En calquera sociedade libre e democrática, as eleccións presidenciais son unha práctica habitual. A xente vai votar libremente polos seus representantes e estes gobernan de acordo aos seus ideais, secundados polo pobo. Deste xeito, as eleccións palestinas amosaron esa festa democrática, que aínda continúa nalgúns sitios, como en Gaza, cun "Carnaval gadol" ("gran Entroido"), como recoñeceu o canal 10 israelí. Con todo, a festa está embazada por unha realidade que non se corresponde coa definición de democracia.
A democracia implica liberdade, e o pobo palestino aínda carece dela. Moitos dos candidatos, envoltos na loita pola liberación, patriotas que buscan a independencia, están detidos en cárceres israelís. Amais, todos os palestinos na diáspora e incluso eses palestinos que viven temporalmente fóra dos territorios, non teñen dereito a voto. É por iso que a Ihad Islámica negouse a elixir representantes nas votacións e pediu o boicot, por considerar esta práctica non máis que un entretemento de pan e circo para o seu pobo. Foi a Ihad a que vaticinou a vitoria de Hamas nas presentes eleccións, argumentando a forte propaganda de axuda recibida por Israel e Estados Unidos. Así mesmo, Beilin, presidente do partido esquerdista israelí Meretz, declaraba que "Israel xogou un gran papel na debilitación da Autoridade Palestina e o fortalecemento de Hamas. A retirada unilateral da franxa de Gaza, non como parte dun acordo con Abu Mazen, serviu para reforzar a Hamas". Por iso, argumentou con anterioridade, "se Israel e a Autoridade Palestina non logran crear un acordo pronto, Hamas gañará as próximas eleccións". Polo tanto, parece que a vitoria do partido islámico era unha crónica anunciada que algúns se negaron a ver e outros desexaron.
Co triunfo, os diferentes gobernos de todo o mundo comezaron a alarmarse pola entrada en poder dun grupo considerado terrorista por Estados Unidos e a Unión Europea. O certo é que, no exterior son coñecidos polas súas faccións máis radicais e os atentados de mártires suicidas "ataques que deixaron de proclamar hai un ano. Négaselle así o aplauso por esas escolas e centros médicos creados. E é que, segundo prometen os seus líderes, será esta vía construtiva a que defenderá Hamas no goberno. Así, moitos deles falan hoxe en día de conversacións con Israel, afirmando que non hai outra saída que o diálogo, que están fartos da loita armada e que están dispostos a sentarse co inimigo. Pero hai condicións, e non pensar axeonllarse.
Na súa particular batalla con Fatah, o grupo islámico venceu grazas a unha orientación baseada en problemas internos, como son a limpeza dun goberno sen lei e totalmente corrupto. No seu programa non fixo referencia á posible renuncia á violencia, non mencionando os problemas externos. Con todo, Ismael Hanieh, número un na lista nacional de Hamas, deixou claro que está disposto a loitar pola mesquita da Cúpula, en Xerusalén, admitindo que os seus principios non cambian e que nunca se renderán. Ao mesmo tempo, Abu Tir, segundo na lista, sostivo que negociarán con Israel "moito mellor cós outros, que negociaron durante dez anos e non conseguiron nada". Pola outra banda, mentres a campaña de Hamas foi un exemplo de disciplina electoral, a de Fatah foi tachada de confusa e de arrastrar consigo diversos problemas internos.
Membros de Fatah defenden a idea de que moitos dos votos obtidos polo seu principal rival, e gañador maioritario, se deberon ao apoio xerado en Israel. A propaganda gratuíta das últimas semanas, con detencións a membros do partido islámico e anuncios de maior hostilidade, pareceron incentivar un apoio que se presenta como unha forma de levar a contraria ao inimigo. Ao mesmo tempo, algúns destes integrantes do partido creado por Arafat, Fatah, e que levaba 41 anos de total supremacía dentro do movemento nacional palestino, recoñecen a súa derrota por culpa da corrupción interna. Desta sorte, defenden que non foi Hamas quen gaño as eleccións, senón que foron eles quen as perderon grazas ao voto de castigo que pareceu animar a postura do cambio.
A conquista do poder foi unha sorpresa na propia Palestina, que saíu á rúa a festexar a vitoria e enchelo todo de bandeiras verdes e berros en favor de Hamas. Aínda que na noite das eleccións aínda parecía que o éxito sería para Fatah, o amencer tardou en chegar debido aos festexos. As celebracións traducíronse en disparos ao aire e coches percorrendo as cidades avisando da súa presenza con incansables bucinazos. Polo de agora non hai motivos para queixarse da organización nin dos festexos, pois todo está transcorrendo con respecto. Falta saber que sucederá a partir de agora e que fará o goberno electo; un goberno liderado por un partido que declarou a guerra aos acordos de Oslo que posibilitaron a creación da Autoridade Palestina.
Outras cuestións e dúbidas veñen do lado internacional e mesmo de Israel. De acordo á política estadounidense, todas as axudas a Palestina serán suspendidas, posto que o novo goberno estaría formado por un grupo terrorista. Esta idea dun posible corte asistenciario é o que máis medo da aos seguidores dos partidos que pasarán á oposición. E dentro destes, os que se manifestan máis afectados son os cristiáns. A subida ao poder dun grupo radicalmente islámico provoca desconfianzas nun grupo de poboación que cada vez perde máis habitantes debido á continua emigración.
Da outra beira do muro, as opinións son diversas. Mentres algúns culpan ao actual goberno da suba ao poder da facción palestina máis radical, outros auguran o peor para o estado xudeu. Esta é a opinión do cada vez máis radicalizado Likud, que afirma que o plan de Kadima e o partido laborista dunha retirada unilateral de Cisxordania está provocando un estado terrorista que non será máis que un satélite de Irán. E con estas posturas, a intención de voto pode variar considerablemente en Israel, onde uns partidos e outros aproveitarán o pulo deste cambio de goberno para defender os seus ideais.
En certa época, a OLP estaba na lista de grupos terroristas. De igual xeito, a Haganah, que daría a luz ás forzas de defensa israelís, trala formación do estado, foi considerada un grupo terrorista. Así, Hamas podería seguir o camiño que abriron outras organizacións e que acabaron, máis tarde, coa formación dun estado independente ou cos primeiros pasos cara a esa independencia.
O único certo nesta situación é a idea de Talal Ukal, analista político palestino, quen sostén que "é obvio que estamos ante o comezo dunha nova etapa e todos debemos adaptarnos a esta nova realidade". Así sexa, e deixemos que o tempo decida se o goberno elixido democraticamente é o que máis convén na zona. De non ser así, haberá que castigar, entón, a ese partido cualificado de indesexable e procurar doutro xeito o apoio para a creación dun estado palestino libre e independente, cunhas fronteiras delimitadas e que protexan aos veciños dun lado e doutro.