Esta entrevista fai parte do Informe anual da Acción Exterior de Galicia, Informe Nós No Mundo 2021-2022: 25 anos: Da Secretaría Xeral á Lei de Acción Exterior
Ana Ramos é Directora da Fundación Galicia Europa desde 1999

Entrevista a Ana Ramos, Directora da Oficina en Bruxelas da Fundación Galicia Europa

1- O mundo cambiou moito desde o 1997. Que acontecementos ou procesos, galegos ou internacionais destacaría?

No plano europeo, destacaría as sucesivas ampliacións (1999, 2004, 2007) que nos levou a unha Unión Europea de 28 Estados membros. E como non, o brexit, a primeira saída dun Estado do club comunitario. A ampliación cara o Leste deixou a Galicia máis afastada do centro xeográfico da UE e cambiou os equilibrios no Consello, facendo as negociacións máis complicadas. Así e todo, son optimista ao ver os avances que está a facer a UE nos últimos anos: en materia sanitaria -ao facer fronte de forma coordinada á pandemia-, económica -ao emitir por primeira vez grandes cantidades de débeda pública para sufragar a recuperación económica-, e os novos pasos que se están dando cara unha Unión Europea da Defensa, acelerados agora pola invasión rusa de Ucraína.

2- 40 anos do Estatuto, 25 da creación da SX de Acción Exterior, cal é o balance?

En Bruxelas, a Fundación Galicia Europa está presente dende 1988, por tanto, máis de 30 anos de presenza galega na capital comunitaria dos que destacaría: 1. O sistema de colaboración que instauramos entre as oficinas de CCAA en Bruxelas e entre estas e a Representación Permanente de España ante a UE; 2. A participación directa das CCAA no Consello por medio dun sistema de representación rotatoria 3. A evolución do papel do Comité Europeo das Rexións. Calquera destras tres canles (sen ser as únicas) sérvenos para facer un mellor seguimento das políticas comunitarias e facer chegar a nosa opinión, inquietudes ou experiencias. Ao longo destes anos, estas canles evolucionaron e afianzáronse de modo positivo para a acción exterior galega.

3- E desde o balance, canta marxe queda, dentro do Estatuto, para desenvolver máis a acción exterior de Galicia? 

A Lei de Acción Exterior aprobada o ano pasado constitúe un marco xurídico apropiado para seguir traballando neste sentido. Na práctica, nunca nos atopamos con limitacións xurídicas á hora de defender os intereses galegos ante a UE.

4- Que prioridades e desafíos inmediatos ten a política pública de acción exterior en Galicia?

A recuperación económica coa axuda dos fondos de recuperación europea e os fondos estruturais. Certamente, isto ten un carácter interno pero, para que estes fondos se adecúen ás necesidades de Galicia e poidan ser ben executados, debe haber un aliñamento entre as políticas galegas e as europeas. E aí é onde intervimos nós, en facer comprender as propostas europeas en Galicia e as peculiaridades galegas en Bruxelas.

5- Que prioridades e desafíos de medio e longo alcance ten a política pública de acción exterior en Galicia? 

No plano europeo, a corto, medio e longo prazo, traballar por unha transición ecolóxica equilibrada, asumible e xusta que achegue novas oportunidades a Galicia e que acompañe a transformación necesaria de certos sectores para lograr a neutralidade climática en 2050.

6- Europa, Eurorexión, Lusofonía, Diáspora, Internacionalización empresarial e académica… Mais no desenvolvemento da Lei de Acción Exterior, que papel pode xogar o Xacobeo?

En Bruxelas, vemos con claridade o papel evocador que desempeña o Camiño de Santiago como xerme da construción europea. Máis alo da peregrinación, esta ruta permitiu conectar xentes, territorios, cultura e valores ao longo dos séculos. O Camiño de Santiago sitúa a Galicia en Europa e tamén no mundo. É o mellor embaixador do pobo galego: a súa cultura, historia, patrimonio, gastronomía, etc. Por tanto, o seu papel debe ser central na acción exterior galega.