igadi nos no mundo 2025 weintheworld pages to jpg 0001 1

España e Galicia, similitudes e diferenzas na definición estratéxica da Acción Exterior

Se nas últimas edicións do Informe Nós No Mundo puxemos o acento na necesidade de activar a Lei de Acción Exterior de Galicia, publicada no DOG no 2021, este ano centramos o foco na nova Estratexia Galega de Acción Exterior 2025-2029. Despois de catro anos de preparación pública, oficializouse en marzo do 2025, sendo o primeiro marco estratéxico da nosa Acción Exterior trala aprobación da Lei no 2021.
Liñas de investigación Paradiplomacia Economía
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Palabras chave egaex

O contexto normativo da Estratexia Galega de Acción Exterior

A singularidade cultural, histórica e linguística que caracteriza á Comunidade Autónoma galega facían recomendable o desenvolvemento unha normativa e unha estratexia propias no campo da acción exterior. A publicación da Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, coñecida como Lei Paz Andrade, supuxo o “pistoletazo de saída” para o desenvolvemento normativo da acción exterior galega cos países de lingua portuguesa. Pero foi a publicación da Lei 10/2021, de 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, e coñecida como Lei de Acción Exterior de Galicia, a que supuxo a creación do marco regulatorio para aplicar a acción exterior autonómica no taboleiro de xogo da economía mundial.

Un título preliminar, e dez posteriores constitúen o texto desta Lei. Os contidos da mesma están dedicados a aspectos como a programación da acción exterior, a execución da Estraxia Galega de Acción Exterior (EGAEX), a desenvolvemento do papel de Galicia en Europa e coa Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, ou á regulación de tratados e acordos internacionais.

A comparativa coa estratexia española

A publicación recente da Estratexia de Acción Exterior de España 2025-2029 e da EGAEX 2025-2029 provoca unha oportunidade única para analizar como se proxectan internacionalmente dous niveis de goberno nun escenario caracterizado pola inestabilidade, os cambios estruturais e a crecente competencia.

A visión global estatal fronte á proxección rexional

Un aspecto que cómpre subliñar en primeiro lugar é o feito de que aínda que ambas as estratexias comparten certos principios -como a necesidade de resiliencia, diversificación e cooperación-, as súas prioridades, enfoques e obxectivos presentan diferenzas notables que reflicten ambicións diferenciadas. Así, a estratexia española parte dunha diagnose sistémica dun “mundo en transición” no que identifica tres grandes desprazamentos: 1) Un primeiro desprazamento que se produce desde unha orde mundial baseada en regras a unha dominada por lóxicas de poder e autoritarismo como consecuencia dun multilateralismo debilitado; 2) Un segundo desprazamento, que ten lugar no ámbito da economía e nun contexto proteccionista que impulsa a relocalización de cadeas de valor e a procura de autonomía estratéxica, e que se produce desde o paradigma da eficiencia económica á resiliencia dos modelos de produción; 3) O terceiro desprazamento tería unhas connotacións máis relacionadas coa percepción as relacións internacionais, observando unha mudanza desde o optimismo global da expansión económica ao desencanto, froito da incapacidade de frear as desigualdades crecentes -potenciadas pola dixitalización-, das tensións democráticas e da desconfianza internacional. Esta análise efectuada permite comprender e condiciona, sen dúbida, o punto de partida da estratexia española, ao tempo que explica gran parte dos movementos españois no eido internacional nos últimos tempos.

Pola súa banda, Galicia articula a súa estratexia exterior desde un prisma funcional e rexional, coa fin de posicionar á comunidade. A EGAEX céntrase en atraer investimento produtivo e capital humano, diversificar mercados, xestionar eficazmente os fondos europeos e reducir brechas sociais e económicas coa zona euro, para aproximar Galicia a estándares europeos en PIB, calidade de vida ou sustentabilidade.

A visión económica

No terreo económico, España pon o foco da acción exterior no nivel macroeconómico e na relocalización de cadeas de subministración, a xestión de materias críticas ou a carreira polo liderado tecnolóxico. Galicia, en cambio, centra os seus esforzos en ámbitos máis concretos e sectoriais: fortalecer a súa presenza no mercado interior europeo, potenciar sectores estratéxicos como o turismo ou o pesqueiro e atraer capital estranxeiro. Sen embargo, estas diferenzas na formulación económica non queren dicir que ambos os enfoques non poidan ser complementarios, xa que mentres España aborda as grandes transformacións da economía global, Galicia busca inserirse nelas aproveitando as súas vantaxes comparativas.

Os aspectos demográficos e culturais

Na estratexia española, os desafíos demográficos e culturais non destacan polo seu rol central, xa que a nivel estatal a lectura dos retos orientada a consecución de obxectivos máis na liña da consecución dunha estabilidade macroeconómica e na mellora do posicionamento xeopolítico español. Isto non quere dicir que España e a súa estratexia non recoñeza o valor da proxección cultural, senón que integra este aspecto nun marco máis amplo de diplomacia global. Non obstante, un punto forte da estratexia española pasa por unha maior intencionalidade de apertura cara o mundo asiático.

Para o caso galego, un dos principais aspectos que caracteriza a EGAEX é o peso que outorga ao reto demográfico. Non en van, un dos obxectivos centrais da estratexia galega pasa pola atracción de poboación nova, talento investigador e estudantes estranxeiros, especialmente iberoamericanos e provenientes de países de lingua portuguesa, precisamente nun contexto de envellecemento poboacional. Ademais da cuestión demográfica, a EGAEX outorga tamén un papel estratéxico á cultura, a educación e a diáspora. Neste sentido, pretende promover alianzas coa lusofonía e mecanismos como o Estatuto de investidor da diáspora. Iso si, falta ver como se concretarían algúns aspectos clave pouco traballados no pasado como o desenvolvemento das relacións con Brasil e o mundo asiático, especialmente con China.

Cooperación para o desenvolvemento

En materia de cooperación, ambas as estratexias coinciden en concibila como instrumento de proxección exterior. Pero mentres España salienta o seu papel na loita contra o cambio climático e na prevención de crises globais, Galicia presenta un enfoque máis centrado en proxectos concretos.

Diferenzas na escala, pero obxectivos compatibles?

A estratexia española e a galega non se opoñen, senón que poden resultar complementarias. En termos xerais, España aborda o cambio estrutural da orde internacional cun enfoque xeopolítico, económico e tecnolóxico de gran escala, consciente dos riscos e tensións globais. Galicia, pola súa banda, adapta a súa acción exterior á súa realidade territorial, priorizando a competitividade económica, a atracción de talento, a proxección cultural e a cohesión social. Con todo, a clave será o desenvolvemento das estratexias, a dotación orzamentario real para os retos e a concreción das actuacións, e aí existen aínda deberes pendentes herdados.

Mais para aproveitar esta oportunidade complementar no nivel autonómico sería conveniente que a EGAEX fose capaz primeiro de concretar orzamentos, formas ou prazos de execución dalgúns dos obxectivos de máximo interese. Sería desexable tamén o desenvolvemento dun plan específico para o fortalecemento das relacións co resto de países europeos, a potenciación das relacións comerciais con países como Brasil e co resto de economías emerxentes, como China. Ademais, outros aspectos serán claves. Algúns deles serán a integración, coordinación e promoción da incipiente acción exterior local, o fomento da unidade da dispersa acción internacional das universidades, a promoción do turismo sustentable, ou o fomento da comunicación coa diáspora con fins económicos coñecidos, e non só con finalidade electoral. Por último, para avaliar os logros acadados, tamén serían desexables indicadores de desempeño axeitados aos obxectivos propostos, significativos e medibles.

En definitiva, non cabe dúbida de que falta aínda moito camiño por percorrer, e que todas as mans son necesarias para seguir aportando a este proceso de permanente construción da acción exterior en Galicia.

Descarrega desde aquí o Informe anual Nós No Mundo 2024-2025

Podes coñecer as 16 edicións do Informe Nós No Mundo desde aquí.