Cando non son unha carga, son un viveiro de irregularidades. Esta asociación, maniquea, entre emigración e fraude electoral ou entre emigrantes e acción social, en moitos casos de emerxencia, vai calando socialmente no noso país e debera ser obxecto de reflexión por parte dos principais actores políticos para poñerlle remedio. Cantos esforzos se fagan para mellorar a transparencia no exercicio do dereito de sufraxio, benvidos sexan; como tamén a habilitación de políticas asistenciais, evitando a perigosa derivación en perversións pseudodemocráticas, que axuden a dignificar a existencia dos nosos emigrantes. Pero o que máis nos urxe en relación á emigración é un cambio de mentalidade.
A nosa diáspora require un enfoque non só integro (comezando, naturalmente, por predicar co exemplo e desde aquí), senón tamén integral. Poden contribuír a mellorar a calidade democrática do país sempre e cando se contemplen canles efectivas de participación que transcendan a mera aritmética electoral. E mesmo neste aspecto, non parece suficiente que voten e que o fagan en urna e con máis transparencia e garantías, senón que deben poder elixir os seus propios representantes. Esa falta de culminación democrática está na raíz da adulteración, que tampouco é exclusiva, do voto da diáspora. E mesmo habería que reflexionar sobre a conveniencia de distinguir, en consecuencia, entre comicios locais (que agora levan a moitos alcaldes a desenvolver unha estraña campaña alén do seu municipio) e outros procesos electorais.
Outro tanto acontece no aproveitamento do capital humano. Á par daqueles que precisan axuda hai outros que poden axudarnos e moito, pero hai que facilitalo e ser serios nas propostas. Non son de recibo as estratexias parciais impulsadas dende o poder público, por moi ben intencionadas que sexan, poñendo o acento nunha dimensión dese valor, o empresarial, sen completala con outras de tanta ou máis significación cualitativa no mundo de hoxe (política, cultural, social, etc) e que poden chegar a ser decisivas mesmo en proxectos de natureza económica.
Non precisamos impulsos a ritmo electoral senón unha estratexia global para a diáspora que aproveite ese rico patrimonio, que o integre nas dinámicas do país e que dignifique, ante a nosa propia sociedade, ese valioso capital humano que para si quixeran outros. No mundo global en que vivimos, as políticas parciais están condenadas ao fracaso.