20080329 madrid democracia en tibet

Entrevista a Xulio Ríos Tibet non é un problema inventado pero hai máis en xogo

 Democracia en Tibet; clic para aumentar
China non renunciará ao Tibet. Non soamente pola súa importancia estratéxica, ou pola necesidade de contar cos seus recursos (dende o zinc, cobre, chumbo, ata a auga) cando anda buscando materias primas por todo o planeta para nutrir o seu desenvolvemento, senón porque non consentirá facilmente que ninguén estrague o seu proxecto histórico, o renacemento e a volta ao centro do sistema internacional, que é parte inseparable da superación das perdas impostas polos agresores estranxeiros en tempos de debilidade e decaimento. Non é tempo de secesións senón de unificacións: Hong Kong, Macao… Taiwán. (Foto: Manifestación en Madrid, fronte a Embaixada de China, esixindo democracia para Tíbet).
 

Vieiros: As información que chegan a Occidente proceden principalmente de Radio Free (radio financiada por Estados Unidos), Radio Free Europe e Radio Free Asia. Tamén as declaracións do goberno tibetano no exilio e mais os comunicados gobernamentais de China. Como comezou realmente esta última rebelión?

Xulio Ríos: Aquí dise que todo comezou cunha marcha de monxes procedentes da India que intentaban cruzar ilegalmente a fronteira. É habitual o recurso a sinalar que os disturbios internos teñen orixe externa. Non obstante, ese dato, sexa certo ou non, paréceme irrelevante. As causas teñen que ver coas insuficiencias do marco político vixente para poder desenvolver a propia identidade nacional. Esa circunstancia é a que permite que as conspiracións, reais ou non, atopen terreo abonado para emerxer. As autonomías en China presentan numerosas carencias e só no eido académico se ten propiciado nos últimos anos algúns debates sobre a necesidade de alentar cambios para fomentar a co-gobernanza e unha clarificación do actual sistema, moi fraco en todos os sentidos, para favorecer un autogoberno leal. A esperanza chinesa de “superar” ou amortecer a conciencia nacional erradicando o subdesenvolvemento non se sostén. Calquera que teña visitado Tibet percátase con claridade da existencia dunha sociedade dual: os tibetanos seguen, na súa inmensa maioría, co sistema tradicional de vida (gandería, agricultura e relixión), mentres os han (e, en menor medida, os hui, que son musulmáns), xestionan o comercio, os servizos, a industria, etc. O tren Qinghai-Tibet pode favorecer unha maior inmigración e a folclorización da cultura tradicional, onde, certamente, o goberno chinés leva investido moitos recursos nos últimos anos con criterios moi dependentes do desenvolvemento turístico, tanto interno como internacional. Falar de xenocidio cultural é esaxerado, pero non o é certa lamentable mercantilización da cultura tibetana ou que non haxa diálogo cultural suficiente en condicións de igualdade.

Quizais por iso, probablemente se viron sorprendidos polos acontecementos e a súa forza destrutiva, especialmente dirixida contra os han e os hui, optando, nun primeiro momento por non reprimir, ata que Lhasa ardía en numerosos puntos, e os saqueos e ataques a civís se multiplicaban. Eses testemuños, incluido algún dun español que estaba na capital tibetana, foron divulgados, por exemplo, pola AFP. A “ingratitude” dos tibetanos, que se reviran contra un goberno que nos últimos anos investiu grandes cantidades de diñeiro para propiciar un modelo de desenvolvemento que non é de todo compartido por sectores locais, está a xerar moito incomodo na sociedade han, que non comprende, coma boa parte dos seus dirixentes, a urxencia de acometer, como pouco, unha profunda reforma no enfoque do problema nacional, considerando ás minorías como privilexiados dentro do propio país en virtude da exención de certas obrigas (por exemplo, a política do fillo único). Esa actitude e a “solidariedade” occidental están a avivar o nacionalismo han. Por outra banda, o desconcerto foi maior ante o uso da violencia, pois en Pequín sempre se pensou que o Dalai era un garante da loita pacífica. Mesmo chegaron a pensar que era xa un “tigre morto” e que o problema de maior preocupación pasaba a ser o Xingjiang, con menos apoio internacional (seguramente porque os uigures son musulmáns). Pero unha hipotética desaparición do Dalai non resolvería o problema, mesmo podería radicalizalo.

Vieiros: China considera que o Tibet é unha parte integrante do seu territorio. Así o recoñece a comunidade internacional. En Occidente pénsase que os chineses invadiron a rexión en 1950. Mais a historia semella ser máis complexa. Cal é o cerne do conflito?

Xulio Ríos: A historia ofrece argumentos para unha cousa e a contraria. Pero a historia faise tamén todos os días. Non é unha foto fixa. Con independencia desa variable, existen outros factores a tomar en consideración. O determinante é que o pobo tibetano teña posibilidades de exercer o seu autogoberno. A autonomía que brinda China é un simulacro, moi limitada, e incluso inferior á de calquera provincia de maioría han que formalmente non a ten recoñecida.

Outra cousa é deducir diso o apoio ao Dalai Lama, esa mestura de rei e deus, cunhas credenciais democráticas sobradamente discutibles. O futuro debería pasar pola construción dunha sociedade civil real e dinámica, pero dame a impresión de que nin o Dalai nin o goberno chinés están interesados en promovela.

China non renunciará ao Tibet. Non soamente pola súa importancia estratéxica, ou pola necesidade de contar cos seus recursos (dende o zinc, cobre, chumbo, ata a auga) cando anda buscando materias primas por todo o planeta para nutrir o seu desenvolvemento, senón porque non consentirá facilmente que ninguén estrague o seu proxecto histórico, o renacemento e a volta ao centro do sistema internacional, que é parte inseparable da superación das perdas impostas polos agresores estranxeiros en tempos de debilidade e decaimento. Non é tempo de secesións senón de unificacións: Hong Kong, Macao… Taiwán.

Vieiros: O potencial de China é coñecido. Este tipo de revoltas axudan a desestabilizar a economía, non si? Que papel xoga Estados Unidos (sobre todo o goberno, mais tamén os actores de Hollywood) neste conflito? E a Unión Europea, especialmente Alemaña e Francia? E o Dalai Lama? Que estados apoian a China?

Xulio Ríos: É evidente que os feitos non son casuais e que obedecen a unha estratexia orientada a aproveitar o feito olímpico para, dunha banda, chamar a atención sobre a problemática do Tibet; e, doutra, premer na China para tentar influir no seu proceso económico e político.. Hai meses que o Dalai Lama fixo a oportuna rolda de visitas por Washington, Canberra, Berlin, Tokio, etc, onde colleitou ““e revalidou- importantes apoios que agora están emerxendo, moitas veces a través de accións para-institucionais. Cabe imaxinar que haberá moitos episodios con outros temas nos próximos meses, porque as fendas do proceso chinés son moitas (Falun Gong, por exemplo).

Penso que sobre todo inflúen no eido político, aínda que unha cousa e outra non se poden separar tallantemente. Cando China anuncia que non quer ser máis o taller do mundo senón que aspira a pechar a etapa que lle permitiu acceder a uns niveis de acumulación certamente asombrosos, aínda que con moitas sombras, e que aspira a outro modelo desenvolvemento baseado no impulso tecnolóxico, no respecto ao medio ambiente e na mellora social, as tensións co mesmo exterior que lle reclamaba precisamente iso (pero que se beneficiaba dos baixos salarios, inexistencia de controis ambientais, etc.) se disparan, favorecidas tamén polas incertezas existentes na economía internacional. China resiste, polo momento, as fortes presións, sobre todo estadounidenses, para apreciar o iuán, a súa moeda, as queixas interesadamente sobredimensionadas sobre os defectos dos seus produtos, o “alarmante” incremento do gasto militar (inferior ao do Xapón “pacifista”, etc).

O destino de China xógase nos próximos dez anos. Moitos queren que China sexa, como moito, unha especie de Xapón grande, economicamente poderoso, pero inmerso nas redes de dependencia occidental. China vai tentar defender a súa soberanía e está facendo apostas estratéxicas moi fortes. Levan un par de anos dicindo que se aventuran tempos dificiles e que cómpre estar preparados. As presións continuarán con mil e un argumentos para forzar a liberalización dos sectores estratéxicos da súa economía (que aínda controla fortemente o Estado-Partido) e liquidar os intentos de explorar vías propias para acadar unha institucionalidade diferente, que teña en conta a experiencia occidental, tantas veces agresiva, pero tamén a súa propia, tanto no que atinxe ao seu socialismo residual como tamén á civilización confuciana. Compre entender que teñen unha mentalidade e unha escala de valores, non o PCCh senón a sociedade chinesa, que é diferente á nosa.

Todo en China vai moi rápido. Está percorrendo en décadas o que a outros lles levou séculos, pero a súa imaxe internacional considero que está cada vez máis deturpada, o que esperta temores e alenta e xustifica as estratexias de contención. Estase fabricando, por exemplo, a idea dun país moderno e desenvolvido que só existe parcialmente, cando a inmensa maioría dos chineses precisarán aínda un par de xeracións para vivir nunha sociedade de mínimo benestar. China non é só Pequín, Cantón, nin Xangai. Hai que percorrer o centro e o oeste do país e mesmo os arredores da capital para decatarse de que queda moito por andar para falar dun país desenvolvido. E non lle vai ser tan “fácil” como nas tres últimas décadas.

Vieiros: A cinco meses do comezo dos Xogos Olímpicos prodúcese esta circunstancia. É unha coincidencia? Fomentouse agora que o conflito latente se desencadease? Haberá finalmente un boicot as Olimpíadas? Coincide estes días tamén a aparición en numerosos medios de informacións sobre a polución en Beixín; é tan grave como se di ou é comparábel á doutras capitais do mundo?

Xulio Ríos: Non sei que pasará coas Olimpiadas. O boicot dalgúns países é dificil, pero non imposible. Seguro que haberá máis de un desplante. Coido que se debe aproveitar o evento para denunciar as carencias do sistema, pero dubido que o boicot axude a mellorar a situación dos dereitos humanos, por exemplo. Eu levo visitando China dende hai vinte anos e a evolución é palpable, ainda que a un lle gustaría que fose moito máis rápida, claro está. A presión debe ir acompañada do diálogo e de argumentos. Eles teñen os seus e creo que hoxe, a diferenza de hai unha década, por exemplo, asumen que o seu modelo non pode prescindir da democracia e dos dereitos humanos elementais. Diso falaron en outubro, no congreso do PCCh, e tentarán explorar vías propias nese campo, a sabendas de que nos nosos modelos existen factores positivos, pero tamén moitos negativos. Basta lembrar o retroceso experimentado en materia de dereitos humanos dende o 11S en diante.Teñen dereito a explorar outras vías e ir a paso a paso, especialmente tendo en conta as dimensións demográficas do país e as múltiples insuficiencias culturais e educativas de boa parte da súa poboación, sen que isto supoña escusa ou argumento para burlar o respecto ás liberdades.

No que atinxe ao ambiente, a situación, indudablemente, mellorou, pero hai días en que a situación é delicada, especialmente agora, na primavera, coas tormentas de area. Ninguén cuestiona o esforzo realizado, pero se é ou non suficiente para celebrar unha olimpiada, supoño que o COI debe sabelo. En calquera caso, os retos ambientais da China son enormes e afrontalos esixirá grandes esforzos nos vindeiros anos.

Vieiros: A organización francesa Reporteiros sen Fronteiras (RSF) é moi activa contra o goberno chinés. Tamén o é contra outros gobernos socialistas, principalmente en Latinoamérica, mais a Unesco xa se desmarcou recentemente dalgunhas das súas iniciativas e dende diversos ámbitos se lles acusou de estar financiados pola CIA. Actúa realmente RSF con intereses espurios?

Xulio Ríos: Parece evidente que ten certas preferencias, ao igual que algúns actores de Hollywood, etc. Con independencia de métodos, padriños, financiamentos, etc., como argumento descalificador paréceme pobre. Forma parte do sistema. Cada un financia os seus. É evidente que os dobres raseiros non só os practican os estados, tamén as ONGDs, reais ou presuntas. O que si complica e moito é a dificultade de obxectivar porque semella que se un non toma partido é que non se “compromete”. De todos modos, o triste é que actúan sobre problemas reais que saben explotar. China debería reaccionar e anticiparse. Niso están, pero van con medo. A experiencia soviética e os intereses estratéxicos doutras potencias alentan moitas desconfianzas. Agora van a remolque. E na concepción do tema nacional precisan instrumentar un cambio ben profundo.

Vieiros: En que medida afectou a situación do Tibet das últimas datas nas eleccións presidenciais de Taiwan e nos referendos de adhesión da illa á ONU?

Xulio Ríos: Penso que pouco, aínda que había certo temor. Tibet e Taiwán son dous problemas ben diferentes. O KMT, que gañou as presidenciais e ostenta a maioría absoluta no Yuan lexislativo, non ten dúbidas acerca da pertenza do Tibet a China. Iso non quita para que o gañador e futuro presidente, Ma, se amosara disposto a boicotear os xogos ou a recibir ao Dalai Lama, como protesta pola represión chinesa.

Por outra banda, case ninguén cuestiona a pertenza de Taiwán a China. Sen remontarse a máis atrás, entre 1945 e 1949, despois da derrota de Xapón (que ocupou Formosa desde 1895), estivo baixo a administración da China do KMT, en guerra civil co PCCh. Outra cousa é que os taiwaneses queiran agora decidir libremente o seu futuro, pero é unha cuestión diferente da pertenza dende o punto de vista histórico. Cando estaba na ONU, como República de China, representaba a toda China, non só á illa. O reingreso na ONU, como República de China ou como Taiwán, require un acordo político co continente, senón, hoxe por hoxe, é totalmente inviable e a frustración que xera esa reivindicación reduce o espazo internacional de Taipei, moi mermado pola crecente asimetría de forzas e de influencia do continente.