20080328 taipei partidarios do dalai lama

Entre Tibet e Taiwán

 Partidarios do Dalai Lama en Taipei; clic para aumentar
A radicalización do conflito amosada nas últimas semanas suxire un cambio de tendencia: as xeracións máis novas, quizais tamén máis laicas, distáncianse do discurso anti-violencia do Dalai Lama, quen de non ser pola súa imaxe internacional iría camiño de converterse no Rugova do Tibet. As declaracións do gañador Ma en Taipei a prol de reunirse con el son a penitencia dunha xornada na que a derrota dos soberanistas taiwaneses soubo a groria en Pequín, dando un respiro a uns dirixentes que conforme se aproximan os Xogos Olímpicos ven medrar exponencialmente as frontes de conflito. (Paritiarios do Dalai Lama maniféstanse en Taipei a finais de marzo de 2008).
 

Esta foi a “semana da paixón” territorial en China. Un auténtico vía crucis en Tibet, unha absolución con penitencia en Taiwán. Ambos temas reflicten o delicado da articulación territorial en China e a importancia de reflexionar a fondo sobre o futuro do modelo político vixente que, polo momento, atende moi remotamente aos problemas das chamadas “nacionalidades minoritarias”.

Os problemas nacionalistas de Tibet e Taiwán son ben diferentes o un do outro. O nacionalismo que existiu en Taiwán foi de signo marcadamente antixaponés e panchinés ata 1945, cando a República de China de Chiang Kai-shek recuperou o control sobre a illa que a China imperial perdera en 1895 a raiz do Tratado de Shimonoseki. A partir de 1949, o KMT estableceu aquí a República de China, que fuxira derrotada do continente, mantendo dende Taipei a ficción de representar a toda China. O recente nacionalismo especificamente taiwanés é de signo democrático e anti-KMT, pois entre 1945 e 1987 exerceu unha férrea ditadura na illa. Ata ese momento, un simple acordo entre PCCh e KMT podía facer posible a unificación que só a guerra de Corea e a interposición de EEUU evitou de consumar pola forza a comezos dos cincuenta do século pasado. Os intentos de fabricar unha nación taiwanesa, mesmo alentando o recoñecemento das tribos aborixes para reforzar os matices diferenciadores en relación ao continente, é produto dunha vontade política de signo soberanista que si ben do punto de vista identitario carece de entidade suficiente, dende o punto de vista democrático podería chegar a xustificarse.

O nacionalismo tibetano, pola contra, é de orixe identitaria e cunha forte carga relixiosa. A nación tibetana é unha realidade evidente, mesmo recoñecida pola propia maioría han e pola institucionalidade oficial chinesa. Os líderes de Zhonanghai rexeitaron sempre a autodeterminación, promovendo a autonomía como alternativa para facilitar o autogoberno e a protección das identidades das nacionalidades minoritarias, incluída a tibetana, unha das máis numerosas e segmentada administrativamente en diferentes territorios que van mais aló da actual rexión autonóma de Tibet. As carencias, formais e reais, deste modelo, xunto ás tensións xeradas pola transposición do modelo de desenvolvemento chinés ao Tibet reforzan os procesos identitarios. A sinización, favorecida pola inmigración han, e a conversión da súa cultura nun atractivo turístico que deixa entrever unha concepción da identidade tibetana non só como algo diferente senón como sinónimo de atraso, complican as posibilidades de xerar un progreso que respecte a identidade propia.

Con raíces propias pero instrumentados un e outro na dose respectiva dende o exterior (é evidente que causas semellantes non reciben o mesmo apoio de EEUU nin doutros países occidentais), o certo é que as autonomías en China presentan múltiples carencias e as posibilidades do exercicio dun autogoberno efectivo son enormemente limitadas. Nese contexto, a radicalización do conflito amosada nas últimas semanas suxire un cambio de tendencia: as xeracións máis novas, quizais tamén máis laicas, distáncianse do discurso anti-violencia do Dalai Lama, quen de non ser pola súa imaxe internacional iría camiño de converterse no Rugova do Tibet. As declaracións do gañador Ma en Taipei a prol de reunirse con el son a penitencia dunha xornada na que a derrota dos soberanistas taiwaneses soubo a groria en Pequín, dando un respiro a uns dirixentes que conforme se aproximan os Xogos Olímpicos ven medrar exponencialmente as frontes de conflito. E xurdirán máis.