20070428 segolene royal e francois bayrou debate bfm tv

Eleccións á francesa

 Ségolene Royal e Francois Bayrou na BFM-TV, clic para aumentar
O principal reto da candidata socialista consiste en atraer a aqueles que xa teñen decidido non votar a Sarkozy, pero que aínda non teñen claro se a dela é a súa papeleta. É o que deu a entender Bayrou cando optou por inhibirse de cara á segunda volta. (Foto: Ségolene Royal e Francois Bayrou antes de debater na BFM-TV o 28 de abril de 2007).
 

Vencer na primeira volta non significa gañar as eleccións. Ben o saben os dous candidatos que encaran o final de campaña. Nas décadas que levamos de V República aconteceu así en 1974, 1981 e 1995, favorecendo a Giscard d’Estaing (fronte a Mitterrand), a Mitterrand (fronte a Giscard d’Estaing) e a Chirac (fronte a Jospin). Ese pasado indica tamén que o silencio da terceira forza acostuma favorecer ao segundo clasificado. Sarkozy parte con vantaxe, pero a indefinición de Bayrou, que non deixa de ser sorprendente habida conta que a Unión para a Democracia Francesa apoia o goberno de Dominique de Villepin, podería transformar a confortable vitoria de Sarkozy nunha adversidade e inaugurar un tempo inédito na política francesa. Pero aínda contando con que Bayrou fixera un pronunciamento explícito de indicación de voto, tampouco está claro que os seus votantes seguirían a súa consigna. A maioría do seu electorado está dividido case a partes iguais e as enquisas constatan a existencia dunha forte presenza de indecisos (arredor do 20%).

Cabe agardar unha gran mobilización nos próximos días. Un e outro candidato terán a primeira segunda volta o próximo 2 de maio nun debate televisivo. A tónica do discurso de cada un podería evolucionar das referencias aos valores e á identidade do país, ata compromisos máis pragmáticos e relacionados coas cuestións económicas e sociais que tanto interesan aos franceses. A "nova Francia" na que ambos os dous din militar presenta matices ben diferenciados en cada caso, o que debe permitir un desempate claro na segunda volta.

A batalla, pois, está no centro. Ambos candidatos tenderon a man a Bayrou, pero para Ségolene Royal non está tan doado establecer unha alianza baseada na "apertura de ideas para saír do bloqueo sistémico actual", tal como anunciou en Valence na resaca da xornada do 22 de abril. O diálogo público reclamado pola candidata socialista atopou resposta no centrismo, pero Bayrou xa ten a mirada posta nas eleccións lexislativas de xuño e no longo camiño que lle agarda ata 2012 para consolidarse como terceira forza na política francesa. O principal reto da candidata socialista consiste en atraer a aqueles que xa teñen decidido non votar a Sarkozy, pero que aínda non teñen claro se a dela é a súa papeleta. É o que deu a entender Bayrou cando optou por inhibirse de cara á segunda volta.