20070523 soldados libaneses arredor nahr al bared

Entre Líbano e Palestina

 Soldados libaneses campo refuxiados Nahr al-Bared, clic para aumentar
A actual violencia no Líbano forma parte da escalada dunha crise política interna manifestada tralo triunfo militar do Hizbulah sobre o exército israelí na guerra de 2006. Co Hizbulah en ascenso, a fráxil estabilidade do goberno do primeiro ministro Fuad Siniora dependía principalmente do apoio exterior recibido dende EEUU e a Unión Europea, así como da misión da ONU no Líbano, a FINUL. Pero tanto como EEUU e Europa, o pulso de intereses no Líbano involucra tamén a Siria, Irán, Arabia Saudita e Israel. (Foto: Soldados libaneses toman posicións arredor do campo de refuxiados palestino de Nahr al-Bared, ao norte do Líbano, o 23 de maio de 2007).
 

A aparición dunha inédita milicia palestina, denominada Fatah al Islam, e os seus recentes combates co exército libanés, cun saldo preliminar de máis de cen mortos, volven a colocar a fráxil situación libanesa como eixe principal dentro dunha ampla confrontación xeopolítica en Oriente Medio.

A importancia dos acontecementos libaneses cobra forza tomando en conta a presenza de tropas da ONU, co seu correspondente continxente español, na zona do sur do Líbano, principal escenario da breve guerra entre o movemento islamita xiíta Hizbulah e o exército israelí en agosto de 2006. Este delicado panorama pode involucrar a EEUU e Europa nunha nova crise rexional.

Os combates entre o exército libanés e a milicia Fatah al Islam ocorren case en paralelo co espallamento dunha situación de pre-guerra civil en Palestina, cos irregulares combates en Gaza entre as milicias de Al Fatah e Hamas. Sen constituír un elemento directo e orixinario da actual confrontación no Líbano, o que pode estar experimentándose neste país é unha posible expansión do conflito palestino, a traveso do drama dos seus refuxiados, esquecidos da atención internacional.

Con cerca de 300 militantes, Fatah al Islam provén dunha división da Fatah al Intifada, movemento armado formado nos campamentos de refuxiados palestinos ao norte do Líbano. Aínda que persisten especulacións sobre a súa verdadeira orixe, diversos sectores da opinión pública occidental non dubidan en sinalar a Fatah al Islam como unha rama de Al Qaeda dentro do Líbano.

Non obstante, as mensaxes do Fatah al Islam certifican non pertencer á rede de Osama ben Laden, aínda que manifestan compartir a súa ideoloxía salafista yihadista. Independentes no aspecto loxístico, o único apoio político exterior deste grupo semella estar en Siria.

O futuro libanés decídese no exterior

Con ou sen esta idea preconcibida, a actual violencia no Líbano forma parte da escalada dunha crise política interna manifestada tralo triunfo militar do Hizbulah sobre o exército israelí na guerra de 2006. Con Hizbulah en ascenso, a fráxil estabilidade do goberno do primeiro ministro Fuad Siniora dependía principalmente do apoio exterior recibido dende EEUU e a Unión Europea, así como da misión da ONU no Líbano, a FINUL.

Tanto como EEUU e Europa, o pulso de intereses no Líbano involucra tamén a Siria, Irán, Arabia Saudita e Israel. Neste sentido, a contención política do Hizbulah e a repentina aparición da violencia permitiu a Siria, debilitada no Líbano trala retirada militar das súas tropas no 2005, tentar gañar algo de tempo para afinar determinadas cotas de poder aínda persistentes no Líbano.

O obxectivo de Damasco estaba destinado a debilitar a Siniora a fin de mitigar os efectos da misión da ONU encargada de investigar a presunta implicación siria no asasinato do ex primeiro ministro Rafik Hariri en febreiro de 2005, orixe das sucesivas crises políticas que vive o Líbano, e cun veredicto que está por publicarse.

O illamento occidental de Siria, parcialmente superado trala visita da presidenta do Congreso estadounidense Nancy Pelosi a Damasco así como da diplomacia iraniana, segue a influír na súa política no Líbano. En Occidente consideran que Siria tenta evitar o ascenso electoral do partido de Hariri, hoxe liderado polo seu fillo, nas próximas eleccións presidenciais libanesas, incluso fomentando un clima de violencia.

Velaí que fontes de intelixencia occidentais e israelís insisten en implicar a Siria na aparición do Fatah al Islam, considerando que os servizos de seguridade sirio están detrás da creación desta milicia palestina.

Tanto como Siria, outros actores externos como Irán e Arabia Saudita estaban constituíndose nos verdadeiros árbitros da crise libanesa, a traveso da súas respectivas influencias sobre o Hizbulah e a comunidade sunnita. Un Líbano tutelado por Irán e Arabia Saudita non ía ser tan facilmente aceptado polas diversas comunidades étnicas e relixiosas libanesas, así como por Siria, EEUU, Israel e, no caso de ser certa a súa implicación, a rede Al Qaeda, a traveso da milicia Fatah al Islam.

A violencia libanesa ocorre tamén en paralelo ás anunciadas negociacións directas entre EEUU, Siria e Irán sobre a estabilización en Iraq, dentro dunha conxuntura sumamente delicada, debido á próxima celebración do referendo autonomista no Kurdistán iraquí e as implicacións deste escenario para Turquía, outro país sumido nunha aguda crise política.

Unha "palestinización" rexional?

Obviamente, outro actor interesado na crise libanesa é Israel, pero dende unha perspectiva diferente que ten que ver coa situación palestina. Todo isto tamén marcado pola crítica situación interna que vive o goberno de Ehud Olmert en Tel Aviv, acosado e ameazado de dimitir polo seu fracaso militar no Líbano e os escándalos de corrupción.

O violento pulso en Palestina entre Hamas e Al Fatah conta co beneplácito israelí, estadounidense e europeo, dirixido a acabar co goberno de Hamas na Autoridade Palestina, debilitar a súa institucionalidade e fomentar un retorno de Al Fatah ao poder para dar marcha a un diálogo vantaxoso para Tel Aviv e Washington.

Non obstante, a ala radical de Hamas, descontenta co pragmatismo e as cesións do seu primeiro ministro Ismail Haniya, acaba de anunciar o fin da tregua con Israel, que pode dar pe a atentados en Israel ou ben a ataques directos dende Gaza. Con esta perspectiva, o exército israelí ansía unha acción xustificante que permita iniciar unha nova ofensiva militar, esta vez en Gaza, que lle posibilite volver a controlar os territorios palestinos e resarcirse da derrota militar no sur libanés.

Con estes escenarios e as súas claves, o Líbano volve a constituírse como o epicentro dos conflitos en Oriente Próximo mentres resucita os seus xa tradicionais tráxicos ciclos de violencia sectaria.