Cunha proposta programática única en España, os contidos ofertados permitirán aos estudantes afondar no coñecemento da cultura e historia de China, das relacións económicas internacionais, e das políticas de desenvolvemento que levaron ao país ao éxito. Todo isto ao tempo que se trata de mellorar a empregabilidade do alumnado. Un reto máis que necesario, na medida en que a sociedade e os mercados asiáticos contan aínda cun algo grao de descoñecemento.
Con este contexto de fondo, centrarei este artigo de maneira especial nun dos aspectos da modernización tecnolóxica en China, para o que poremos o foco no coñecido como Plan Made in China (MiC 2025). En 2015, e inspirándose en iniciativas como a alemá Industrie 4.0, o Consello de Estado da República Popular China anunciou o plan coñecido como MiC2025. O obxectivo deste plan pasa por orientar o sistema produtivo cara a unha economía intensiva en tecnoloxía e innovación. Con este fin, o plan MiC2025 estableceu o apoio a dez sectores clave da súa economía, entre os que se atopan as TIC, a robótica ou a biotecnoloxía. O sector ferroviario foi sinalado tamén como un deses dez sectores clave debido ao seu papel estratéxico na infraestrutura, o desenvolvemento e cohesión rexional e a proxección e xeración de dependencias internacionais.
O sistema ferroviario de alta velocidade (HSR) de China ou Fuxing Hao (que significa “rexuvenecemento”) é famoso mundialmente pola súa velocidade, fiabilidade e comodidades modernas. China avanzou significativamente na innovación ferroviaria coa introdución do CR400 Fuxing, o primeiro tren de alta velocidade completamente desenvolto por empresas chinesas, un tren con velocidades operativas de ata 350 km/h. En 2023 anunciouse o desenvolvemento do CR450, que superaba os 400 km/h, cun deseño aerodinámico mellorado, materiais compostos de última xeración e sistemas intelixentes de control de tráfico. Pero estes non son os únicos modelos de tren desenvolvidos. Os trens G (Gaosu) de media e longa distancia, os trens D (Dongche) nocturnos, os trens C (Chenji Dongche) de curta distancia, ou mesmo os trens de levitación magnética (maglev) -os máis rápidos do mundo-, son algúns outros exemplos.
A rápida implantación da alta velocidade en China foi posible grazas á combinación de factores institucionais (planificación centralizada), financeiros (investimentos públicos), tecnolóxicos (I+D intensivo) e xeográficos (densidade urbana e demanda crecente). O despregamento do sistema HSR no país está a producirse de leste a oeste, é dicir, desde a costa -as provincias máis ricas- ao interior -as provincias con menor nivel de desenvolvemento- e conectando as principais cidades do país. Neste despregamento é fundamental o rol proactivo xogado polo estado.
Cara o exterior, China foi consolidando unha estratexia de diplomacia ferroviaria, exportando os seus sistemas HSR a países como Indonesia, Laos e Tailandia. A tecnoloxía ferroviaria converteuse así nunha ferramenta de poder brando e penetración comercial, estendendo a influencia chinesa a través de contratos chave en man, financiamento preferente, acordos de transferencia tecnolóxica e implementación de estándares propios. As Rutas das Seda xogan un papel clave nesta estratexia.
Pero China non só vende trens, senón tamén sistemas de sinalización, estacións, centros de mantemento e programas de formación. Ao controlar o ciclo completo de produción, o país reduce a dependencia de provedores externos e fortalece a súa capacidade de negociación en contextos internacionais. Ao mesmo tempo, esta estratexia expansiva tamén permite a China moldear as regras do comercio ferroviario a nivel internacional. Pero o modelo ferroviario chinés enfronta importantes desafíos: desde a sustentabilidade financeira das liñas ferroviarias e o elevado endebedamento público, ata as tensións xeopolíticas que limitan a súa proxección global. Con todo, as tecnoloxías ferroviarias seguirán sendo un elemento estratéxico de desenvolvemento económico e vertebración territorial, ao tempo que permiten avaliar a transición de China cara a unha economía baseada no coñecemento.

