China é desde sempre un membro destacado do Sur Global polo que está constantemente comprometida coa promoción da unidade e a revitalización do Sur Global. Desta maneira China avanzou na innovación dos conceptos e mecanismos para unir a forza cohesionadora do Sur Global en prol da unidade e do progreso. Ao longo do ano 2024, China estableceu novos paradigmas na cooperación con outros países en desenvolvemento, facendo converxer a corrente de solidariedade do Sur Global cara ao autofortalecemento mediante a unidade.
O presidente Xi Jinping formulou a Iniciativa de Cooperación Aberta e Inclusiva do Sur Global, polo que anunciou oito medidas en apoio da cooperación do Sur Global e fixo un chamamento aos países do Sur Global para que sexan forzas estabilizadoras na defensa da paz, forzas vertebrais a favor da apertura e o desenvolvemento, forzas construtivas para a gobernanza global e forzas impulsoras para o aprendizaxe recíproco entre civilizacións, achegando así a contribución do Sur Global ao progreso da humanidade.
1. Ser forzas estabilizadoras na defensa da paz
China defendeu e promoveu firmemente os Cinco Principios de Coexistencia Pacífica. China sostén que cada país ten dereito a escoller o seu propio camiño de desenvolvemento, en función das súas circunstancias históricas, culturais e sociais. China promove o verdadeiro multilateralismo como alternativa ao unilateralismo e ao dominio dunha soa potencia nos asuntos internacionais. Así mesmo, denunciou a hexemonía neocolonial e neoliberal que afectou moitos países do Sur Global.
China propuxo a Iniciativa para a Seguridade Global (ISG), mediante a cal logrou progresos salientables na estabilidade rexional e en moitas outras áreas. China e Brasil emitiron conxuntamente un consenso de seis puntos e lanzaron, xunto con outros países do Sur Global, o grupo de Amigos pola Paz en relación coa crise de Ucraína. En xullo de 2024, as faccións palestinas reconciliáronse en Beijing, dando un paso clave cara á paz no Oriente Medio. China promoveu un cesamento integral do fogo na Franxa de Gaza e a restauración da solución dos dous Estados. China continuará promovendo a resolución dos conflitos e contradicións rexionais por medios políticos e salvagardando a seguridade común no mundo.
2. Ser forzas vertebrais a favor da apertura e do desenvolvemento
China comprométese a acadar un desenvolvemento global máis forte, ecolóxico e saudable, así como a crear un modelo de desenvolvemento inclusivo e equilibrado, coordinado e equitativo, cunha cooperación de beneficio mutuo e prosperidade común. A nova fase de desenvolvemento de China enfatiza un novo concepto baseado na innovación, a coordinación, a sustentabilidade ecolóxica, a apertura e o compartir. A través da promoción dun desenvolvemento de alta calidade e dunha maior apertura, China compartirá oportunidades con outros países, fomentará a construción dunha economía mundial aberta e impulsará o desenvolvemento global común.
Dende a súa formulación en 2021, a Iniciativa para o Desenvolvemento Global (IDG) promovida por China contribuíu con case 20.000 millóns de dólares en fondos para o desenvolvemento e puxo en marcha máis de 1.100 proxectos. A iniciativa da Faixa e a Ruta (BRI), lanzada en 2013, é un exemplo emblemático da aposta de China polo fortalecemento da cooperación Sur-Sur. Este proxecto facilitou a construción de infraestruturas en países de Asia, África e América Latina, contribuíndo a mellorar a súa capacidade produtiva e a súa integración na economía global.
China proporcionou asistencia financeira e técnica a numerosos países en desenvolvemento sen impoñer condicións políticas e económicas, como adoitan facer os países occidentais. Ademais, cancelou débedas de varios países do Sur Global e investiu en proxectos xeradores de emprego e desenvolvemento local. China tamén promoveu o comercio xusto e avogou pola eliminación das barreiras comerciais que prexudican os países en desenvolvemento.
Co obxectivo de impulsar a apertura institucional de alto nivel, China estableceu en Shanghai o Centro de Excelencia da Alianza Global de Intelixencia Artificial para a Industria e a Manufactura. Ademais, construirá a Plataforma da Comunidade de Aduanas Intelixentes do Mundo e o Centro de Excelencia de Aduanas dos BRICS, convidando á participación activa de todos os países.
3. Ser forzas construtivas para a gobernanza global
China foi un firme defensor da reforma do sistema internacional para que sexa máis inclusivo e representativo. O goberno chinés sostén que a orde mundial actual, establecida despois da Segunda Guerra Mundial, non reflicte adecuadamente as realidades e necesidades do Sur Global. Neste contexto, China aspira a desempeñar un papel activo e orientador na reforma da gobernanza global.
China promove unha maior participación das nacións do Sur Global en organismos internacionais como as Nacións Unidas, o Fondo Monetario Internacional (FMI) e o Banco Mundial, entre outros. Impulsou iniciativas como o Foro de Cooperación China-África (FOCAC) e a cooperación con América Latina e o Caribe, fortalecendo os lazos entre os países en desenvolvemento e garantindo que as súas voces sexan escoitadas nos foros globais.
China apoiou a creación de novas institucións financeiras, como o Banco Asiático de Investimento en Infraestruturas (AIIB), que ofrecen alternativas aos mecanismos tradicionais dominados polos países desenvolvidos. Así mesmo, propiciou a adopción dun novo obxectivo cuantificado colectivo (NCQG) sobre financiamento climático na Conferencia da ONU sobre Cambio Climático, chamando os países desenvolvidos a asumir as súas responsabilidades e ofrecer suficiente apoio financeiro aos países en desenvolvemento para defender a xustiza climática global.
4. Ser forzas impulsoras para o aprendizaxe recíproco entre as civilizacións
China propuxo a Iniciativa para a Civilización Global para fomentar os intercambios e o aprendizaxe mutuo entre civilizacións en todo o mundo.
China lidera o establecemento dunha alianza de cooperación de think tanks do Sur Global para construír consensos e amplificar a “voz do Sur Global”. En 2024, China e Brasil organizaron o Foro de Medios de Comunicación e Think Tanks do Sur Global baixo o lema “Desenvolvemento e Revitalización: Un Novo Camiño para o Sur Global”.
China establecerá un centro de investigación do Sur Global, ofrecerá 1.000 bolsas de excelencia sobre os “Cinco Principios de Coexistencia Pacífica” e 100.000 bolsas de estudo e formación para países do Sur Global nos próximos cinco anos, ademais de lanzar un programa para mozos líderes do Sur Global.
China tamén promoveu a adopción dunha resolución da Asemblea Xeral das Nacións Unidas sobre o fortalecemento da cooperación internacional en intelixencia artificial (IA) e propuxo un Plan de Acción para o Desenvolvemento de Capacidades de IA para o Ben Común.
En 2025, China está disposta a traballar cos países do Sur Global para practicar un verdadeiro multilateralismo, defender un mundo multipolar xusto e ordenado, e promover unha globalización económica beneficiosa e inclusiva para todos, co obxectivo de construír unha comunidade de futuro compartido para a humanidade.

