A xulgar pola evolución da campaña, os discursos dos principais contendentes (Bush e Kerry) e as expectativas de cambio, máis ou menos profundo, que poderían agardarse da victoria dun ou doutro candidato, as diferencias entre ambos poderían reducirse á elección entre un ou outro refresco. Pero, é realmente tan así?
É verdade que a marxe de manobra de calquera presidente en EEUU debe ser moi escasa. O nivel de estructuración social e a capacidade de presión dos lobbies cabe imaxinalo tan forte e intenso que ningún cambio substancial pode ser doado na practica. Sen embargo, nesta elección si cabería agardar alomenos un cambio de ton no discurso político emanado da Casa Branca. E quizais as súas consecuencias poderían ser de maior impacto do inicialmente previsto.
O resto do mundo xa expresou a súa preferencia maioritaria: Kerry é o mellor aceptado, e podería recuperar o respecto e a consideración que a Bush lle son negados por mor dun comportamento e dunha política que a moi poucos convence. Esa transformación, ese alivio xeralizado, favorable a unha maior presencia do diálogo nas relacións internacionais, significaría, por poñer outro símil entendible, o equivalente a un cambio de estación, o que non é pouco.
Pero habería máis? Cabe pensar que Kerry afondou nesta campaña electoral en discursos e mensaxes mais destinados a cortar o paso das bravuconadas de Bush, destinadas a evidenciar a suposta febleza do candidato demócrata, que a explicar as súas propias metas e orientacións.
Hai esperanzas dunha rectificación estratéxica na política estadounidense se gaña Kerry cando menos en dous aspectos esenciais da política internacional actual: Israel e a loita contra o terrorismo. Sen dúbida, Washington seguirá apoiando a Israel. Ningún presidente porá patas arriba esa relación; non obstante, cabe pensar que, con Kerry, os días de Ariel Sharon están contados. O estreito vinculo que une a Bush e Sharon non sobreviviría con Kerry e obrigaría a mudar de política en Tel-Aviv.
No que atinxe á loita contra o terrorismo global, a recuperación da sensatez ten mais probabilidades. Kerry non secundaría o discurso de Bush "ou con nós ou cos terroristas", o que supón desprazar do epicentro das preocupacións políticas a obsesión da loita contra o terrorismo global, á que hoxe todo semella estar supeditado. Obviamente, Kerry non retirará as tropas de EEUU de Iraq, pero cabe imaxinar que desligará este problema da loita contra o terrorismo, ao que nunca debeu vincularse. Un comportamento menos arrogante da Casa Branca podería facilitar o entendemento con Siria, quizais con Irán, facilitando a pacificación de Iraq.
E se muda a axenda política estadounidense cabe confiar tamén na fin dos excesos que en política interior e exterior, en EEUU e noutros países (da Rusia de Putin ó Reino Unido de Blair), condicionaron a formación deste ambiente irrespirable, democraticamente regresivo e perverso, xurdido dunha lectura interesada e belicosamente reduccionista do 11S. Polo tanto, se os electores estadounidenses dan o seu apoio a Kerry, hai argumentos para pensar que bastantes cousas poden ser diferentes.