20070921washington bernard kouchner e condoleezza rice

Espasmos belicistas

 Bernard Kouchner e Condoleezza Rice, clic para aumentar
Sorprende en todo caso a proclama de Bernard Kouchner, en clara contradición coa política auspiciada pola UE de esgotar a vía das sancións, e que sitúa a diplomacia gala na órbita da estadounidense e moi lonxe dunha tradición que sempre fixo fincapé no respecto da legalidade internacional e do sistema onusino. (Foto: Bernard Kouchner e Condoleezza Rice en Washington o 21 de setembro de 2007).
 

A coincidencia dos arrebatos belicistas de Bernard Kouchner, ministro de asuntos estranxeiros galo, cos ataques israelís sobre Siria (e a subseguinte ameaza de Irán de bombardear Israel se é atacado por Tel-Aviv), xunto co avivamento dos rumores sobre o uso da forza contra Irán por parte de Estados Unidos que motivaron unha elevación significativa da tensión na fronteira irano-iraquí, engadiron incerteza a un litixio que, á vista da desfeita iraquí e das persistentes resistencias rusas e chinesas, semellaba encamiñarse pola senda da negociación. O mes pasado, a propia Axencia Internacional da Enerxía Atómica lograba un acordo con Teherán para dotar de transparencia o programa nuclear iraniano, civil segundo Teherán e con propósitos militares segundo Estados Unidos. Alemaña, que negocia o contido dun novo paquete de sancións que promove Washington, é partidaria de dar unha oportunidade a Irán, ao igual que Italia. Todos eles manifestáronse nos últimos días en contra do uso da forza militar contra Irán. Esas declaracións duns e doutros e as filtracións interesadas do Pentágono respecto da preparación de plans de ataque (que poderían concretarse en bombardeos selectivos á volta de 8-10 meses), poderían ter como obxectivo obrigar a Irán a facer concesións.

Sorprende en todo caso a proclama de Kouchner, en clara contradición coa política auspiciada pola UE de esgotar a vía das sancións, e que sitúa a diplomacia gala na órbita da estadounidense e moi lonxe dunha tradición que sempre fixo fincapé no respecto da legalidade internacional e do sistema onusino. Nin Londres, afeita a estar incluída no bando dos duros, mencionou nunca, explicitamente, a posibilidade de iniciar unha guerra contra Irán, menos agora que Brown aspira a tomar distancias dun Bush totalmente desautorizado, ata por Greenspan. O "progresista" da dereita plural de Sarkozy non modera ao seu presidente, que en agosto pasado xa se amosaba partidario de accións por libre contra Teherán, senón que rifa con el en atrevemento.

O impacto de tan extemporáneo espasmo en Irán despois da elección do reformista Rafsanjani como presidente da Asemblea de Expertos está por ver. Rafsanjani é considerado o pai do programa nuclear de Irán, se ben é partidario dunha aproximación ás potencias occidentais, incluído EEUU. A rivalidade entre Rafsanjani (que perdeu as eleccións en 2005 a pesar de ser o candidato máis votado na primeira volta) e Ahmadinejad, de visita na ONU esta semana, irá in crescendo, especialmente en materia de política exterior, onde o primeiro é valedor dunha política máis orientada ao diálogo e que poña fin ao illamento internacional de Teherán.

Que sentido ten que neste contexto Kouchner aposte pola inflexibilidade? A chegada ao poder de Sarkozy semella implicar un cambio de rumbo no papel de Francia na escena internacional, cunha maior aposta pola presenza en ámbitos como Medio Oriente e África. Nos últimos tempos, a presenza da diplomacia gala en Libano, Israel, Palestina, etc, e ou reviramento promovido en Iraq parecen indicar que París ambiciona tomar parte activa na hipotética remodelación da orde rexional. Pero alá onde pisa, atopase coa crecente e entorpecedora influencia da República Islámica. Washington e París, aínda non compartindo todo, poden trazar moitos intereses comúns. A reconsideración da tradicional aposta francesa polo diálogo, sempre máis intensa ca de moitos outros países europeos, cabe contextualizala nese cambio de rumbo.