UE China

Entre potencias e alianzas: a UE na transformación da orde internacional (III) Unha relación complexa: a UE e China entre intereses económicos e desafíos políticos (2016–2024)

Esta serie de artigos constitúe unha traducción e aproximación ao estudo The European Union as a Moderating Factor in the Strategic Competition between the United States and China, publicado por Sofía Gómez González no repositorio da Universidade Pontificia Comillas. Nel, a autora analiza como, nun momento no que a competencia entre os Estados Unidos e China acada niveis de enorme tensión, e tras a recente chegada de Donald Trump á presidencia estadounidense, a Unión Europea pode desempeñar un papel moderador dentro dunha orde internacional en transformación. O traballo céntrase nos factores estratéxicos —económicos, tecnolóxicos e de defensa— que condicionan este escenario, subliñando a relevancia que ten para Europa. A cuestión resulta especialmente significativa, xa que da súa resolución dependerán tanto a supervivencia do chamado modo de vida europeo como a posición da UE no sistema internacional.
Liñas de investigación Relacións Internacionais Unión Europea
Apartados xeográficos Europa
Palabras chave UE Unión Europea

Á hora de analizar os vínculos entre a Unión Europea (UE) e China resulta fundamental comprender as particularidades de cada actor. A UE constitúe un proxecto de integración en constante evolución, formado por 27 estados membros e sustentado nun sistema institucional complexo, onde as decisións relevantes adoitan requirir unanimidade. Ademais, a dinámica democrática obriga a renovar os mandatos de maneira periódica, o que limita á súa acción política. Pola contra, China é un estado cunha historia milenaria, gobernado hoxe polo Partido Comunista baixo un réxime autoritario. A concentración do poder permítelle reaccionar con maior rapidez e elaborar planificacións a longo prazo, a diferenza dos procesos máis lentos e fragmentados da UE. Estas diferenzas estruturais condicionan directamente o comportamento de ambos actores na escena internacional.

Neste contexto, as relacións entre a UE e China tornáronse cada vez máis complexas. Bruxelas define hoxe a Pequín como socio para a cooperación, competidor económico e rival sistémico ao mesmo tempo. Esta categorización contrasta coa visión tradicional dos Estados Unidos, considerado aliado a pesar das tensións. Durante o primeiro mandato de Ursula von der Leyen, coincidindo coa presidencia de Joe Biden, a actitude europea fronte a China foi cautelosa e, para algúns, mesmo hostil. Denunciouse con frecuencia a incompatibilidade entre os valores europeos e os dun estado autoritario, así como prácticas económicas desleais de Pequín, como as subvencións estatais ás industrias tecnolóxicas. Curiosamente, medidas semellantes aplicadas por Washington baixo a estratexia “Buy American” provocaron moita menos polémica en Bruxelas, o que pon de manifesto unha evidente asimetría.

Xa en 2019, recoñecendo a crecente relevancia global de China, os estados membros da UE adoptaron un enfoque máis realista e poliédrico. Subliñouse a necesidade de combinar cooperación con firmeza, procurar beneficios mutuos e salvagardar os intereses europeos en ámbitos económicos, tecnolóxicos e de gobernanza. Tanto a UE coma China reiteraron o seu compromiso cunha orde internacional baseada en regras, aínda que Bruxelas fixo fincapé no respecto aos dereitos humanos e no papel central das Nacións Unidas. Este dobre movemento amosa a vontade europea de reducir riscos sen pechar a porta ao diálogo.

Non obstante, os acontecementos posteriores complicaron este equilibrio. A guerra en Ucrania e a alianza reforzada entre Pequín e Moscú acrecentaron a percepción da China como ameaza, consolidando a idea dun enfrontamento global entre democracias e réximes autoritarios. Inicialmente, Europa atopou alivio no apoio estadounidense baixo Biden. Porén, o regreso de Donald Trump á Casa Branca en 2025, cunha liña crecente de autoritarismo, debilitou este marco. A posibilidade de que os Estados Unidos abandonen a cooperación transatlántica reavivou en Europa o debate sobre a autonomía estratéxica.

Neste novo escenario, as oportunidades que ofrece China non pasan desapercibidas. Cada vez máis voces dentro da UE defenden virar cara ao Oriente, considerando a Pequín como un posible aliado fronte ao ton ameazante de Washington desde a segunda administración Trump. Os puntos en común son numerosos: xa en 2020 China superara os Estados Unidos como principal socio comercial europeo, e a nova guerra arancelaria impulsada por Trump en 2025 intensificou a sensación de inestabilidade e desconfianza. Non só polos intereses concretos de cada actor, senón tamén pola concepción mesma da orde internacional: mentres o actual goberno estadounidense semella afastarse do multilateralismo, China reivindícase como defensora dunha orde baseada na cooperación global, unha visión moito máis próxima á da Unión Europea.

En resumo, as relacións entre a UE e China atópanse nun punto de inflexión: mesturan cautela e hostilidade con vontade de cooperación. A tensión entre valores, intereses económicos e alianzas xeopolíticas debuxa un panorama de incerteza no que Europa debe decidir se mantén a súa tradicional dependencia transatlántica ou se aposta por un achegamento máis decidido cara ao xigante asiático.

Podes descarregar o estudo “The European Union as a Moderating Factor in the Strategic Competition between the United States and China”, publicado por Sofía Gómez González no repositorio da Universidade Pontificia Comillas.


Referencias