Esta entrevista fai parte do Informe anual da Acción Exterior de Galicia, Informe Nós No Mundo 2021-2022: 25 anos: Da Secretaría Xeral á Lei de Acción Exterior
Luis Alvarez, Portavoz Partido Socialista de Galicia-PSOE

Entrevista a Luis Alvarez, Voceiro do Partido Socialista de Galicia-PSOE

1- O mundo cambiou moito desde o 1997. Que acontecementos ou procesos, galegos ou internacionais destacaría?

Vivimos nun mundo en constante cambio, cheo de desafíos pero tamén de oportunidades para a presenza de Galicia no mundo. Os saltos cualitativos no proceso de construción europea, a transformación da nosa emigración coa a saída de Galicia de moitos integrantes da xeración máis preparada da nosa historia, a intensificación das relacións comerciais internacionais e a sucesión de crises como a que está vivindo o mundo como consecuencia da guerra de Putin en Ucraína, sen esquecer a crise climática… Galicia ten que ter una acción exterior que nos permita participar e aportar a nosa voz a todos estes procesos.

2- 40 anos do Estatuto, 25 da creación da SX de Acción Exterior, cal é o balance?

O balance é mixto. Houbo avances cuantificables en termos de inversión, de comercio, etc. pero a pregunta que debemos facernos e se temos aproveitado todas as potencialidades de Galicia, dun país que leva a apertura ao mundo no seu ADN.

Pensamos que hai moito que mellorar. Temos que facer da acción exterior de Galicia un eixo prioritario do desenvolvemento económico, social e cultural do país, conectando o que facemos fóra coas prioridades políticas nas catro provincias: inclusión social e servizos públicos de calidade, transformación do noso modelo produtivo, aposta pola educación e a ciencia, reversión do noso declive demográfico…

3- E desde o balance, canta marxe queda, dentro do Estatuto, para desenvolver máis a acción exterior de Galicia?

O Estatuto de 1981 non dedica moitas palabras á acción exterior de Galicia alén dun par de referencias ás relacións culturais e ás comunidades galegas do exterior, froito sen dúbida do tempo no que foi elaborado. Pero o Estatuto é un punto de partida. A marxe que deixa o propio texto e a xurisprudencia constitucional sobre a capacidade das CCAA para desenvolver unha acción exterior proactiva é moi grande: cooperación transfronteiriza con Portugal, relacións económicas, lingua e cultura, cooperación para o desenvolvemento sustentable, etc.

4- Que prioridades e desafíos inmediatos ten a política pública de acción exterior en Galicia?

Nestes intres a derrogación do voto rogado presenta unha oportunidade histórica para recuperar e repensar o papel das comunidades galegas no exterior nun concepto máis amplo e innovador de galeguidade, respondendo ás preocupacións dos nosos concidadáns no exterior e convertendo a nosa diáspora nunha fonte de oportunidades para a proxección exterior de Galicia e dos seus intereses. Outros países e territorios con diásporas coma a nosa teñen tecido redes de relacións económicas, comerciais e doutro tipo das que nós carecemos. A Xunta leva 14 años esquecendo á Galicia do exterior, o declive e o abandono son evidentes, e a posibilidade dunha maior participación do exterior na política galega é unha oportunidade para reverter esta tendencia.

5- Que prioridades e desafíos de medio e longo alcance ten a política pública de acción exterior en Galicia?

Debemos actuar sobre todos os eixos, dando un salto cualitativo na ambición da actual Estratexia e da Lei vixentes. Precisamos unha verdadeira política pública neste ámbito: unha maior presencia en Europa máis alá da participación en programas e fondos comunitarios, unha aposta máis decidida pola Eurorexión Galicia-Norte de Portugal como motor de prosperidade dos dous lados da raia pero tamén como plataforma para unha maior presencia comercial e empresarial no resto do mundo, unha visión da galeguidade e da nosa diáspora que vaia máis alá da preservación da cultura e dos vínculos históricos e que integre ás distintas xeracións de galegos e galegas no exterior, unha política industrial e de apoio á internacionalización das empresas galegas como palanca de transformación do noso tecido produtivo no país, e unha política cultural que integre a riqueza da nosa lingua e da nosa cultura xunto coa oportunidade que supón a Lusofonía, e unha política de cooperación á altura dos retos globais e da solidariedade da sociedade galega, que puidemos comprobar claramente na resposta á guerra de Ucraína e que é canalizada hoxe fundamentalmente a través das ONGDs e do Fondo Galego ante a falta de ambición da Xunta.

6- Europa, Eurorexión, Lusofonía, Diáspora, Internacionalización empresarial académica… Mais no desenvolvemento da Lei de Acción Exterior, que papel pode xogar o Xacobeo?

O Xacobeo debe ser algo máis que unha campaña para atraer turistas a Galicia, ámbito no que o éxito é incuestionable. Pero o Xacobeo pode ser moito máis: unha plataforma de intercambios culturais, económicos e de todo tipo e unha “marca” da imaxe de Galicia e do que aspiramos a representar no mundo: un país próspero, dinámico, aberto, innovador.