20060509beijing na television central de china2

Entrevista a Xulio Ríos “No mundo actual, contar con diáspora é contar cunha fortuna”

Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia ARQUIVO
Idiomas Galego
 Xulio Ríos; clic para aumentar
Xulio Ríos: "A participación política das diásporas é un fenómeno cada vez máis estendido e, por regra xeral, entendo que positivo. Nós non o estamos facendo ben porque non contamos con políticas serias nin estables. Hai moito tacticismo, instrumentalización e nula visión de longo prazo".
 

Xornal de Galicia: Como definiría as relacións entre Galicia e os países donde hai unha importante presenza de galegos?

Xulio Ríos: Moi mellorables. Non aproveitamos suficientemente o capital relacional que significa contar con galegos destacados en certos países para afondar nas relacións bilaterais.

Xornal: Os políticos apelan á "débeda histórica" coa emigración e nos países con presenza de moitos galegos historicamente (como Arxentina ou Venezuela) ofrécenselles servizos de carácter sanitario e outro estilo. Non o fan máis ben por motivos electorais?

X. Ríos: Con independencia das motivacións, debemos ser solidarios, como eles o foron con Galicia, pero non limitarnos ao asistencialismo clientelar. E, por riba de todo, mirando máis alá dos Centros Galegos, debemos favorecer a integración dos galegos nas sociedades de destino, o mesmo que lle pedimos aos inmigrantes que están entre nós. Hai moitos galegos no exterior que non precisan esa axuda de Galicia e que poderían axudala a mellorar a súa inserción global. Ese reducionismo simplificador da diáspora é un maltrato incomprensible.

Xornal: Considera axeitado que poidan votar os emigrantes e fillos de emigrantes? Sobre todo, no último caso, xa que moitos nunca estiveron en Galicia nin saben nada de Galicia.

X. Ríos: Creo que deben votar e elixir, é dicir, contar con representantes propios en circunscricións electorais específicas. Precísase un gran pacto neste sentido que recoñeza e potencie esa identificación que moitos senten con Galicia. Que as principais forzas políticas non acadaran ese acordo é un gran demérito. E prexudica a todos. A diáspora non é unha carga nin un problema para Galicia. É unha auténtica fortuna na sociedade actual e pode ser un gran activo estratéxico se temos cabeza para usalo como tal.

Xornal: Hai outros casos de países nos que cando hai eleccións, se fai un forte despliegue en países onde teñen emigrantes e incluso os candidatos viaxan ata alí?

X. Ríos: A participación política das diásporas é un fenómeno cada vez máis estendido e, por regra xeral, entendo que positivo. Nós non o estamos facendo ben porque non contamos con políticas serias nin estables. Hai moito tacticismo, instrumentalización e nula visión de longo prazo. Distorsionamos o problema e malogramos un activo que nunha sociedade globalizada como a actual ten moita importancia. Somos debedores dun axioma hoxe desfasado que afondou na imaxe tráxica da emigración. Nin renunciaron á revolución nin debemos facer do retorno un obxectivo. Hai que librarse da culpa e ollala en positivo.

Xornal: En comparación con outros países, é Galicia dos que proporcionalmente ten máis emigrantes?

X. Ríos: Galicia ten unha diáspora moi importante, pero tamén nisto miramos moito para o noso embigo. Hai poucos estudos comparativos con outras diásporas e escaso intercambio de experiencias e de ideas. Así acontece que a máxima novidade nestes catro anos foi reeditar outra fegaex. Así non imos a ningures. Sempre andamos a mirar cara atrás. Cómpre contar con visións máis innovadoras.

Xornal: Cal é a imaxe que hai de Galicia no mundo?

X. Ríos: Depende en que entorno xeográfico, pero, en xeral, é moi limitada. Non existe unha política de "internacionalización con identidade". A nosa acción exterior é feble e mediocre. Nesas condicións non tiramos moito proveito suficiente dun esforzo que por natureza é complexo e difícil.

Xornal: Deberíanse potenciar os lazos cos países lusófonos?

X. Ríos: Entendo que si. Pór o acento na lingua debe ser unha das variables da nosa acción exterior. Esa dimensión nos singulariza no Estado e é unha vantaxe comparativa importante. Pero levamos tantos anos con Comisión de Traballo Galicia-Norte de Portugal e demais, e nunca incorporamos esa dimensión de forma institucionalizada e activa. Nin os portugueses, que os temos á nosa beira, saben o que é Galicia realmente. Dámolo por feito e non é así. Mesmo no Norte, máis alá do Miño, está España.