Pasadas as Convencións Demócrata e Republicana, EEUU afronta o tramo final das decisivas eleccións do próximo 2 de novembro. Por primeira vez en moito tempo, practicamente dende a guerra de Vietnam, a política exterior parece estar no centro dos debates, non soamente da clase política, senón tamén entre esa cidadanía que raramente fai oír a súa opinión a non ser a través de enquisas e que nesta ocasión mobilizase mais ca nunca cunha enerxía que a veces sorprende á propia oposición. Desta vez moitos tradicionais abstencionistas poden mudar a súa actitude.
A arrogancia de Bush está a saír cara a EEUU. A aposta pola forza militar e polo unilateralismo son desautorizadas cada día por un Afganistán e un Iraq ingobernábeis e por unha gran parte do mundo que deslexitima a súa autoridade para impoñerse como xendarme universal recorrendo a argumentos falaces para invocar motivos dubidosamente xustos que presten cobertura a guerras animadas por outros intereses ben espurios. Que unha comisión de investigación do propio Senado norteamericano veña a dicir que non había armas de destrucción masiva en Iraq, nin vínculos entre Sadam e Al Qaeda, nin ameaza algunha de ataque inminente, razóns principais esgrimidas para xustificar a "liberación" de Bagdad, debería ser motivo suficiente para desautorizar a candidatura de Bush e conducilo perante a xustiza.
O candidato demócrata, sen representar unha alternativa tan diferente, aposta, non obstante por unha política exterior mais multilateral. As súas iniciativas, que van mais alá da militarización da resposta ao terrorismo, contemplan opcións mais ambiciosas e racionais, susceptíbeis de ser compartidas polas instancias internacionais tradicionais e por numerosos estados influentes, especialmente de Europa, dispostos a implicarse na loita contra o terrorismo pero abertamente desconfiados respecto ás tácticas de Bush, unicamente respaldado polo laborista anómalo, Tony Blair.
Unha victoria do candidato republicano podería dar azos a novas aventuras belicistas. En Oriente Medio observase con preocupación a crecente presión exercida sobre Irán, e chaman a atención sobre a importancia, a sensu contrario, de que o diálogo Washington-Teherán funcione a pleno rendemento para que Iraq poida estabilizarse. Pero o empeño de Israel, moi influente como é sabido na administración Bush, vai por outro camiño, o de asegurarse a toda costa o monopolio rexional das armas nucleares, con disposición mesmo para bombardear Irán.
É cada vez mais claro que no mundo cómpre sosego. En boa medida, aínda que non exclusivamente, a multiplicación da violencia e do terrorismo é unha consecuencia dificilmente evitable da política exterior de EEUU, que está a xerar unha enorme hostilidade, moitas veces irracional, pero presa dunha percepción da inxustiza de quen vive diariamente a aplicación de dúas varas de medir, segundo se trate de amigos ou non da hiperpotencia. A comunidade internacional non é referente cando condena a Israel pola construcción dun muro en terras palestinas e si o é cando esixe a Irán que acceda a que inspectores da Axencia Internacional da Enerxía Atómica visiten as instalacións onde supostamente procesa uranio.
Os cidadáns de EEUU teñen ante si unha enorme responsabilidade. Ogallá que desta vez poidan decidir eles e non unha cadea televisiva ou un xuíz do Tribunal Supremo, amigo de Bush sénior, Michael Moore dixit.