Cargar sobre a débeda externa todo peso da culpa no colapso arxentino ou dictar sentencia de único culpable contra do FMI, responde a arquetipos propios dun tempo anterior á caída do muro.
Atopar arxentinos que dispoñan de argumentos para defender a súa clase política é unha misión imposible. Xa por incompetentes, por corruptos, por submisos aos grupos multinacionais, xa por canibalismo intra-partidos… é de xustiza atribuírlle á clase dirixente dos ultimos 25 anos, unha boa parte do desastre no Río da Prata.
Pero, con certeza, FMI e BM tiveron un papel decisorio na decadencia da 3ª potencia de América Latina e convertéronse, en palabras do senador radical Terragno " no doutor que matou ao enfermo".
Existen poderosas causas internas na explicación da crise e decadencia da 3ª economía de América Latina, preñada, de marxinalidade, descomposición, inseguridade, pobreza… non hai como única causa a débeda externa.
A carga xa fora máis pesada na década dos 80, cando Arxentina incumprira os prazos da débeda externa en 1982 e en 1987, antes de que o Plano Brady de 1993 alixeirase o peso. Ao propio Brady na súa viaxe a Bos Aires, seríalle outorgada a condecoración da Orde do Libertador San Martín, por benfeitor na nación.
Na difícil transición á democracia Alfonsín elevou a débeda externa de 43,5 mil millóns $ a 63 mil. Con Cavallo dirixindo o Banco Central en 1982 permitiuse que o estado absorbese a débeda externa do sector privado, que a 30-6-82 era de 15.282 millóns de dólares.
Xa con Menem, en plena burbulla expansiva e con ingresos nas arcas do estado de 40.000 millóns de $ por privatizacións, situouse nos 150.000 millóns.
¿Por que non se foi ríxido o FMI con Menem? ¿Por que o propuxo como modelo na súa asemblea de 1998?
Difícil de entender a xeografía variable do FMI. O rescate de crise Turca foi considerado como estratéxico. Paquistán rematou de súpeto os seus problemas co FMI e o BM, logo do 11-S. No tequilazo mexicano do 94 tívose en conta a proximidade aos centros do poder financeiro. ¿Por que tanta dureza agora cando o alumno arxentino era moito mais disciplinado que durante era Menem? ¿Que recompesa recibiu morrer no intento por facer os deberes?
No FMI non se entendeu nunca a aposta estratéxica de De la Rúa polo Mercosur. Dende Wall Street a aposta sempre foi o ALCA e atacouse ao mercosur como panacea. ¿Que pasa se en dous anos estoupa?, argumentaban.
Nos últimos días de vida do goberno da Alianza, premeuse con intensidade para que se dolarizase completamente a economía arxentina, cortando de paso toda posibilidade de creación dunha moeda única no Mercosur pola que suspiran os ministros de economía en apuros.
No seu día non se aceptou de bo grado que De la Rúa, empregase enerxías en ir desactivando pacientemente todas as minas que Cavallo ía deixando activas polos países do Mercosur, prestas a esnaquizar a unión económica do sur. O ex-Ministro de economía ofrecera un acordo económico bilateral á UE á marxe do Mercosur. Cualificara de informal ao Brasil (único país co que ten superavit comercial) por depreciar a súa moeda. Afirmara que Uruguai coa súa insignificancia non podía ter capacidade decisoria na Unión e ninguneou a Paraguai.
A De la Rúa tocoulle gobernar un país atado de pés e mans por unha economía na que as grandes empresas estaban e mans de capital estranxeiro, cunha enorme débeda externa, co país case dolarizado e falto de concorrencia nun mercado arancelario aberto e nun contexto no que os seus productos agrícolas, nos que posúe vantaxes comparativas, atopan duras barreiras proteccionistas na UE e nos EEUU.
Pero na súa permanente indecisión non foi quen de modificar a política económica e desplazala cara a heterodoxa dirección que hoxe asume, o ex-vicepresidente de Menem, Eduardo Duhalde.
Tanto a De la Rúa, como a Rodríguez Saá propuxeranlle, estas mesmas medidas, os sectores económicos nacionais como o Grupo Productivo. Sectores de economía interior que se dedican a exportación e as finanzas, que teñen unha certa sensibilidade social e que estaban alarmados pola creba de 1000 empresas no 2001. Demandaban ao tempo unha desdolarización da economía (pesificación) e unha compensación para os cidadáns que perdan valor nos seus aforros pola devaluación. Crear impostos para as empresas exportadoras de petróleo cos que compensar aos bancos polas perdas na pesificación e impedir a súa creba financeira. Asemellase como unha pinga a outra co actual paquete de medidas do xusticialismo, que pasou dun extremo a outro da esquizofrenia peronista entre o liberalismo globalizador da súa época con Menem e ao populismo nacionalista e proteccionista.
O pobo xa non resiste un minuto máis o mesmo modelo dexenerativo. Ten a cacerola na man presta cambiar presidentes. O ex-vicepresidente de Menem, sabe que pola Praza de Maio, entre as espontáneas manifestacións da clases medias circulaba un incesante ruxerruxe " Si se pliega a las empresas extranjeras, bajamos a Dualde como bajamos a Rodríguez Saá y a De la Rúa".
Evalentonado por semellante ultimato, dirixiu un desafiante aviso aos grandes grupos empresariais "muchachos o me ayudan o se caen conmigo".
Por esta razón, Dualde non quixo oír a advertencia do Presidente norteamericano, G. Bush. Quen sen agardar o tempo prudencial que determina o rigor mortis político do ex-presidente radical, nunha inusual comparecencia pública saíu en defensa do FMI, descartou ir ao rescate de Arxentina co pretexto de ser un país soberano, insistindo no trinomio máis austeridade-máis pago acreedores-máis diñeiro.
Nunha liña de argumentos diverxente da norteamericana situáronse países como Francia que por boca do chanceler Humbert Védrine expresou "Téñense dado unha serie de erros políticos e económicos, non só dos arxentinos, senón tamén das institucións financeiras internacionais. Esixencias excesivas ou no momento equivocado". Coa mente no FMI o Ministro de Economía do Perú, P. Pablo Kuczynski manifestou "non avisou a tempo e logo foi durísimo nos tempos máis difíciles". Tamén foi clara a declaración de presidentes do Mercosur e asociados (Brasil, Uruguai, Paraguai, Chile, Bolivia) con dous eixos temáticos: apoio a democracia e constitución dun grupo de presión pobre o FMI e o BM para que liberen urxentemente fondos á Arxentina.
Os rostros de preocupación polo "Efecto Tango" asoman cada día día no Mercosur. Segundo a Asociación de Comercio Exterior de Brasil as ventas cara a Arxentina caeron 1000 millóns de dólares no 2001 e para o 2002 prevese a perda de 60.000 empregos no país pola fondura da crise no país socio. Uruguai está atento aos signos que proveñen de Arxentina e xa prepara un paquete de medidas entre as que contempla a devaluación.
O día 11 de xaneiro teñen prevista unha cimeira en Bos Aires os presidentes e chanceleres do Mercosur, para apoiar a Arxentina e constituírse como grupo de presión diante das altas instancias internacionais.
Cada vez son máis os gobernos que entenden que a crise arxentina non é tanto a fracaso dun país como o fracaso dun modelo, do que todos son parte.