guantanamo

En mundos desparellos

Apartados xeográficos Outros ARQUIVO
Idiomas Galego
 Guantánamo, clic para aumentar
Xa só faltaba que ademais de explotar, humillar e aldraxar esixísemos que nos traten con cortesía e que acepten a superioridade dunha civilización que, para eles, só serve para levar morte e desespero aos seus países. E nisto si que somos superiores. Pero é unha superioridade negativa porque a exercemos mal ou para o mal. Pero sempre para o noso proveito.
 

Nin choque de civilizacións nin choque de fundamentalismos. Non nos serven as teorías de Huntington, nin as de Tarik Alí. A cousa é moito máis sinxela e clara: países oprimidos, explotados e mediatizados polo mundo occidental, que os humillou e segue facéndoo, aproveitan a oportunidade, case seguro que encirrada politicamente, para demostraren o seu noxo ao cinismo do poder occidental. Unha revolta dos oprimidos contra os opresores.

Vivimos en mundos desparellos, iso é evidente. Pero temos que ir comprendendo, por exemplo, que Bin Laden é feitura occidental. E non hai unha cultura nin tampouco un fundamentalismo en tirapuxa con outro fundamentalismo: o certo é que boas razóns estamos dando unha e outra vez para que este aviveza e se espalle e se anove, coa invasión de Iraq, coa ocupación de Palestina ou coas mesmas caricaturas de Mahoma, entre outros moitos aldraxes. ¿Que outra cousa poderiamos esperar?

Unha cousa é que Dinamarca non se desculpe, e fai ben en non facelo, pois, como país libre que é, non ten que dar conta do que a súa prensa pense e diga; pero outra é que esta cometa o que non é máis ca un desleixo innecesario, unha lixeireza que non leva a ningures, unha babecada sen finalidade. Que iso o vexan doutra maneira os países musulmáns, por ser algo agardado e que ben se podería ter sospeitado sen moitas dificultades, pertence ao mundo da oportunidade ou da inoportunidade. A prensa danesa, se non foi moi oportuna, xa terá hoxe aprendida a lección.

O mundo islámico aproveitou a ocasión que se lle regalou para, dende Marrocos a Indonesia, manifestarse contra quen os explota, os humilla e os aldraxa. Penso que hai detrás das revoltas o aguillón da política, iso parece fóra de toda dúbida, e non debe estrañar a ninguén, pois debemos velo como o máis natural. E xa se ve que esa política ten eco en todo o mundo musulmán "como, por outra banda, é lóxico que así sexa.

Xa só faltaba que ademais de explotar, humillar e aldraxar esixísemos que nos traten con cortesía e que acepten a superioridade dunha civilización que, para eles, só serve para levar morte e desespero aos seus países. E nisto si que somos superiores. Pero é unha superioridade negativa porque a exercemos mal ou para o mal. Pero sempre para o noso proveito.