Encrucillada turca

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego

Alain Franchon (Le Monde, 12 de xuño) sostén que dende que Recep Tayyip Erdogan chega ao poder, no 2003, a prensa e a edición son máis libres, o poder xudicial máis independente, torturase menos nas prisións e na policía, as eleccións son máis abertas, os kurdos teñen un  respiro.

Por moito que Turquía teña que camiñar aínda en dereitos humanos, como tamén sinala o mesmo autor, é o contrario do Irán de Ahmadineiad. Os dirixentes dun e doutro país, sen dúbida, pretenden exercer o seu liderado na rexión. Nin Turquía nin Irán parecen estar en condicións, por moitos motivos, para exercelo.

Turquía é o único país musulmán que pertence á OTAN, é candidato á UE, non rompeu con Israel e quere ser unha potencia dominante no Oriente Medio. E Irán está gobernada por un fascista, ultranacionalista, de ideoloxía totalitaria, ademais de facelo nunha sociedade que o refuga ata expoñerse á máis brutal das represións.

A recente desafección turca de Europa é imposible, como imposible é a súa cobiza de dirixir o mundo árabe e musulmán: Europa fáiselle case imposible porque non cumpre as esixencias necesarias para iso; e eses países non poden crer moito nos que, en Afganistán, loitan contra os talibáns e á par da OTAN.

Turquía vai estar condenada en diante a unha política de moi finos equilibrios: quererá ser unha referencia moderna para  árabes e musulmáns e non renunciará a seguir petando nas portas da UE, á par de ir esforzándose para poder entrar nela nas condicións esixidas. Moito esforzo, moitas enerxías, moita imaxinación.