20080103 rabat taieb fassi fihri moratinos

Entre Rabat e Madrid


 Taeib Fassi Fihri e Miguel Ángel Moratinos, clic para aumentar
Despois do encontro de Moratinos co seu homologo, Taeib Fassi Fihri, conscientes dos poderosos intereses económicos e de todo tipo que connotan a axenda bilateral, cabe imaxinar unha rápida normalización e o encarreiramento do diálogo Madrid-Rabat. (Foto: Miguel Ángel Moratinos (dereita) fai entrega a Taeib Fassi Fihri dunha carta do presidente do Goberno español, en Rabat o 3 de xaneiro de 2008).
 

O ministro Moratinos viaxou a Rabat para pechar a crise diplomática aberta con Marrocos e agravada co abandono da legación de Madrid por parte do embaixador do reino alauita, Omar Azziman, o pasado 2 de novembro. O detonante da chamada a consultas do ministro marroquí foi a visita real a Ceuta e Melilla os pasados 5 e 6 de novembro, cidades que Rabat reclama como pertencentes á súa soberanía. Despois do encontro co seu homologo, Taeib Fassi Fihri, conscientes dos poderosos intereses económicos e de todo tipo que connotan a axenda bilateral, cabe imaxinar unha rápida normalización e o encarreiramento do diálogo.

O goberno marroquí, que cualificou aquela visita de “provocación”, hai tempo que reclama a apertura de negociacións directas con Madrid respecto do futuro destas dúas cidades. Nos últimos meses, en fontes diplomáticas do goberno alauita insistíase no establecemento deste diálogo como condición sine qua non para recuperar a normalización. Non obstante, aínda que pouco transcendeu do encontro, non parece que Moratinos accedera a esta pretensión. É moito pedir no contexto actual. Hai vinte anos, Hassan II, promovera sen éxito a creación dun comité bilateral para explorar posibles vías que facilitasen a recuperación de ambos territorios colonizados por España dende finais do século XV. Afondando na crise bilateral, o primeiro ministro Abbass El Fassi comparaba non hai moito a situación de Ceuta e Melilla coa Palestina ocupada por Israel.

A presenza de Moratinos en Rabat e a misiva de Zapatero poden ser os xestos reclamados por Mohamed VI para pechar a crise. A agardada inflexibilidade de Madrid en relación a Ceuta e Melilla podería compensarse con concesións noutros dous dosieres que interesan na capital marroquí: a decisión de Baltasar Garzón de abrir unha investigación sobre o presunto xenocidio da poboación do Sahara Occidental durante os anos 70 e 80 do século pasado; e o propio futuro deste territorio disputado (e tamén antiga colonia española), que afronta un proceso negociador difícil cunha nova rolda de conversas os días 8 e 9 de xaneiro en EEUU. Para Rabat, o Sahara segue sendo unha das súas prioridades políticas máximas e un maior acercamento de Madrid ás súas teses illaría un pouco máis as aspiracións da Fronte Polisario.