Europa, con certeza, e Galicia… probabelmente, traspasou, de súpeto, os muros impenetrábeis da política interna norteamericana, acorde á cruzada antiterrorista que lanzara o presidente W. Bush tras do 11-S. (Foto: O biturbohélice CN-235M-220, fabricado por Construcciones Aeronáuticas (CASA), con matrícula N168D, é un dos avións empregados nos vos secetos da CIA. ©Balázs Patyi). | |
Na comparecencia do Igadi, á que foi chamado diante da Comisión Redactora do Estatuto de Autonomía, a principios do mes de xuño, propúñamos que no Novo Estatuto de Galicia, debería recollerse, nun apartado propio, oito puntos nos que se enumerasen aqueles instrumentos específicos da nosa acción exterior que deberían facilitarnos a nosa inserción nos fluídos canles das relacións internacionais. Ao tempo formulábamos a necesidade de deixar constancia, no novo texto fundamental da convivencia, daqueles principios éticos universais cos que queremos sentirnos comprometidos. Nomeadamente nos referíamos tanto ao contrato público que deixaríamos explicitado co impulso cívico coa cooperación internacional ao desenvolvemento, como ao compromiso que deberíamos asumir na nosa acción exterior cos principios inspirados na defensa da paz e da legalidade internacional, no respecto e a protección xeral dos dereitos humanos, o bo goberno e o fortalecemento das sociedades civís.
Cun novo estatuto en vigor no que se recollesen estes principios, non habería fenda na que se agachasen hipotéticos episodios tétricos como o que terían a Galicia, e concretamente a Vigo como protagonistas internacionais, entre outros 10 aeroportos españois que servían de plataforma para configurar a mesta rede de rutas entre Guantánamo, Kabul, O Cairo, Iraq… para o traslado irregular e ilegal de sospeitosos de terrorismo. Segundo un informe feito público no Parlamento Europeo, un dos 1.082 vos secretos da CIA, que fixeron escalas técnicas en terminais do territorio europeo tería aterrado, o pasado mes de agosto no aeroporto vigués de Peinador. A Eurocámara elaborou este informe en función das acusacións recollidas contra dos servizos de intelixencia de EEUU que terían empregado territorio comunitario para trasladar a sospeitosos de terrorismo a países onde posteriormente serían torturados.
Europa, con certeza, e Galicia… probabelmente, traspasou, de súpeto, os muros impenetrábeis da política interna norteamericana, acorde á cruzada antiterrorista que lanzara o presidente W. Bush tras do 11-S. Entre os maquiavélicos trebellos legais para a depuración do terrorismo, promulgou a denominada "Patriot Act" ou "Lei Patriota" que ten por título completo o seguinte epígrafe " Unir e reforzar EEUU mediante as ferramentas adecuadas para a interpretación e obstrución do Terrorismo". A manchea de medidas antiterroristas que nela se conteñen, vulneran as liberdades democráticas dos estadounidenses., ao estilo da coñecida "Caza de Bruxas" da Lei McCarhy-Walter.
A Lei "Patriot Act", que propicia a impunidade, permitiu que moitos detidos fosen tratados como auténticos terroristas, só polo feito de ser sinalados como sospeitosos. Non foi a xustiza norteamericana o contrapreso necesario para os excesos na Patriot Act. Máis ben ao contrario serviron como soporte das actuacións do executivo, tal como quedou en evidencia unha sentencia de xuño de 2003, do Tribunal de Apelacións do distrito de Columbia, que bendecía o dereito do Goberno a privar de coñecemento público as detencións de estranxeiros, xa que mantiña que en materia de seguridade nacional, o poder xudicial debería quedar supeditado as directrices do Executivo.
A Galicia inscrita na vella Europa, converteuse nun eslavón da macabra rede de anulación dos Dereitos do Home, trazada dende Washington. Tras da guerra de Afganistán deu paso franco para que tanto o exército dos EEUU, como os seus corpos de intelixencia tivesen paraugas legal que lles proporcionase impunidade, ao negar pública e explicitamente os Dereitos previstos na Convención de Xenebra.
Unha Galicia cun estatuto renovado no que as relacións exteriores estivesen amparadas e inscritas na legalidade internacional, tería que ocuparse e preocuparse institucionalmente de ser garantista dos dereitos recollidos nas convencións universais.
Galicia precisa de novas ferramentas para traballar en novos escenarios no que vai ser actor principal, secundario, figurante ou, mesmo, involuntario. Non deberíamos permanecer durante máis tempo maniatados por anacrónicas normas, de descutible utilidade para o país.