globo

Entre potencias e alianzas: a UE na transformación da orde internacional (I) Do dominio único ao equilibrio de forzas: novas dinámicas na orde global

Esta serie de artigos constitúe unha traducción e aproximación ao estudo The European Union as a Moderating Factor in the Strategic Competition between the United States and China, publicado por Sofía Gómez González no repositorio da Universidade Pontificia Comillas. Nel, a autora analiza como, nun momento no que a competencia entre os Estados Unidos e China acada niveis de enorme tensión, e tras a recente chegada de Donald Trump á presidencia estadounidense, a Unión Europea pode desempeñar un papel moderador dentro dunha orde internacional en transformación. O traballo céntrase nos factores estratéxicos —económicos, tecnolóxicos e de defensa— que condicionan este escenario, subliñando a relevancia que ten para Europa. A cuestión resulta especialmente significativa, xa que da súa resolución dependerán tanto a supervivencia do chamado modo de vida europeo como a posición da UE no sistema internacional.
Liñas de investigación Relacións Internacionais Unión Europea
Apartados xeográficos Europa
Palabras chave China UE Xeopolítica

Nos derradeiros anos, a orde mundial caracterizouse por un marcado orde liderado dos Estados Unidos, asentado tras a Segunda Guerra Mundial e a Guerra Fría a través das institucións de Bretton Woods, como o Banco Mundial, o Fondo Monetario Internacional, a OMC e os principios da Carta das Nacións Unidas. Na actualidade, xorde a pregunta de se seguimos inmersos nese mesmo marco ou se o crecemento experimentado por China nos últimos anos xa provocou unha mudanza; e, de ser así, cara a que tipo de sistema internacional estamos a avanzar.

Mentres os Estados Unidos procuran manter un sistema no que concentren todo o poder, China leva tempo tentando reestruturalo. Un exemplo disto é que, no ano 2014, foi cofundadora do Banco dos BRICS, con sede en Shanghai, co obxectivo de reformular unhas finanzas internacionais até agora dominadas polo FMI. Ademais, impulsou a creación doutras organizacións internacionais, como o Banco Asiático de Investimento en Infraestruturas (AIIB). Tamén constatamos que, froito da súa apertura, China pasou a ser o maior comerciante de bens do planeta. Durante anos, o xigante asiático procurou manter o seu crecemento como actor na orde internacional de maneira discreta, evitando, por exemplo, investir en exceso nas súas capacidades militares, para non ser vista como unha ameaza. Esta estratexia silenciosa semella ter dado froitos, xa que os propios Estados Unidos foron un dos grandes impulsores do seu avance. Hoxe, o “centro de gravidade global” desprazouse das economías desenvolvidas ás emerxentes, e o Pacífico substituíu o Mediterráneo como eixo central do comercio. Así, China xa non pode permitirse pasar inadvertida e, ao non se ver recoñecido o seu peso político nas institucións e nas relacións vixentes, procura agora acadar maior influencia dentro delas, ademais de formular novos escenarios que lle resulten máis favorables de dominar. Isto implica, en consecuencia, que o interese de Occidente xa non coincide co de tantos outros actores e que xa non marca, necesariamente, o rumbo do mundo. De modo que, o ascenso de poder de certos actores inflúe nas alianzas e nas relacións consolidadas, podendo alterar de maneira significativa os equilibrios xeopolíticos e xerar riscos. Porén, aínda que China poida superar aos Estados Unidos en termos económicos, moitos cuestionan se está á súa altura no ámbito militar, político ou cultural.

Ademais, tendo en conta que China tamén participa do sistema liderado polos Estados Unidos, resulta difícil imaxinar que poida acadar a hexemonía e instaurar un sistema unipolar sen que a orde internacional pase antes por unha etapa claramente bipolar ou multipolar. Así mesmo, falando en termos de multipolaridade, bipolaridade e unipolaridade, segundo a teoría das Relacións Internacionais, ao resto dos Estados interésalles rachar coa “unipolaridade estadounidense”, pois isto lles outorgaría máis poder e, a través de regras e institucións, lles garantiría certa protección e un trato máis equitativo. Mais, cal é a situación na práctica? Segundo Ikenberry, esta crise abre unha xanela de oportunidade para que os países en desenvolvemento non occidentais procuren reformar ou integrarse con máis intensidade na orde internacional. Entón, cal é o escenario para a Unión Europea?

Mentres os Estados Unidos tentarán dificultar especialmente o ascenso de China e, moi probablemente, tamén o de calquera aliado do xigante asiático para garantir a súa hexemonía na orde internacional; China, pola súa banda, procura ampliar a súa influencia e control máis aló das súas fronteiras, tanto no eido económico como no xeopolítico. Así, o poder institucional continúa, polo de agora, en mans de Occidente, xa que foi este quen estableceu orixinalmente as regras do xogo. Este é un factor especialmente relevante para a Unión Europea, debido ás súas semellanzas cos Estados Unidos e ao seu papel como defensora dos dereitos humanos e referente lexislativo. Porén, China tamén está a ofrecer unha alternativa a través do chamado Consenso de Pequín, unha proposta atractiva que presenta á Unión Europea, así como a moitos outros actores, unha nova alianza oposta—unha “sen valores”. No medio desta crecente tensión entre os Estados Unidos e China, o obxectivo esencial da Unión Europea é manter e, se é posible, reforzar a súa posición na orde internacional, preservando a súa competitividade e esforzándose por acadar unha autonomía estratéxica que lle permita soster a paz dentro deste equilibrio.

Podes descarregar o estudo “The European Union as a Moderating Factor in the Strategic Competition between the United States and China”, publicado por Sofía Gómez González no repositorio da Universidade Pontificia Comillas.


Referencias