Numerosos analistas coinciden ao sinalaren que unha intervención militar de Washington en Iraq debe servir automáticamente ás grandes compañías petroleiras. Pero non unicamente.
Non é que isto o pensen soamente os propios iraquís, cunha relación histórica con Occidente que lle da dereito a pensar sobradamente dese xeito, ou os clásicos críticos que dende a esquerda militan no antiamericanismo máis rancio e primario. A ex ministra británica de Blair, Mo Mowlem, escribía hai pouco, por exemplo: "Baixo a cobertura dunha guerra contra o terrorismo se quere facer unha guerra polo petróleo. Todo este asunto nada ten que ver cunha ameaza iraquí: non existe". Parece, pois, unha desas evidencias escandalosas difícil de desmentir.
Un e outro asunto, petróleo e fronteiras, naceron co propio Estado iraquí. Cando os británicos e os franceses, conta Anthony Sampson, autor de Sept Soeurs: les grandes compagnies et le monde quâelles ont fabriqué, debuxaron as fronteiras do Iraq que emerxía do afundimento do antigo Imperio Otomano despois da primeira guerra mundial, contaron pouco os intereses e os dereitos dos árabes. A explotación dos xacementos petrolíferos iraquís que da Turkish Petroleum Company pasaron á Iraq Petroleum Company (IPC) entraron no reparto. Os franceses tiñan dereito á cuarta parte que era propiedade dos alemáns vencidos. Os británicos, xa presentes en Irán, querían a súa e os estadounidenses tamén. Para os iraquís deixaban o 20 por cento da concesión. Pero nin iso respectaron cando se iniciou a producción a gran escala. Non é de estrañar, pois, que no sentimento da poboación iraquí se advirta a perversa naturaleza do interese democratizador occidental.
Sen embargo, algúns analistas, o propio Sampson, chaman a atención sobre o feito de que, nesta ocasión, non son as grandes petroleiras quen máis empurran do furgón da guerra, senón o pequeno grupo de ultraconservadores vencellados á industria do armamento que seguen a consigna lanzada desde Israel e dos seus aliados que consideran tanto a Irán como a Iraq veciños moi perigosos, inimigos declarados, aos que cómpre derrotar de forma contundente.
Os intereses de franceses e rusos semellan coincidir nesa reflexión matizada do interese do mundo petroleiro na medida en que desenvolven unhas relacións particulares con Bagdad, pero negociando a un tempo compensacións de Washington polo seu apoio diplomático. Os británicos, a British Petroleum, ten medo de quedar fóra ante a avidez norteamericana e desconfía do anuncio de James Woolsey, ex director da CIA, cando afirmou, dirixindose a rusos e franceses, que un espíritu de colaboración se garantirá para todos unha vez que se implante en Iraq un réxime aceptable. A avaricia rompe o saco e as compañías non americanas son conscientes de que "quen parte e reparte sempre leva a mellor parte".
Pero, claro, EEUU é quen manexa todos os fios. No pasado decembro o departamento de Estado reunía un grupo de traballo sobre o petróleo e o gas natural, no que participaron representantres do ministerio de Enerxía e dos grupos iraquís do exilio, co obxectivo de viabilizar propostas que debían estar consensuadas para que a política petroleira de Iraq estivera clara dende o momento mesmo de iniciarse a transición post Sadam. Mentres, en Londres, fracasaba a reunión política pilotada por un Blair que presionaba desmedidamente a Hosni Mubarak, o presidente exipcio, para impulsar un segundo intento no Cairo.
Este grupo de ultraconservadores actúa noutra dirección: regresar a 1920 e redebuxar o mapa da rexión. O lobby israelí non quer desaproveitar a ocasión. Co caramelo do petróleo por diante, aspira a vertebrar un compromiso o suficientemente irreversible e decisivo para resolver dunha vez por todas o problema da súa seguridade. Devotos ata o fin da solución militar, a intervención que se iniciaría en Iraq, podería extenderse a Irán ou Arabia Saudí e contemplaría a expulsión de todos os palestinos cara Xordania e a proclamación aquí dun Estado palestino sen Arafat.
Un proxecto e un esforzo, sen dúbida, demasiado ambicioso para ser seguro e rendible para unhas compañías que son conscientes de que os resultados dunha guerra son sempre incertos, por moi palpables que se aventuren ao comezo. Redebuxar as fronteiras implicaría abrir a caixa de Pandora aos apetitos dos países veciños e dos propios grupos de interese e nacionais da poboación iraquí, provocando unha situación difícilmente controlable que acabaría por afectar aos seus amados dividendos.