A semana pasada exemplificouse a dialéctica do sistema, en dúas reunións paralelas: a do G-7, en Washington, na que os países ricos confirmaron as súas optimistas previsións sobre a marcha da economía mundial, e a do G-77, en La Habana, onde os países pobres reclamaron unha mellor distribución das oportunidades e a condonación da débeda externa.
As realidades máis diferentes, as sensibilidades máis discrepantes expresáronse na capital norteamericana e cubana. Na primeira as sete economías máis fortes do planeta (Alemaña, Canadá, Estados Unidos, Francia, Italia, Xapón e o Reino Unido), que representan ao 20% da poboación mundial, auguraron un crecemento global dun 4,25% e o mantemento da fase expansionista da economía mundial. Na segunda, os representantes de 133 países, e do 80% dos habitantes do planeta, reclamaban unha orde económica máis humana, o libre acceso aos mercado e a corrección dos efectos negativos da mundialización económica.
Nin as caídas bolsistas nin as manifestacións dos grupos reunidos baixo a denominación de "Mobilización para a Xustiza Global" semellan ter inquietado aos responsables das economías dos sete grandes.
O informe do FMI é absolutamente optimista ao anunciar un crecemento previsible, para o ano 2000, da economía mundial en máis de catro puntos e a continuidade do período alcista, máis alá das lóxicas fluctuacións. Tanto os representantes norteamericanos como europeos desbotaron calquera risco de crash bolsista, a pesar da espectacular caída do índice Nasdaq e de Wall Street que consideran unha simple readaptación.
Tampouco os milleiros de manifestantes que acusaban ao FMI e ao Banco Mundial de favorecer as actividades das grandes empresas transnacionais, de falta de transparencia e ausencia de democracia ao non ter que dar conta das súas decisións ante ninguén, semellan ter preocupado en exceso aos dirixentes económicos mundiais. Se ben semella evidente que amplos sectores da sociedade norteamericana son cada vez máis sensibles ante o aumento das diferencias entre ricos e pobres e son capaces de expresar a súa solidariedade cos países menos desenvolvidos como se puxo de manifesto hai uns meses en Seatle e agora en Washington.
Con anterioridade o G-77 reuniuse en La Habana. Os delegados de 133 países entre os que se atopaban 42 xefes de estado e de Goberno trataron de buscar novas vías para reformular as relacións Norte-Sur, aumentar a cooperación Sur-Sur e reclamar o seu acceso ás novas tecnoloxías e aos mercados mundiais. Na sesión inaugural, Fidel Castro lembrou que a débeda exterior dos países en vías de desenvolvemento supera os 2,5 billóns de dólares e que esta xa foi pagada nos termos en que foi contraída polo que solicitou aos integrantes do G-77 que deixasen de pagala. Ao tempo, o anfitrión demandou a desaparición do FMI e a súa substitución por unha estructura financeira mundial que serva non para protexer aos acredores senón para permitir o desenvolvemento dos países empobrecidos.
As dificultades para que na reunión de La Habana se obteñan resultados prácticos son evidentes ante a tremenda diversidade de intereses e posicións dos países membros. Os acordos concretos vanse limitar á creación dunha Comisión de Notables do Terceiro Mundo que divulgue as resolucións tomadas e reclamar un maior peso dos estados do G-77 en Nacións Unidas.