Entrevista orixinalmente publicada en Nós Diario o 13 de xullo de 2025
diploma china usc cartaz 2526

Entrevista a Diego Sande, profesor da USC e coordenador da liña de Economía do IGADI: “Se algún país está a ser relevante durante as últimas décadas nas mudanzas globais é China”

A que responde este curso de economía e política China que imparte o Instituto de Estudos e Desenvolvemento da Galiza (Idega) da USC que coordina canda o profesor Ruben Lois?

O contexto internacional está a cambiar nas últimas décadas a un ritmo moi acelerado. A vella concepción do mundo bipolar foi mudando como consecuencia de factores como a globalización, a emerxencia dos coñecidos como “tigres asiáticos”, a desmembración do espazo soviético e o crecemento doutras economías.

Estamos nun novo contexto internacional carcaterizado polo multilateralismo e pola participación de Estados cunha crecente influencia de India, Sudáfrica, Brasil, Arabia Saudí ou Emiratos Árabes, entre outros. Pero se algún país está a ser relevante durante as últimas décadas nas mudanzas globais é China. E na Galiza non existían até agora estudos de posgrao neste campo.

Que materias e temas tratarán durante este curso de posgrao que habilitará aos inscritos como diplomados especialistas en economía e política China?

images china

A través desta iniciativa pioneira na Galiza, a USC e o Idega ofrecen formación de posgrao específica sobre China, cunha aproximación multidisciplinar que permitirá coñecer aspectos sobre a súa historia, cultura, relacións internacionais, sistemas de información, dereito e, sobre todo, as súas políticas e a súa inserción nas institucións e na economía mundial. Este curso pretende dotar aos participantes dunha vantaxe competitiva para posicionarse no mercado laboral e no contexto da economía internacional.

Para favorecer isto, o equipo docente está conformado por un grupo de recoñecidos especialistas a nivel internacional, procedentes tanto do ámbito universitario como do sector privado.

Cal é a resposta que está tendo o curso tan novidoso como este e como pode inscribirse nel algunha persoa interesada?

A verdade é que o curso está a ter unha acollida inicial mellor da que agardabamos, con  prescricións e mostras de interese non só desde Galiza e do Estado español, senón tamén desde outros países. Os perfís son do máis variado, desde profesionais consolidadas a graduados iniciándose no mercado laboral.

A isto axuda que as saídas profesionais que ofrece o curso son das máis variadas, incluíndose desde consultaría especializada en economía e política China até dirección e xestión de grupos de traballo especializados no país, expertos en relacións internacionais, emprendedores, xornalistas, expertos na xestión e aplicación de estratexias de mercado e de política, especialistas en análise xeográfica e investigadores.

China é un actor xeopolítico chave mais ao tempo aínda moi descoñecido. Que se está xogando neste momento a economía galega e Galiza como país en China?

China progresou moito nos últimos tempos en áreas como a tecnoloxía e a actividade industrial, pero tamén en avances científicos. Os países orientais teñen moi estudados os modelos de desenvolvemento occidentais.

image 92

Pola contra, nós apenas sabemos case nada das medidas económicas e políticas que permitiron que, en só catro décadas, un país de 1.400  millóns de habitantes pasase da pobreza ao segundo posto mundial a nivel de PIB. Isto supón unha vantaxe competitiva para o mundo asiático que cómpre reequilibrar. Como tamén cómpre reequilibrar a balanza comercial fortemente deficitaria que temos con China. Mais para iso cómpre coñecer máis da realidade chinesa.

Atopa toda a información e matricúlate no novo Diploma en Economía e Política China