En determinados círculos da opinión pública estadounidense está comezando a forxarse a idea de reincorporar a tendencia aislacionista, historicamente asentada na política exterior desde país. Recentemente, un artigo publicado na web do Woodrow Wilson Center for Scholars, intitulado “A National Strategic Narrative” baixo o seudónimo “Mr. Y”, escrito por dous altos cargos da Mariña estadounidense, Wayne Porter e Mark Mykleby, implica a posibilidade de impulsar un cambio de rumbo para a política exterior estadounidense de comezos do século XXI, moito máis enfocada nos asuntos internos e en evitar a polarización dentro do sistema internacional.
Probablemente persuadidos polas secuelas da crise económica e da perda de influencia de Washington no escenario internacional, principalmente ante o ascenso de China e doutras potencias emerxentes, este artigo defende a perspectiva de reorientar as prioridades e os investimentos estadounidenses cara a súa propia reconstrución nacional, evitando a preponderante intervención de Washington nos asuntos mundiais e a imposición da súa propia visión ao resto do mundo.
En termos conceptuais, este artigo retrotrae a histórica análise escrita en 1947 por George Kennan baixo o seudónimo “Mr. X”, e na que baixo o título “As fontes da conduta soviética”, ilustrou as prioridades de actuación de Washington durante a “guerra fría”.
Basicamente, a tese de “Mr. Y” cuestiona os postulados clásicos de Kennan, en especial no relativo aos conceptos de contención (entón do comunismo soviético), disuasión e xogo “suma cero”. Os retos do mundo globalizado impón outras variables máis propias dun sistema aberto e horizontal na toma de decisións, tendente a fomentar unha aproximación competitiva e “suma variable”, onde todos os actores involucrados no actual sistema internacional poden obter ganancias. En clave conceptual, os autores ilustran a necesidade de afirmar máis en “fortaleza” e “influencia” que en “control” e “poder”, denostando unha postura defensiva de “exclusión” a cambio dunha proactiva “integración”.
É de salientar o énfase outorgado por “Mr. Y” á utilización racional dos recursos naturais renovables, mentres afirma a necesidade de reorientar esforzos e investimentos en aspectos clave para o desenvolvemento nacional, como as infraestruturas e un sistema sanitario universal e eficiente. Unha frase resume a intencionalidade desta nova visión para a Estratexia Nacional estadounidense: “Queremos converternos no competidor máis forte e no xogador máis influente dentro dun sistema global interconectado (…) investindo menos en defensa e máis na prosperidade sostible”.
Tomando en conta o escenario actual en EE.UU, compre considerar se esta nova visión conceptual da estratexia nacional estadounidense terá calado nos centros de toma de decisión e, principalmente, na opinión pública, auténtico moderador das políticas públicas e decisións nacionais. O excesivo intervencionismo de Washington nos períodos da “guerra fría” (1947-1991), como na posterior “posguerra fría”, impulsou unha matriz de opinión tendente a retornar ao “aislacionismo”. Algúns dos políticos estadounidenses representantes desta tendencia son avogado e ex candidato independente Ralph Nader e o senador republicano Pat Buchanan, actualmente comentarista político.
Dentro da escola da política exterior estadounidense, a polarización e o pulso das tendencias “internacionalistas” e “aislacionistas” vertebraron durante décadas a opinión pública e a política exterior dese país. Histórica e tradicionalmente “aislacionista”, a política exterior de Washington experimentou a súa vertente “internacionalista” a partir da presidencia do demócrata Woodrow Wilson tras a finalización da I Guerra Mundial, en 1918.
Este postulado moldeou a visión estadounidense de “exportar a súa democracia e os seus valores”, constantemente pretendida como unha lexitimación de diversas intervencións militares no exterior en aras de preservar a seguridade nacional estadounidense, cuxos derradeiros e fracasados exemplos son Afganistán e Iraq. Con consecuencias disímiles, tanto demócratas como republicanos cortexaron durante anos ambas visións diplomáticas e militares.
Pode que a idea ilustrada por “Mr. Y” corresponde á necesidade de preservar o tradicional “excepcionalismo estadounidense” nun mundo cambiante, onde Washington xa non leva a batuta nin semella capacitado para impulsar un liderado baseado en novos valores ideolóxicos. Esta visión expón con claridade cómo China e Asia están concentrando a reorientación do poder global de Occidente a Oriente, incluso recoñecendo que EE.UU transita por unha “etapa de declive”. Máis cunha necesidade de reorientación da súa política exterior, impulsada por diversos círculos de poder e da opinión pública estadounidense, pode que mais ben sexa o mundo o que estea illando a EE.UU.