Escocia e Gales: forte presencia do nacionalismo

As eleccións do pasado xoves ao Parlamento Escocés e á Asemblea Nacional de Gales permitiron constatar o importante apoio social e electoral con que contan tanto o nacionalismo escocés como o galés. Nos dous casos convertéronse na segunda forza das institucións representativas.

O Parlamento Escocés, de 129 membros, quedará constituído por 56 representantes do Partido Laborista, 35 do Partido Nacionalista Escocés , 18 do P. Conservador, 17 do P. Liberal e tres independentes, un deles do Partido Socialista Escocés. No caso galés a Asemblea Nacional que conta con 60 escanos quedou configurada do seguinte xeito: 27 deputados do P. Laborista, 19 do Plaid Cymru ou Partido de Gales (nacionalista), 9 conservadores e 5 liberais.

Os resultados veñen confirmar as expectativas avanzadas polas distintas enquisas, se ben o apoio ao Plaid Cymru foi moi superior ao prognosticado e o avance dos liberais menor. A victoria laborista non é suficiente para gobernar en solitario e mesmo non foi quen de reducir a ampla representación do nacionalismo. Os conservadores lograron evitar o desfeita electoral pero foron practicamente igualados polos seus competidores máis directos: os liberais. Para comprender mellor estes resultados cumpre ter en conta que o sistema electoral adoptado é un mestura do proporcional e do tradicional británico de maioría simple por distrito.

O aumento da conciencia nacional en Escocia e Gales non deixa de medrar dende a década dos 70. Ante este ascenso, Laboristas e Liberais optaron pola cesión de competencias mentres que os Conservadores negáronse a calquera caste de descentralización. A ampla maioría absoluta do Novo Laborismo en Westminster tivo un dos seus piares na promesa de cesión de competencias a Escocia e Gales e na restauración da Asemblea do Ulster. O obxectivo laborista de deter o avance nacionalista nas dúas nacións da Gran Bretaña non foi conseguido, aínda que o Premier británico apresurouse a valorar o triunfo electoral do seu partido como un gran éxito e a constatar o feito de que os partidarios de manter a Escocia e Gales dentro do Reino Unido son absoluta maioría.

Pola contra os nacionalistas, exultantes co seu resultado, pretenden constituírse na forza opositora primordial e mesmo teñen a intención, no caso escocés, de conseguir a celebración dun referendo sobre a independencia no prazo dos catro anos da lexislatura que agora comeza, segundo se recolle no seu manifesto electoral. As dúas forzas nacionalistas buscan consolidar as súas expectativas nas vindeiras eleccións europeas e queren reclamar un papel para as nacións sen estado na configuración da Unión Europea como ten posto de manifesto Dafydd Wigley, presidente do Plaid Cymru.

O pacto máis probable para a formación do Comité Executivo de Escocia sería entre laboristas e liberais o que permitiría a Donald Dewar "actual Secretario de Estado para Escocia do goberno de Londres" ser elixido Ministro Principal. O pacto podería repetirse en Gales e deste xeito ao laborista Alun Michael converterse en Primeiro Secretario da Asemblea.