Indíxena do Ecuador) Antonio Vargas formou parte dun fugaz triunvirato no que tamén estaba o ex-presidente da Corte Suprema de Xustiza, Carlos Solórzano e o coronel Lucio Gutierrez, que premido polos militares tería que ceder o seu posto ao xeneral Mendoza. Sería este último quen, baixo consello norteamericano, traspasaría o timón do país ao vicepresidente Gustavo Noboa. O cambio sen cambio repetíase en menos de tres anos.
Coa cabeza baixa os indíxenas deixaron a capital mentres marmuraban un mesmo laio Endexamais nos entenderon.
Dende a recuperación da democracia. hai 21 anos. teñen reivindicado o protagonismo que lles correspondería por seren unha poboacion de catro millóns de persoas que representan case o 35% dos habitantes do Ecuador. Na década dos 90 impulsaron catro levantamentos. No ano 92 durante a presidencia de Rodrigo Borja, A segunda acción reivindicativa tería lugar dous anos máis tarde. A terceira, en febreiro do 97, tombaría ao presidente Abdalá Bucaram quen na actualidade goza do exilio dourado que adoita ofrecer o paraíso fiscal Panameño aos persoeiros teñen que abandonar forzosamente o poder. A Chegada de Fabián Alarcón significou máis do mesmo.
Xaneiro do 2000 foi a gran oportunidade perdida para mudar o rumbo do seu marxinal destino. A descomunal crise económica foi acelerada pola caída do prezo do crú nos anos 1997 e 98. O Presidente Jamil Mahuad tomara a decisión de conxelar parte dos depósitos bancarios e dolarizar a economía, fixando o cambio do dólar en 25000 sucres. Só doce meses antes equivalía a 6.902. A inflacción superaba o 60%, o desemprego o 14% e o subemprego roldaba o 57%.
Panorama negro para un país exportador de petróleo no que a metade dos ingresos proviñan das vendas de cru . Debíase apartar o 40% do seu orzamento anual para pagar os intereses dos 13 mil millóns de dólares en débeda externa. A escalada de prezos prendeu a mecha da máis grande mobilización, que rematou na habitual frustración.
Para afrontar a crise e poder acceder a unha nova remesa crediticia de 300 millóns de dólares, o FMI puxo como condición a necesidade da repetida terapia de choque que inclúe as coñecidas receitas de maior flexibilización do mercado de traballo, privatización de empresas, retirada da subvención aos productos básicos etc.
Precisamente as últimas doses da terapia de choque que foron administradas en decembro, as que se lle esganaron a maior parte da empobrecida poboación xa noqueada por unha inflacción que no 2000 chegou ao 91%. O primeiro levantamento indíxena do século tivo esqueuse dos modelos alternativos de estado, e centrou as forzas en paralizar detonantes máis concretos como: O novo aumento do prezo a gasolina nun 65%, o do gas doméstico nun 100% e do o transporte público que encareceu as súas tarifas nun 75%.
Dende a pasada fin de semana téñense congregado na Universidade Politécnica Salesiana de Quito ata 8.000 indíxenas aos que lles escasea a auga, en deficientes condicións hixiénicas nas que xa agroman cadros de varicela, infeccións intestinais… Outros membros da Conaie tratan de cortar as principais estradas e infraestructuras do país e son reprimidos con tiros, feridos e mortos polas disciplinadas forzas armadas.
O diálogo só funciona intermitentemente e non semella que ao enfermo se lle teña intención de mudar o ineficaz tratamento prescrito nos últimos séculos.