Entrevista a Daniel González Palau: “A súa máxima: un mundo sen segredos”

A aparición de Wikileaks xunto a doutros movementos críticos co sistema actual podería ser o preludio dun novo escenario, de novos suxeitos políticos. Esta é a opinión de Daniel González Palau, analista do Igadi, que destaca, ademais da defensa do leaking ético –facer públicas informacións sen control oficial– que fai Wikileaks, a súa capacidade para moverse ao carón de estruturas políticas que lles sirvan como altavoces.

Como definiría o que é Wikileaks?

É una organización do noso tempo. Sería inimaxinable hai dez anos, reproduce imaxes dunha película do futuro. Móvese toda por internet, usa as novas tecnoloxías, é global e, sobre todo, non actúa enraizada nun estado senón por xente repartida por todo o planeta. Emprega en todo momento metodoloxías e tecnoloxías que hai dez anos eran imposibles de ter presentes.

Supón unha esperanza dende o punto de vista informativo, sobre todo cando a información dos conflitos armados é sempre parcial e propagandística?

Efectivamente, eles o que fan é defender a posición do leaking ético, desvelar segredos de empresas, de estados, corporacións que están moitas veces na cara be das noticias e que non se coñecen. Eles poñen toda esta tecnoloxía á disposición da cidadanía do mundo enteiro.

Servirá para cambiar algo?

Tanto Wikileaks coma outros movementos plantexan críticas radicais a moitas das situacións que conforman o statu quo da política do mundo. Dependo de como se enlacen esas diferentes alternativas pode ser que aparezan novos escenarios, novos suxeitos políticos e… quen sabe.

O que está claro é que Wikileaks está a molestar a moita xente, entre ela, o Pentágono, tras sacar documentos secretos da guerra de Afganistán.

Creo que a súa intención é poñerlle unha pedra máis no camiño a Obama para evitar que perdure moito máis esta guerra. Agora van facer públicos outros 15.000 documentos máis. O que non teño moi claro é como lle pode afectar á opinión pública dos EUA que se coñeza a actuación da súa administración e do seu exército, cando parece que están máis preocupados pola economía e polo paro. Pero en fin, podería acabar converténdose nun problema bastante grave.

Cre, como acusou o Pentágono, que Wikileaks pon en perigo os informantes?

Amnistía Internacional foi unha das organizacións que asinou a carta na que se pedía que revisasen todos os documentos e se tapase os nomes dos informantes. Pero a resposta de Julian Assange foi de colaboración. Fíxolle un chamamento para que participe nese leaking ético no que actúan. E, se nalgunhas ocasións é así, aprenderán dos seus erros. Wikileaks é unha organización moi recente.

En España, podería aparecer unha iniciativa como esta?

A presión directa e indirecta de políticos e grupos de poder en España é máis consistente que en países como Suecia e Islandia, onde está máis fragmentada. Tanto Suecia como Islandia xa dixeron abertamente que están dispostos a albergar os servidores de Wikileaks e a protexer legalmente os seus integrantes.

O que si están a facer é protexerse, por exemplo, co acordo ao que chegaron co Partido Pirata sueco.

Wikileaks está a tecer toda unha rede cos partidos de extrema esquerda e esquerda verde que hai por Europa. É moi destacable o caso tanto do Partido Pirata en Suecia, co que terán inmunidade unha vez teñan representación no Parlamento, como no caso de Islandia. No medio do proceso convulso que vive a illa, aprobou a iniciativa de medios modernos para o século XXI a instancias de Wikileaks e co visto bo do goberno democristiano e o apoio dos Verdes. Tamén teñen relación co movemento anticapitalista de Francia. Wikileaks sabe moverse de maneira global, mesmo ten participado nalgunha conferencia no Parlamento europeo sobre información. Maís alá da revelación de segredos, saben moverse polas estruturas políticas que lles poden servir de altofalante.

Ve algo negativo nesta iniciativa?

En principio, non. Teñen a máxima de que un mundo no que non haxa segredos será un mundo mellor e posiblemente é certo. O que non sei é se a longo prazo conseguirán o que queren, facer de Wilileaks unha Wikipedia.